Oferta de emprego de CITMAga de dous contratos como investigador con experiencia para o proxecto de investigación

UVigo - Emprego 26/11/2021

Proxecto 

Sistema experto de mellora de solucións e optimización de procesos de produción biosostibles.

Referencia da oferta

CITMAga-OT-13/2021

Descrición do posto

Dous contratos a xornada completa como investigador/a con experiencia para o proxecto de investigación no marco do contrato entre CITMAga (Consorcio Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia), e unha empresa do sector da enerxía. 

Perfís das candidaturas

Licenciatura, enxeñaría, grao ou mestrado relacionados coas matemáticas, a física, a enxeñaría e a informática.

Valoración de méritos

1) OT-13/2021/P1: Perfil orientado á predición de mercados e optimización estocástica.

  • Grao de afinidade das titulacións da candidatura cos ámbitos da estatística e da investigación operativa.
  • Coñecemento e experiencia previa en modelos de predición estatística e na inclusión da incerteza nos modelos estocásticos, así como na activación e validación en ordenador de algoritmos e métodos propios destas disciplinas.
  • Coñecementos de inglés.

2) OT-13/2021/P2: Perfil orientado a programación de aplicacións de optimización estocástica.

  • Grao de afinidade das titulacións da candidatura cos ámbitos da informática, da estatística e da investigación operativa.
  • Coñecemento e experiencia previa no desenvolvemento de algoritmos de optimización matemática, especificamente, en algoritmos de programación estocástica, e a súa distribución a través de aplicacións web e na creación de interfaces gráficas de usuario/a.
  • Coñecementos de inglés.

Valoraranse os seguintes coñecementos e experiencia adicional, se ben non é necesario ter experiencia en todos eles: 

  • Programación/optimización matemática.
  • Programación/optimización estocástica.
  • Implementación e validación de algoritmos de optimización matemática.
  • Predición estatística con series de tempo.
  • Técnicas de redución de escenarios.
  • Programación en linguaxes de cálculo científico (Python, R etc.).
  • Uso de bases de datos non relacionais.
  • Uso da plataforma de Microsoft Azure.
  • Creación de interfaces web para aplicacións científicas mediante ferramentas específicas (HTML, CSS, JavaScript, Django etc.).

Para a praza do perfil 1, valorarase a experiencia previa na predición de mercados e a optimización estocástica para a resolución de problemas de planificación en plantas de proceso industrial.

Para a praza do perfil 2, valorarase a experiencia previa na implementación en ordenador de algoritmos de optimización matemática relacionados coa planificación en plantas de proceso industrial, tamén na elaboración de interfaces de usuario/a asociadas a estas implementacións.


Características do posto 

  • Retribución bruta mensual: 1862,63 € en 12 pagamentos. 
  • Data de inicia prevista a partir do 1 de xaneiro de 2022. 
  • Data estimada de fin de obra a: 31 de decembro de 2022.
  • Xornada laboral: xornada completa.
  • Lugar de traballo: Santiago de Compostela

Información e solicitudes

Prazo de presentación de solicitudes: ata o 7 de decembro de 2021

Máis información aquí.