DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha instrución de Xerencia fixa desde hoxe as medidas preventivas para o PAS 

A Universidade baleirase no primeiro día de peche efectivo por mor do coronavirus 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 16/03/2020

No primeiro día laborable trala resolución do pasado sábado, na que o reitor resolvía o peche temporal de instalacións, centros e servizos da Universidade de Vigo co obxectivo de evitar a propagación do coronavirus, tanto as facultades, como as escolas, as dependencias administrativas, deportivas e comercias dos tres campus permanecen baleiras. A prohibición de acceso, agás para o PAS, cuxos servizos esenciais quedaron hoxe fixados por unha instrución de Xerencia, como para o PDI en casos xustificados, recollida na resolución reitoral, foi atendida masivamente pola comunidade universitaria, que de xeito unánime abstívose de acudir aos seus centros de traballo. O PDI e o PAS súmase así ao alumando, que desde o pasado venres deixaba de acudir ás aulas, atendendo as directrices ditadas por parte do executivo galego.

Durante o peche de centros, instalacións e dependencias, que se prolongará, segundo a resolución reitoral, ata o 29 de marzo (16 días naturais partir da data da resolución), segundo se recolle na instrución da Xerencia publicada hoxe, todo o persoal de administración e servizos cuxas funcións se realicen dentro de dependencias da UVigo e que permitan o seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Pola súa banda, o PAS que non poida facelo así, deberá permanecer localizable no seu domicilio, debendo reincorporarse ao seu posto de xeito presencial, se así se require por necesidades de servizo. Ademais de confirmar que durante este período non se prestará atención ao público de xeito presencial, realizándose unicamente a través de teléfono e correo electrónico, a instrución sinala que todo o PAS permanecerá localizable e deberá reincorporarse aos seus postos de traballo de xeito presencial se así se require por necesidades de servizo.

Instrución para o PAS que desempeña funcións de carácter esencial

A instrución xerencial, publicada a primeira hora da tarde, tras unha mañá na que se sucederon as reunión entre membros do equipo de goberno, Xerencia, responsables de áreas e servizos e representantes sindicais, sinala que o PAS que desempeñe funcións de carácter esencial (as desenvolvidas polos responsables dos servizos, unidades e áreas; mantemento de instalacións; comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pagamento a provedores; pagamento de nóminas e seguros sociais ao persoal ou calquera outra, que determine a Xerencia por considerarse necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas), deberá acudir de xeito presencial ao seu lugar de traballo, cando o desempeño das súas funcións así o esixa ou determinen os seus responsables. 

Neste caso, as persoas responsables destes servizos establecerán quendas necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar o máximo posible o risco de contaxio laboral. A tal efecto arbitraranse medidas organizativas para a protección da saúde, como a entrada ás dependencias de forma individualizada ou mantemento dunha distancia de seguridade entre persoas de 1,5 m. O persoal autorizado accederá ás dependencias mediante o uso da tarxeta universitaria ou chamando previamente ao cento de control do servizo de vixilancia.

Teledocencia e acceso restrinxido ao PDI con investigacións experimentais en marcha

O profesorado, como xa avanzara o reitor na súa resolución, conta coa plataforma de teledocencia Faitic, que leva anos funcionando na UVigo e que é de uso habitual na docencia por parte da maioría do profesorado e do alumnado, para propoñer actividades que substitúan, na medida do posible e sequera parcialmente, as actividades presenciais previstas estas semanas de peche. Así mesmo, a Universidade, a través do seu Campus Virtual, está a ultimar un sistema de aulas en directo, que permitirán impartir docencia mediante videoconferencia, con funcionalidades adicionais (compartir pantalla e presentacións; chat ou gravación). 

No caso do PDI, o seu traballo está igualmente restrinxido á alternativa non presencial, aínda que para evitar que se perdan experimentos en marcha, naquelas investigacións experimentais iniciadas, poderán acceder aos centros con tarxeta, aínda que se lles solicita que se faga en casos realmente xustificados, durante o tempo mínimo e sendo escrupulosos coas medidas anticontaxio.

Por outra banda, hoxe se confirmou a data de celebración do Consello de Goberno previsto para mañá martes e que se adiou por causa das medidas adoptadas para combater o coronavirus. A sesión ordinaria celebrase o vindeiro 24 de marzo no Paraninfo do edificio Ernestina Otero, aínda que se solicita aos membros do órgano de goberno que participen na sesión de xeito telemático a través do Campus Virtual.