DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 18 ao 19 deste mes de setembro na Facultade de Bioloxía

Unha xornada analizará os aproveitamentos alternativos do monte galego

Coa participación de mancomunidades, propietarios, persoal investigador e estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/09/2019

Despoboamento do rural, abandono dos usos tradicionais, monocultivos, especies invasoras, diminución da gandaría… Son moitas as ameazas que sofren os montes galegos e moi graves tamén as consecuencias, como os lumes forestais que se producen cada verán. Para reverter esta situación e buscar aproveitamentos alternativos a Facultade de Bioloxía acolle este mes de setembro as xornadas A outra cara do monte, unha cita prevista para os días 18 e 19 de setembro que contará coa participación de representantes de mancomunidades e propietarios de montes de Galicia así como de persoal investigador e estudantes e aberto á cidadanía en xeral.

Detrás desta iniciativa está o Laboratorio MicoUvigo e a Facultade de Bioloxía, xunto coa spin-off MycoGalicia e co apoio do Consello Social. A finalidade é poñer en común experiencias positiva na procura dun mellor aproveitamento do monte e, ao tempo, converter esta cita nun eixo de formación e de reflexión sobre as alternativas para a contorna forestal e o futuro do rural galego.

Na procura de novos usos e dun desenvolvemento multifuncional

A conferencia de apertura correrá a cargo do director da Escola de Enxeñería Forestal Juan Picos, que abordará a situación actual do monte galego e do sector forestal, destacando as principais problemáticas e avances acontecidos nos últimos anos así como as implicación das universidades a través de proxectos de investigación.

O programa permitirá ás persoas asistentes coñecer, por exemplo, a economía ecolóxica e o seu impacto no rural, da man do investigador da Universidade de Vigo Damián Copena e tamén experiencias como a do Concello de Allariz, que presentará casos de éxito a partir dos recursos forestais nunha Reserva da Biosfera da Unesco. Na primeira xornada tamén achegará a súa experiencia  a comunidade de montes veciñais en mancomún de Teis, que presentará a súa experiencia da xestión forestal e social dunha comunidade considerada pola ONU como “área conservada por comunidades locais” grazas á xestión e protección da biodiversidade.

Xa pola tarde Iria Villar, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, falará sobre a compostaxe como ferramenta para dar unha saída aos residuos verdes do sector agroforestal. Tamén participan nesta sesión a sociedade cooperativa Amarelante, que falará sobre as potencialidades deste tipo de figura empresarial e sobre súa bagaxe na recuperación de soutos abandonados para a produción da castaña. Pechará a xornada da tarde Uxío Pérez, da Mancomunidade de Montes de Vigo, para afondar na situación e retos do monte periurbán tras as vagas de lumes dos últimos anos e as posibilidade existentes para dotar ao monte dun uso social. Todos os poñentes participarán no peche desta primeira xornada nunha mesa redonda na que confrontarán visións e achegarán propostas.

A segunda xornada terá un carácter máis práctico e dinámico, cunha saída de campo por un monte comunal da man da CMVMC de Couso pola mañá e un relatorio de Serafín González, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia sobre os lumes en Galicia, os impactos que causan, os factores clave e as medidas de xestión do monte. O último tramo está reservado para un workshop sobre aproveitamentos alternativos, que pasan por unha banda polos usos turísticos e sociais, por outra polos usos os forestais e agrícolas e tamén pola conservación da biodiversidade, para contribuír a través destas diferentes vías ao desenvolvemento sostible e multifuncional do monte.