DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio coa Xunta

A UVIgo prorrógalles os contratos ás investigadoras posdoutorais que se acolleron a permisos de maternidade nos últimos anos 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigar
DUVI 06/07/2020

A Universidade de Vigo dará continuidade, a través dun convenio coa Xunta, aos contratos de dúas investigadoras posdoutorais que se acolleron a permisos de maternidade nos últimos anos, incluíndoas nun convenio de I+D  asinado co executivo autonómico, no que a UVigo propuxo unha modificación que contemplase os contratos destas dúas persoas ata o máximo posible no marco deste convenio (31 outubro de 2020), no caso de que acaden avaliación positiva ao longo deste mes. A vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, lembra que as prórrogas afectaron ás investigadoras posdoutorais da modalidade A dentro da convocatoria do 2016, que rematarían o seu contrato desta modalidade en xuño de 2019, se ben con motivo das baixas por maternidade os contratos estendíanse ata decembro do 2019 ou xaneiro do 2020. “O problema radica no plantexamento, a meu xuízo erróneo, da convocatoria, que lles impedía participar na convocatoria da modalidade B ao non ter rematado o contrato da modalidade A en xuño, como o resto da súa cohorte, que non tivo ningún tipo de baixa. Isto daba lugar a que estas persoas quedaran, polo tanto, sen contrato ata xuño do 2020 (é dicir, uns seis meses)”, explica Belén Rubio.

Ante esta situación, as e os vicerreitores de Investigación do SUG solicitaron á Xunta  unha solución a esta problemática, ao que o executivo autonómico respondeu asinando ese mesmo mes un convenio co obxectivo de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas e que se puideran presentar na vindeira convocatoria nas mesmas condicións que o resto das persoas candidatas, estendendo os seus contratos ata xuño do 2020. “O problema veu cando con motivo do estado de alarma pola pandemia da covid-19, paralizouse todo, e a nova convocatoria pospúxose, ata finais de ano. Nese caso a Xunta prolongou seis meses os contratos de todo o persoal investigador de calquera convocatoria, incluíndo o do persoal da cohorte que agora competiría con elas. O asunto era que estas investigadoras xa non estaban no marco da convocatoria e de novo volvían a ver interrompida a súa carreira por outros seis meses e ademais tiñan sufrido tamén os problemas do confinamento ao igual que o resto do persoal investigador destas convocatorias”, detalla a vicerreitora, que explica que a situación se solucionou incluíndoas nun convenio de I+D que asinaran coa Consellería, no que se propuxera unha modificación que contemplase os contratos destas dúas persoas ata o máximo posible no marco deste convenio (31 outubro de 2020), no caso de que acaden avaliación positiva ao longo deste mes. 

Na UVigo, neste intre, son dúas as investigadoras que se acollen a esta prórroga, se ben na anterior, sumárase tamén unha persoa con permiso de paternidade e o resto dos investigadores e investigadoras desa cohorte, de tal xeito, que tiveron continuidade na carreira investigadora entre a modalidade A e a modalidade B, agás aqueles/as que non acadaron avaliación positiva. Ademais dos dous casos de Vigo, había outra persoa afectada na USC, que tamén aceptou a proposta da Xunta para incluír o contrato deste persoal no convenio. Pola súa banda, a UdC non tiña ningún persoal afectado nesta situación.

Medidas de acción positiva para as carreiras das investigadoras

 “En particular as investigadoras afectadas por esta situación finalmente disfrutarán duns 10 meses de contrato extra, en comparación coa súa cohorte. Ademais, finalmente terán unha vantaxe duns catro meses máis de contrato sobre os casos nos que agora a Xunta estende seis meses, co que poderíamos dicir que sufriron unha discriminación positiva”, explica Rubio, que lembra, que xa hai máis dun ano a UVigo convertíase na primeira institución de educación superior española en promover unhas medidas de “acción positiva” nas convocatorias propias de avaliación do PDI para paliar os paróns na carreira académica derivados da brecha de coidados e que se enmarcan dentro do selo europeo de calidade que a UVigo revalidou en maio do ano pasado (HRS4R).

“Ademais, no que atinxe ao caso das investigadoras postdoutorais quero subliñar os esforzos e peticións feitas á Consellería por parte tanto da Unidade de Igualdade da UVigo como da Vicerreitoría de Investigación para evitar o parón que podían sufrir estas investigadoras desde comenzos de ano. Neste sentido, estamos a negociar coa consellería os cambios nesta convocatoria de postdoutorais para evitar ou minimizar os impactos negativos que poida ter na carreira das investigadoras”, engade Belén Rubio.