DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha sesión de curtametraxes e un avance da webserie 'Destapando Casares'

O XVI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova despídese apostando polo talento

A actividade forma parte da programación de extensión universitaria do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 12/07/2019

O XVI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova baixou este venres o pano e fíxoo apostando polo talento das novas xeracións que comezan a facer as súas primeiras pezas. Co visionado e debate arredor de tres curtas e un avance da webserie Destapando Casares, a actividade pechou unha intensa programación que arrancou o pasado día 9 de xullo e que tivo como obxectivo pór en interacción a alumnado do eido audiovisual con profesionais do sector.  

O curso, dirixido por Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, profesores da Universidade de Vigo, estivo organizado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares e contou co apoio de entidades como a Deputación de Ourense, Agadic e o Concello de Celanova. “A edición deste ano foi fantástica”, comentou Paulino Pérez na sesión de peche. O profesor salientou como a programación do curso, que levou lema Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización, foi “moi interesante” pola diversidade de producións abordadas e polo formato “sen mesa de por medio” que permitiu ao público asistente, na súa maior alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, “falar directamente cos directores, produtores, etc, facerlles as preguntas que quixeron e interaccionar con eles, algo que ás veces falla nos cursos que se fan”.

A edición desta ano, lembrou Paulino Pérez, arrancou o martes cunha sesión dedicada á película “intimista” Trote, contando coa participación do director e o produtor da mesma, que son respectivamente Sergio Frade e Xacio Baño. O día seguinte, engadiu, o protagonismo foi para unha produción moi diferente, Feedback, de Pedro C. Alonso. Sobre ela celebráronse cinco mesas redondas nas que se falou en detalle desta produción, desde a súa dirección ata a súa música, contando coa participación de boa parte do seu equipo, entre eles o director. “É unha película totalmente oposta a Trote, xa que Feedback é unha produción de acción para o mercado internacional, rodada en inglés”, comentou Paulino Pérez. Xa o xoves, o foco de atención foi para a serie Hierro, de Pepe Coira. Nunha sesión que se prolongou durante todo o día, membros do equipo desta produción, con Coira á cabeza, abordaron en diversas mesas diferentes aspectos da obra, desde a dirección ata o son. “É unha serie moi boa, que está ao nivel de calquera serie europea potente, non polo orzamento pero si polo nivel acadado”, subliñou o codirector do curso.

En clave de futuro

O venres a programación arrancou cunha sesión titulada Talento en curto na que se proxectaron e se analizaron, de man dos seus responsables, tres curtametraxes feitas por persoas que se están formando no eido audiovisual en Galicia e que están realizando as súas primeiras pezas de cara ao público. Concretamente, participaron as curtas O que precede á caída é branco, de Aldara Pagán, da Universidade de Santiago de Compostela; Zugzwang, de Diego Markwalder, da Escola de Imaxe e Son de Vigo, e A ningunha parte, de Pedro Vilas, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Eles e elas comentaron co público asistente os retos e as dificultades afrontadas nestes primeiros proxectos audiovisuais.

Tras unha mesa redonda sobre o percorrido das producións audiovisuais na que participaron Dolores Meijomín, de Agadic, e Mamem Quintas, de Ficción Producións, proxectouse o 'making of' da produción realizada por alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo dentro do Taller Celanova Plató de Ficción, que se desenvolve cada ano no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. A proposta elixida para esta edición do taller, titulada Destapando Casares, consiste na produción dunha obra de ficción transmedia, composta por unha webserie de cinco capítulos, un blog, os podcast e o seu desenvolvemento nas redes sociais de Instagram e Tinder. Actualmente en fase de montaxe, a peza foi gravada no campus de Ourense e será estreada o vindeiro curso académico.