DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Están organizadas pola Unidade de Igualdade e o Concello de Ourense

Unhas xornadas afondarán na “lacra” da explotación sexual

Desenvolveranse no campus os días 23 e 24 de setembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/09/2019

O día 23 de setembro é o Día Internacional contra a Explotación Sexual e Tráfico de Mulleres. Aproveitando esta conmemoración, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Concello de Ourense organizan unhas xornadas que o día 23 e 24 de setembro abordarán no campus de Ourense a realidade desta “lacra”. A programación, ampliada, repetirase tamén o día 24 no campus de Vigo, concretamente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

As Xornadas contra a explotación sexual foron presentadas este luns no Concello de Ourense por representantes das entidades organizadoras. Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salientou como a institución académica decidiu unirse a esta proposta do órgano municipal xa que a iniciativa “pareceunos moi oportuna e pertinente”. Así, subliñou como a Universidade de Vigo está en liña “co pacto de estado contra a violencia de xénero, que está permitindo que fagamos moitas actividades neste senso; co convenio de Istambul e co protocolo de Palermo, que consideran que a prostitución é violencia de xénero”. Lembrando como un dos grandes temas aínda a debate é “se a prostitución ten que ver coa trata, se son todas vítimas de trata as que se dedican á prostitución”, Águeda Gómez aclarou que “desde a Unidade de Igualdade consideremos que cando falamos de prostitución falamos de trata”.

Sobre a trata de persoas cun fin de explotación sexual, Eugenia Díaz, concelleira de Igualdade de Ourense, indicou na presentación que “é a principal causa de trata dentro da UE” afirmando que “o 67% das vítimas de trata son vítimas de explotación sexual e delas o 95% son mulleres e nenas”. Polo tanto, subliñou a concelleira, “atopámonos ante unha lacra mundial” sendo na súa opinión “necesario sensibilizar, informar á sociedade e concienciar deste problema que temos todos os días nas nosas cidades”. Neste contexto, Mª Elena de Jesús, directora do Centro de Información á Muller de Ourense, puxo o aceno en como “as institucións, nuns temas tan serios e rigorosos como son estes, teñen que colaborar e remar conxuntamente”, salientando a pertinencia da organización conxunta destas xornadas.

Dous días de programación

A programación das xornadas, que se desenvolverán os dous días ás 19.00 h na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus de Ourense, arrancará o día 23 de setembro coa celebración dun ‘cineforum’ no que se proxectará o documental Serás hombre, contando o acto coa participación da súa directora, Isabel de Ocampo. O día 24 a actividade continuará co relatorio Os homes e a prostitución: por que dicimos trata se falamos de prostitución?, ofrecido por Silvia Pérez, profesora asociada da Universidade de Vigo, e que contará coa participación tamén de Isabel de Ocampo.

Durante a presentación das xornadas subliñouse como as participantes nesta cita son “figuras de primeiro nivel no terreo”. Sobre o documental, Águeda Gómez salientou como no ámbito da prostitución “un dos actores principais da explotación sexual é o consumidor, que no 99% dos casos é un home”. Fronte a esta realidade, indicou como o programa das xornadas “destaca sobre todo a importancia de pór o foco neles, xa que se a demanda diminuíse, se houbese máis sensibilización e os homes non responderan de forma tan obediente ao mandato patriarcal de ser “puteiros”, esta lacra, esta escravitude do século XXI reduciríase”. O documental, dixo a directora da Unidade de Igualdade da Universidade, “é unha interpelación a todos os homes, aos modelos de masculinidade hexemónicos, alternativos, feministas etc ”. Do mesmo xeito, Águeda Gómez recalcou como Silvia Pérez é unha socióloga que “leva moitísimos anos traballando en temas de trata e prostitución” participando en diversos estudos referentes ao respecto, como o libro El putero español, asinado xunto á propia Águeda Gómez e Rosa María Verdugo.