DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A colaboración abrangue desde a creación dun laboratorio ata prácticas para o alumnado

A Universidade de Vigo e Boeing alíanse para a promoción da formación aeroespacial

No marco do proxecto da Civil UAVs Initiative 'SkyWay'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/09/2019

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe, asinaron este mércores no campus de Ourense un convenio de patrocinio para a promoción da formación aeroespacial e as carreiras de enxeñarías. A colaboración abrangue aspectos como a creación dun laboratorio na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, ubicada neste campus, a realización de prácticas do alumnado deste centro na empresa e a creación dun premio para fomentar o talento. O acordo forma parte do Proxecto SkyWay, a achega de Boeing ao Civil UAVs Initiative da Axencia Galega de Innovación, con financiamento da Xunta de Galicia e Feder.

Colaboración público-privada

Trala sinatura do acordo, o reitor da Universidade de Vigo destacou como este convenio constitúe unha liña de acción “importante dende logo para nós como institución” pero tamén “unha liña importante para o país”. Así, Manuel Reigosa recalcou a importancia da colaboración público-privada no “ecosistema de innovación e desenvolvemento”. “O convenio que vimos de asinar agora vai a axudar a todo este ecosistema, vai a permitir que haxa máis talento en circulación”, afirmou. Sobre as accións que contempla o acordo, o reitor fixo fincapé en que “parécenos importantísimo que os nosos estudantes teñan unha entrada no mundo da empresa, que poidan facer traballo real en empresas punteiras”, lembrando como este curso académico a Universidade de Vigo “porá a disposición da sociedade” a primeira promoción de titulados e tituladas do Grao de Enxeñaría Aeroespecial formada nas súas aula.

Pola súa banda, José Enrique Román, director xeral de Boeing Research & Technology-Europe, agradeceu á Universidade de Vigo e á Xunta de Galicia as súas contribucións “á tecnoloxía aeroespacial e do futuro”. Concretamente sobre a Civil UAVs Initiative na que se enmarca o acordo asinado, apuntou como “é un proxecto clave para Boeing en Europa e reforza o compromiso da compañía coa industria e centros de investigación galegos no desenvolvemento de tecnoloxía para o futuro da industria aeroespacial”. Recalcando a importancia que tamén ten neste proxecto a aposta pola formación e o impacto social, José Enrique Román salientou como “a Universidade de Vigo é un referente sen dúbida non só en Galicia senón no contexto español e europeo” e como “nos ilusiona contribuír a profundar na aprendizaxe e o éxito dos seus estudantes”.

Por último, Francisco Conde destacou no acto que "este acordo que nace no marco do Polo Aeroespacial de Galicia supón un fito no ámbito da colaboración público-privada e contribuirá a que a nosa comunidade siga adiante no seu obxectivo de ser referente da industria aeroespacial". O conselleiro tamén salientou como “hai un futuro apasionante no ámbito industrial e no ámbito aeronáutico e desde logo Galicia quere participar e quere xogar un papel activo nesas solucións e iso significa formación e un traballo conxunto entre o tecido produtivo e os centros de coñecemento”.   

O acordo

O obxectivo do acordo é “promover o desenvolvemento de competencias profesionais no alumnado universitario; mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa, fomentar a formación continua, a innovación e a investigación”. O convenio contempla cinco liñas de actuación. A primeira delas é a dotación de material para a creación nos vindeiros meses dun laboratorio destinado ao estudo de actividades aeroespaciais que se denominaría Boeing-Lab e que estaría ubicado nas instalacións da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. A modo de exemplo, o material de laboratorio podería incluír ordenadores destinados á computación, software de investigación e análise, simuladores de tráfico e/ou voo, etc. Ademais, a colaboración abrangue a organización de xornadas de difusión conxuntas centradas na tecnoloxía aeroespacial; promover o Premio Boeing ao mellor expediente académico nos diferentes títulos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; a oferta de prácticas na empresa para o alumnado deste centro e a proposta por parte de Boeing de liñas de actividade relativas a traballos fin de grao, mestrado ou doutoramento. Para estas accións, Boeing achegará en 2019 e 2020 un total de 50.000 euros.

No marco do Proxecto SkyWay

A iniciativa, explicouse na súa presentación, xorde no marco do Proxecto SkyWay. Segundo explican desde Boeing, en 2018 o seu Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía (Boeing Research & Technology-Europe) resultou adxudicatario do proxecto lanzado pola Xunta de Galicia baixo a fórmula de compra pública pre comercial para abordar a Xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos dentro do marco da Civil UAVs Initiative. O principal obxectivo deste proxecto é o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que permitan avances nos retos operativos e de seguridade que implica o despregamento de sistemas non tripulados en espazos aéreos compartidos. A posta en marcha deste proxecto inclúe unha serie de actividades clave no marco socio-económico para a rexión segundo os seus promotores. Neste senso, indican desde a entidade, “Boeing aposta polo ensino para os máis novos en materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, a realización de talleres aeronáuticos orientados a mozos en idades escolares e colaboracións con universidades e clústers aeronáuticos”.

Mestrado e universidade privada

A preguntas das xornalistas, o reitor falou trala sinatura do convenio do estado de tramitación do Mestrado de Aeroespacial e de IESIDE. Sobre o primeiro dos puntos indicou que “non hai novidades” e como “nós seguimos na nosa posición institucional”. Sobre a posibilidade de que a Universidade da Coruña conte co seu propio mestrado neste eido o reitor indicou que “entendo que non se poden pór a estas alturas dúas titulacións semellantes en dúas universidades do Sistema Universitario de Galicia, creo que sería mal precedente e que ademais non está nin na idea da Xunta nin nos acordos que se negociaron. Eu entendo que sexa como sexa, a titulación vaise impartir en Ourense”. Sobre IESIDE, o reitor dixo que “estamos negociando sen ningún tipo de problema cos xestores de IESIDE para que a súa desadscrición se faga nos termos previstos inicialmente no convenio”. “Entendemos que as titulacións da Universidade de Vigo son da Universidade de Vigo e entendemos que as titulacións que se implanten dentro da eventual universidade privada serán titulacións que cumpran exquisitamente as regulamentacións e as leis e que polo tanto sexan titulacións novas e complementarias ao sistema universitario público”, afirmou Reigosa.