DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración con investigadores de Granada e da Politécnica delle Marche (Italia)

A Universidade participa nun estudo internacional que demostra que a mel de érbedo inhibe a proliferación celular en liñas de cancro de colon

Os resultados acaban de ser publicados no Journal of Functional Foods

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 16/05/2019

O mel que se extrae das flores do érbedo (Arbutus unedo) é apreciada no sector apícola polas súas características organolépticas, especialmente polo seu forte sabor amargo e cor escura. Agora, científicos das universidades de Vigo, Granada e a Politécnica delle Marche (Italia) acaban de analizar por primeira vez o potencial deste produto mediterráneo fronte ao cancro máis frecuente en España: o de colon. Os resultados deste estudo recólleos o Journal of Functional Foods e amosan que o mel de érbedo é quen de inhibir a proliferación de células tumorais cultivadas en placas de laboratorio. En concreto, as dunha liña de adenocarcinoma de colon humano (HCT-116) e outra con características metastásicas (LoVo) moi empregadas para investigar este tipo de tumor.

O estudo, difundido este venres por Agencia SINC, está coordinado por Maurizio Battino, investigador que lidera o Grupo de Ciencias da Nutrición e dos Alimentos da Universidade de Vigo, e conta coa participación do Grupo de Nutrición e Bromatoloxía, que lidera Jesús Simal, xunto co Departamento de Fisioloxía do Instituto de Nutrición e Tecnoloxía dos Alimentos ‘José Mataix’ da Universidade de Granada e o Dipartimento di Scienze Cliniche Specialistiche ed Odontostomatologiche da Università Politecnica delle Marche. 

“O tratamento co mel detén o ciclo das células tumorais regulando algúns xenes (ciclina D1, CDK2, p27Kip…), inhibe a migración celular, reduce a capacidade de formación de colonias e induce a apoptose ou morte celular programada a través da modulación de outros xenes clave (p53, caspasa-3, c-PARP) e diversos factores apoptóticos”, apunta Battino. “Tamén suprime o receptor do factor de crecemento epidérmico chamado EGFR/HER2 e as súas vías de sinalización, que poderían constituír unha atractiva diana nas terapias contra o cancro pola súa importante función nos procesos de supervivencia e proliferación celular, así como nos de apoptose e metástase”.

A citotoxicidade e os efectos antitumorais do mel de érbedo fronte ás liñas de cancro de colon incrementáronse coa cantidade e o tempo que se aplicou o tratamento. Este conduciu a outros resultados relevantes, como unha redución dos factores de transcrición, a actividade de certas encimas, a respiración mitocondrial e a glicólise das células tumorais.

Potencial anticanceríxeno dun produto natural

Os investigadores deste equipo internacional explican que “ningún de todos estes efectos se observou cando se aplicou o mel a liñas celulares sas” e apuntan o potencial anticanceríxeno deste produto natural, pero insisten na necesidade de realizar novos estudos en modelos in vivo de cancro de colon para confirmar os seus efectos quimiopreventivos. 

"Con estes datos aínda non se pode falar de curación ou prevención segura do cancro colorrectal grazas ao mel de érbedo", subliña Battino. Non obstante, o científico da Universidade de Vigo apunta que “este traballo constitúe un punto de partida no empeño de avaliar os seus posibles efectos biolóxicos e anticanceríxenos e sinala os principais mecanismos moleculares a través dos cales exerce o seu efecto, reforzando o interese no estudo e produción deste alimento mediterráneo”. En conclusión, engade, “é unha peza máis que evidencia como unha alimentación sa, equilibrada e natural pode achegar compostos bioactivos con posibles efectos interesantes no control e desenvolvemento de enfermidades tan críticas como este tipo de cancro".