DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta fixou o 15 de abril como data límite para garantir a docencia non presencial 

A UVigo dótase de ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos relacionados coa obriga de impartir docencia virtual

Os centros comunicarán ás irregularidades á Reitoría que estudará os casos e tomará medidas 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 07/04/2020

Aínda que a docencia virtual xa era unha obriga na Universidade de Vigo desde o pasado 30 de marzo, a Resolución Reitoral publicada este martes incide neste deber, asumido xa por máis do 90% do profesorado da institución académica viguesa, que está a atender ao seu alumnado e a desenvolver as súas materias cos medios que considera máis oportunos. Esta Resolución reforza a Instrución da Secretaría Xeral de Universidades do aseguramento da calidade da docencia non presencial nas universidades do SUG, publicada onte, e na que se fixa o 15 de abril como data límite para o cumprimento por parte do profesorado dos requisitos mínimos que garantan a docencia non presencial. Ter operativa unha aula virtual ao dispor do alumnado; adaptar a programación docente ás metodoloxías non presenciais; impartir as materias respectando as datas contempladas no calendario académico 2019-2020 ou impartir integramente, agás en casos excepcionais, os contidos de cada materia, son algúns dos requisitos mínimos que, segundo a Xunta, as e dos docentes terán que cumprir como límite o 15 de abril para garantir a docencia presencial ao seu alumnado. 


“Agora toca dotarnos de ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos que se detecten. Desde a Reitoría tentaremos contactar con docentes que non cumpran con esta obriga para coñecer a súa situación, xa que poden existir situacións de moi diverso tipo, polo que non se pode formular unha medida xeral”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado. “Basicamente o que facemos coa Resolución é darlle unha solución aos decanatos e direccións dos centros, que agora non sabían que facer unha vez que detectaban unha situación de posible incumprimento e agora xa teñen claro que deben comunicalo á Reitoría, que se ocupará directamente deses casos”, sinala Ramos. Así se recolle no punto tres a Resolución Reitoral publicada hoxe, que confirma a finalización da docencia física presencial nos centros da UVigo, tal e como acordaron onte a Xunta e os reitores do SUG. 

Medidas para garantir a docencia virtual en todos os niveis 

Toda a docencia oficial debe adaptarse á situación de non presencialidade, o que inclúe desde o primeiro curso de grao ata o doutoramento, “de feito levamos xa tres teses de doutoramento defendidas en modo non presencial”, destaca o vicerreitor, que asegura que se están a poñer medidas para resolver todos os casos que se comunicaron ata este intre. “Hoxe cúmprense xa 25 días desde o comezo do período de docencia non presencial, polo que entendemos que os casos que non se teñan comunicado ata de agora non son graves. Obviamente haberá problemas que non poidamos resolver, porque non está nas nosas mans, como poden ser os de conciliación no fogar, pero neses casos teremos que buscar medidas para minimizar o seu efecto, como pode ser o activar a opción de gravar as clases do Campus Remoto para que se poidan seguir a diferentes horas, ou con conectividade lenta, que non permita o seguimento en directo” detalla Ramos. 

Ademais de reforzar FaiTIC, a ferramenta de docencia virtual coa que a Universidade de Vigo conta desde hai 16 anos, a UVigo puxo en funcionamento ao paralizarse a docencia presencial Campus Remoto, que ademais de incluír FaiTIC, contén como gran novidade as aulas virtuais en directo, xemelgos virtuais da estrutura docente da UVigo, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), o que está evitar os problemas de sobrecarga que si están a sufrir as plataformas polas que optaron outras universidades como Skype, Google, etc... Só no período comprendido entre o 27 de marzo e o 3 de abril, as aulas virtuais foron utilizadas por preto de 47.000 estudantes e case 9000 docentes. 

Mantense a incerteza sobre os exames finais

En relación cos exames finais deste curso, Manuel Ramos lembra que a Secretaría Xeral de Universidades quere, que se é posible, se adopte unha solución única á nivel de SUG. “Non obstante nas últimas reunións acordouse que era pronto para decidilo, xa que a situación é de incerteza xa que o actual confinamento remata o 26 de abril, pero con anuncio de posibilidade de alongarse”. Nunha próxima xuntanza tratarase o tema das avaliacións finais e a posibilidade ou non de modificar o calendario a finais de abril, coa idea de que nese momento o panorama sexa máis claro. “Sei que hai inquedanza na comunidade universitaria, que quere certezas cara a planificar o que queda de curso, pero nos non dispoñemos de augures, como tiñan na antiga Roma”, asegura o vicerreitor.