Procedemento e prazos
1. Formalización do convenio de cooperación educativa/acordo interno
Antes do inicio das prácticas, as persoas titoras ou coordinadoras académicas ou as unidades de apoio a centros e departamentos deberán asegurarse de que o convenio/acordo interno estea asinado.
A listaxe de convenios en vigor pode consultarse no catálogo de convenios ou na propia aplicación.
Se o convenio/acordo interno non está asinado nin en preparación, os coordinadores e coordinadoras deberán promover un novo a través da aplicación para a xestión de convenios.
Non se poderá tramitar ningunha práctica na aplicación de xestión de prácticas curriculares se previamente o convenio/acuerdo interno coa entidade non aparece en estado «asinado» na aplicación para a xestión de convenios.
Prazo: polo menos dúas semanas antes do inicio da práctica.
Nota: no caso de convenios que non se axustan ao modelo normalizado ou se a entidade colaboradora é unha entidade pública, necesitaranse polo menos seis meses.
2. Creación da convocatoria na aplicación de xestión de prácticas curriculares
A Área de Emprego e Emprendemento, na primeira semana de setembro, abrirá o curso académico que corresponda para que, a continuación, se poidan abrir convocatorias para cada titulación e materia.
3. Asignación da práctica: traslado á aplicación
Unha vez asignada a práctica curricular polo procedemento establecido polo centro ou pola coordinación da materia, a persoa coordinadora das prácticas curriculares será quen decida a opción a seguir, de entre as que permite a aplicación, para incorporar esa asignación: datos do estudantado, entidade colaboradora, persoas titoras, características, condicións e programa formativo das prácticas.
Todo o estudantado matriculado en prácticas deberá ter introducido o seu NUSS (número de afiliación á Seguridade Social) e o seu NIE no seu perfil da secretaria virtual da UVigo antes de tramitarse a práctica. Este dato debe ser revisado polas Unidades de Apoio a Centros e Departamentos (Instrución da Xerencia 10/2024, do 22 de novembro, para o desenvolvemento do procedemento de xestión e comprobación dos requisitos para a realización de prácticas externas).
Máis información sobre a introdución do NUSS nas Preguntas frecuentes sobre a tramitación das prácticas académicas.
4. Formalización da práctica
Unha vez asignada a práctica e introducidos os datos na aplicación, a persoa responsable da súa xestión pasará a práctica a «estado validada» para que sexan xerados automaticamente os anexos I, II e III e poder tramitar a súa firma/aceptación.
Se a validación supón que o alumnado ou as entidades colaboradoras previamente tiveron que cubrir as condicións e as características das prácticas, a persoa coordinadora ou titora académica deberá aprobar previamente a proposta antes de continuar a súa tramitación.
Para considerarse debidamente formalizada, ao inicio da súa realización, cada práctica terá que ter xerados exclusivamente e debidamente tramitados os anexos I, II e III a través da aplicación.
A formalización do anexo I, que deberá ser asinado polas tres partes implicadas, iniciarase desde o Portal do/a estudante. O anexo II non será exixible ás entidades públicas. Os anexos II, III e IV enviaranse mediante unha notificación a través da aplicación de prácticas curriculares e consideraranse tramitados correctamente cando se marque «Lin e aceptei». O anexo VI será tramitado a través do Portal do/a estudante.
Todos os anexos que requiran a sinatura de todas ou dalgunha das partes implicadas (de ser o caso, titores/as académicos, titores/as das entidades e estudantes) débense subir á aplicación.
Prazo: a formalización de cada práctica debe efectuarse polo menos cunha antelación mínima de 10 días naturais ao seu comezo.
Ningún estudante poderá incorporarse á súa práctica –sexa realizada de forma presencial, mixta ou virtual– sen que a práctica estea formalizada.
Non se admitirán modificacións nas datas de inicio ou de fin do calendario previsto para realizar as prácticas se non é por causa de forza maior debidamente acreditada (baixa, enfermidade…).
5. Tramitación ante a Seguridade Social
A Área de Emprego e Emprendemento xunto co Servizo de Retribucións e Seguros Sociais da UVigo serán quen intermedie no procedemento das altas e baixas na Seguridade Social a partir dos datos introducidos na aplicación de xestión de prácticas curriculares.
As altas na SS poderán executarse correctamente sempre que o estudantado teña incluído correctamente o NIE e o NUSS no seu perfil en SIGMA.
Prazos: as altas na Seguridade Social tramitaranse nos sete días naturais antes da data de inicio de cada práctica e as baixas sete días despois da data de fin. Os días efectivos das prácticas tramitaranse cinco días despois.
6. Fin da práctica: avaliación
As persoas titoras na entidade e na UVigo e o/a estudante deberán cubrir os anexos IV, V e VI respectivamente, a través dunha ligazón que lle será achegada ao seu correo electrónico dende a aplicación de prácticas ou a través do portal do estudante.
A persoa responsable da xestión das prácticas será quen realice o seguimento da aceptación destes anexos.
Estes datos poderán ser usados pola Área de Calidade e pola Unidade de Análise e Programas da Universidade de Vigo para os seus informes, polo que estes anexos deberán ser tramitados a través da aplicación, aínda que os centros poderán dispoñer tamén dos seus propios modelos.
Prazo: a avaliación de cada práctica debe efectuarse antes da sinatura das actas.




