O obxectivo é aumentar a mobilidade de alumnado e PDI entre ambos centros
Vigo reforza os lazos de cooperación coa universidade arxentina de Comahue
Tras o parón estival, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, retomou a súa axenda de encontros con responsables de diferentes institucións internacionais. Nesta ocasión Doval recibiu a visita de Adriana Caballero, vicerreitora da Universidade Nacional de Comahue (Arxentina), institución coa que a Universidade de Vigo mantén unha longa tradición de colaboración –o primeiro convenio marco asinouse en 2002-, e coa que se pretende reforzar os lazos de cooperación.
Acompañada pola directora da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, e o catedrático do Departamento de Física Aplicada José Luis Legido, na xuntanza afondouse na necesidade de aumentar a mobilidade no marco do programa da Comisión Europea, Erasmus+ Ka 107 en próximas convocatorias, así como incrementar o intercambio entre a comunidade investigadora de ambas institucións e a presentación conxunta de proxectos de innovación e investigación a convocatorias de carácter internacional e europeo.