DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta inaugurou o inmoble rehabilitado, no que a institución contará con tres plantas

A Universidade buscará fortalecer a súa presenza na cidade no edificio de Benito Corbal 

Nas próximas semanas, asinarase un convenio coa administración autonómica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 17/06/2019

Despois un investimento de preto de cinco millóns de euros e de 14 meses de obras, a Xunta de Galicia inaugurou hoxe o rehabilitado edificio de Benito Corbal no que a Universidade de Vigo disporá de tres plantas que permitirán á institución académica “fortalecer a nosa presenza na cidade”, como salientou o reitor, Manuel Reigosa. Universidade e Xunta de Galicia asinarán nas próximas semanas o convenio que permitirá rematar e equipar os espazos reservados á institución académica neste inmoble, que se converterá na sede institucional do Campus Crea e no que se apostará por “espazos multifuncionais”, como explicou o reitor.

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, o vicepresidente da administración autonómica, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participaron este luns, xunto a Reigosa, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nun percorrido por estas instalacións, nas que se emprazarán tamén as oficinas de emprego das administracións autonómica e estatal e que contan ademais cunha serie de espazos para asociacións da cidade. Trátase, como sinalou Nuñez Fejóo neste acto, dun “edificio moderno e versátil”, con preto de 6000 metros cadrados e oito plantas, das que quinta, sexta e sétima poranse “a disposición da Universidade, que as vai dedicar a cuestións de innovación e investigación do Campus Crea”. Nese mesmo senso, Rueda salientou que estes espazos permitirán á institución académica “consolidarse aínda máis na cidade, nun lugar emblemático no centro de Pontevedra”, mentres que Fernández Lores lembrou que a “idea inicial” que o Concello trasladara no seu día á Xunta de cara á recuperación dun edificio que levaba en desuso desde 2008 pasaba tamén porque o seu “uso principal” estivese centrado nos eixos “da creatividade e a innovación”, en consonancia co propio proxecto de especialización do campus pontevedrés.

Espazos polivalentes nos que apostar pola innovación

No caso concreto dos espazos reservados á Universidade, Rueda anunciou neste acto que “nos seguintes días” Xunta e Universidade asinarán un convenio “que permita rematar as plantas” coas que contará a institución académica neste edificio, “no que as dúas partes achegaremos o financiamento que restaba”. 

Unha vez se realice esta sinautura, engadiu o reitor, “empezaremos xa a traballar” no acondicionamento e equipamento destas plantas, nos que  “o traballo que está facendo a Vicerreitoría do campus vainos permitir que teñamos un espazos que van a ser moi funcionais e moi abertos, para permitir traballos moi distintos”. “Estamos moi esperanzados”, recoñeceu Reigosa, que subliñou que este inmoble “vainos permitir gañar posicións no campus de especialización Campus Crea”, xa que, aínda que os usos finais presentaranse despois da sinatura deste convenio, un dos obxectivos da Universidade nesta sede será “mellorar a nosa posición en I+D+i”. Así mesmo, o reitor lembrou que se trata dun edificio “moi ben posicionado” que posibilitará “que a Universidade colabore tamén con outras institucións e coa empresa privada”.