20 de xuño

Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Unidade de Cultura Científica e da Innovación

UVigo - Comunicación / UVigo – Responsabilidade social agenda 2030 / Universidad 19/06/2019

Con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que se conmemora o 20 de xuño, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, quere afondar nunha realidade que afecta a moitas persoas que, por diferentes motivos, se viron obrigadas a abandonar os seus fogares en busca dunha vida máis segura noutro país. 

Por iso, presentamos un novo vídeo no que participan o coordinador de ACCEM en Vigo, Daniel Bóveda; o director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, Xosé M.ª Mahou; e Siham Elaichi, voluntaria e estudante desta universidade. Na peza relatan a súa visión do tema, poñen en valor a importancia da solidariedade e da investigación no eido social, e reafirman ademais o compromiso da Universidade cos dereitos humanos. O principal obxectivo é que coñezamos os diferentes motivos que levan a estas persoas a fuxir dos seus países de orixe, á parte da súa necesidade e interese por integrarse na nosa sociedade, por traballar e acadar unha vida mellor.
 


A divulgación deste vídeo está enmarcada no compromiso da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción global busca avanzar na prosperidade, na xustiza e na paz universal a través de 17 obxectivos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Concretamente, esta acción divulgativa vincúlase co ODS Paz, Xustiza e Institucións Sólidas (16), co que se persegue, en particular, promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas.

Realizado en colaboración coa Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, este vídeo está dispoñible nos perfís en redes sociais da UCC+i (YouTube, Facebook, Instagram, LinkedIn e Twitter).

Animámosvos a compartilo para lograr a máxima difusión posible.

 

Máis información:

Unidade de Cultura Científica e da Innovación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 130 263
ucc@uvigo.es

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal