DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será na Facultade de Ciencias o día 25 de setembro

Unhas xornadas afondarán no potencial da biomasa para o desenvolvemento sostible

Contará coa participación de expertos estatais e foráneos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Ourense 16/09/2019

“Abordar o aproveitamento sostible dos recursos e en particular da biomasa vexetal de carácter residual e infrautilizada para a obtención de produtos de alto valor con aplicación nos sectores químico, enerxético, cosmético, alimentario ou farmacéutico”. Con este obxectivo preséntase a Xornada Biomasa e Desenvolvemento Sostible.

A actividade, que terá lugar o día 25 de setembro na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está organizada polo Grupo EQ-2 da Universidade de Vigo. “Nesta actividade anual preténdese presentar unha visión xeral das liñas de investigación do grupo, dos estudos levados a cabo por investigadoras e investigadores formados no grupo e que actualmente desenvolven o seu labor noutros centros de investigación nacionais e estranxeiros e tamén por outros colaboradores”, comentan desde a organización. Deste xeito, a cita contará coa intervención de Andrés Moure, da Universidade de Vigo; Sandra Rivas, da Complutense de Madrid; Noelia Flórez, da Universidade do Algarve, en Portugal; Beatriz Gullón, do Centro Tecnolóxico da Carne en Ourense, e Carlos Martín, da Universidade de Umeå, en Suecia.

Concretamente, o programa contempla conferencias sobre o papel da biomasa no futuro do planeta; as expectativas para o desenvolvemento de refinerías de biomasa sostibles; a conversión bioquímica de biomasa lignocelulósica; o aproveitamento de residuos de castaña e o aproveitamento tamén de residuos para a obtención de compostos bioactivos, tomando como caso de estudo a industria vitivinícola. A xornada rematará cun recoñecemento “pola contribución ás tecnoloxías para o aproveitamento sostible da biomasa” da profesora Mª José Núñez. Actualmente xubilada, indican desde a organización da homenaxe, “ela foi a primeira catedrática de universidade de enxeñaría química de Galicia, centrando parte do seu labor investigador no desenvolvemento de novos procesos de valorización de fraccións de biomasa de fontes vexetais e de macro e micro algas”.