rapazas na cafetaría para páxina de vida universitaria

Estudantes internacionais

Na Universidade de Vigo ofrecemos diversas posibilidades ao estudantado internacional en función das súas preferencias:

Se o que queres é cursar estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao, máster ou doutoramento en calidade de estudante regular (non de intercambio), deberás consultar a información de acceso aquí.

Estudantes de intercambio ao abeiro do Programa Erasmus+ e doutros programas de mobilidade internacional.

Erasmus+30​​​​

 

Como ser estudante de intercambio?

INFORMACIÓN ESPECÍFICA PARA:

Requerimentos

  • Se desexas vir a estudar á UVigo nesta modalidade, o primeiro paso é asegurarte de que existe un acordo específico entre a túa universidade de orixe e a UVigo na titulación que queres cursar aquí.
  • Unha vez confirmada a existencia de convenio, deberá ser a túa universidade quen nos comunique a túa nominalización, confirmando a túa situación de estudante Erasmus ou doutros programas de mobilidade internacional.

 

Procedemento

Unha vez recibida a túa nominalización, a Oficina de Relacións Internacionais comprobará se é aceptada de acordo co convenio bilateral establecido. Ao cabo duns días a universidade de orixe, así como cada estudante (en CCO) recibirá un correo electrónico de confirmación da nominalización e instrucións sobre cómo realizar a súa solicitude en liña.

Estudantado de grao

  • DNI ou pasaporte.
  • Escrito da Oficina de Relacións Internacionais na universidade de orixe confirmando a túa selección para realizar unha estadía de intercambio na UVigo.
  • Tarxeta sanitaria europea ou póliza de seguro de saúde equivalente.

Estudantado de máster ou doutoramento

  • DNI ou pasaporte.
  • Escrito da Oficina de Relacións Internacionais na universidade de orixe confirmando a túa selección para realizar unha estadía de intercambio na UVigo.
  • Tarxeta sanitaria europea ou póliza de seguro de saúde equivalente.
  • Copia do título de grao ou do historial académico no que se demostre ter, cando menos 180 créditos ECTS superados.

Ten en conta a data límite para as solicitudes, xa que non se aceptarán as solicitudes presentadas fóra de prazo.

 

Datas límite de solicitude:

Ampliado ata o 30 de xuño estadías anuais ou do 1º cuadrimestre
Do 1 de agosto ata o 15 de novembro estadías do 2º cuadrimestre

 

​​​​​​Tras a recepción da solicitude e logo da comprobación da documentación achegada, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo remitirá á persoa solicitante un correo electrónico de benvida coa súa carta de aceptación adxunta asinada electronicamente.

A oficina encargada da mobilidade internacional na universidade de orixe deberá encher o seguinte formulario en liña cos datos de cada estudante nominalizado.

  • As nominacións enviadas por correo electrónico ou correo postal non serán aceptadas.
  • Soamente aceptaremos as nominacións enviadas pola Oficina de Relacións Internacionais de orixe ou un membro do persoal da dita universidade.

Se tes algunha dúbida sobre o formulario de nominalización, non dubides en contactar con nós en incoming.ori@uvigo.es.

Data límite para recepción de nominalizacións:

Ampliado ata o 21 de xuño Estadías durante o 1º cuadrimestre ou curso completo
Do 1 de agosto ata o 15 de outubro Estadías durante o 2º cuadrimestre

Unha vez recibidas as nominalizacións, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) comprobará se son aceptadas de acordo co convenio bilateral establecido e enviará un correo electrónico aos estudantes nominalizados coas instrucións sobre como realizar a súa solicitude en liña.

Coordinación académica

Na UVigo cada facultade ten o seu propio persoal coordinador académico, que é responsable dos asuntos académicos específicos. Consulta ao coordinador/a da túa facultade (na que estudarás a maioría dos cursos) pola sinatura do Contrato de estudos e todas aquelas cuestións académicas que teñas.

Contrato de estudos e outras cuestións académicas

O Contrato de estudos é o documento académico que conten a equivalencia dos cursos ou créditos que completou no estranxeiro, que deben ser recoñecidos pola súa institución de orixe.

  • Asegúrate de que o Contrato de estudos esté asinado por tí e a túa universidade antes de envialo por correo electrónico ao coordinador académico da túa facultade na UVigo.
  • Non envíes a versión orixinal do Contrato de estudos (da túa universidade de orixe) por correo ou email á Oficina de Relacións Internacionais.

Atención: Soamente o persoal coordinador académico (das universidades de orixe e destino) está autorizado para asinar o Contrato de estudos.

Oferta académica

Para elaborar o teu contrato de estudos necesitarás consultar a nosa oferta académica e as guías docentes das materias. Tamén che pode interesar coñecer a nosa oferta de materias en inglés, así que podes acceder ao catálogo de materias de grao e máster impartidas na Universidade de Vigo. Esta ferramenta permíteche filtrar por idioma, curso, cuadrimestre e facultade ou escola.

Ir ao catálogo
 

A universidade tamén conta cun programa de materias English Friendly, que se imparten nos graos oficiais da UVigo en castelán e/ou galego, pero nas que os seus profesores adquiren os seguintes compromisos:

  • Indicar o carácter English Friendly na guía docente da materia
  • Traducir a guía docente ao inglés
  • Facilitar materiais e referencias bibliografías para o seguimento da materia en inglés, se así o demandase o/a estudante internacional
  • Atender as titorías en inglés, se así o demandase o/a estudante internacional
  • Deseñar e realizar probas e avaliacións en inglés, se así o  demandase o/a estudante internacional

Materias English Friendly

 

Tamén podes consultar a información que se atopa nas seguintes ligazóns: 


Ten en conta que deberás elixir a maioría de materias na facultade ou escola chamada «centro de referencia» na túa carta de aceptación. Podes elixir materias doutras facultades ou escolas, sempre que os seus horarios sexan compatibles co resto. Non se aconsella a elección de materias impartidas en centros de diferentes campus, pois non existen moitas opcións de transporte público dun campus a outro. É importante que comprobes que as materias elixidas se imparten no período correspondente á túa estadía:

  • 1 C = 1.º cuadrimestre (de setembro a xaneiro)
  • 2 C = 2.º cuadrimestre (de xaneiro a maio)

Unha vez que  completes e envíes debidamente o formulario de solicitude en líña, recibirás un correo electrónico confirmando a recepción da túa solicitude.

En que consiste?

Un período de prácticas Erasmus+ no estranxeiro permíteche realizar unha estadía de prácticas como parte do teu título.

Se queres facer prácticas nun dos departamentos ou laboratorios de UVigo, debes acordar previamente co teu titor (coordinador de prácticas) as datas exactas do teu período de prácticas.

Na UVigo cada facultade ten o seu propio persoal coordinador académico. Por favor, consulta coa persoa coordinadora da facultade máis relacionado co teu ámbito de interese para atopar unha persoa titora que supervise as túas prácticas.

Como solicitalas?

Unha vez alcanzado devandito acordo, deberás achegar os seguintes documentos, xunto co formulario en liña:

  • Copia do DNI/Pasaporte.
  • Learning agreement for traineeships debidamente cuberto e asinado polo estudante, a persoa titora académica na institución de orixe e a persoa responsable do departamento ou servizo da Universidade de Vigo no que se vaian a realizar as prácticas. Deben indicarse as datas exactas nas que se vai a realizar a estadía (dd/mm/aaaa - dd/mm/aaaa).
  • Proba de ter contratado un seguro válido en España con cobertura sanitaria, de accidentes e repatriación.

Admisión

Tras a recepción da solicitude e logo da comprobación da documentación achegada, a Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo remitirá á persoa solicitante un correo electrónico de benvida coa súa carta de aceptación adxunta.

 

Se a túa universidade de orixe non ten un acordo de intercambio coa Universidade de Vigo e aínda queres estudar na UVigo por un período ou un ano académico enteiro, podes facelo solicitando estudar como estudante internacional visitante.

Este programa permíteche matricular en diferentes cursos sen obter un título, pero ao final da túa estadía recibirás unha certificación dos créditos obtidos. De volta á universidade de orixe, podes solicitar a validación dos cursos que tomaches.

Prezos públicos

O estudantado visitante deberá aboar:

  • Os prezos por servizos académicos correspondentes aos créditos dos que se matricule e serán os establecidos oficialmente cada curso acádemico pola Xunta de Galicia.
    Consulta os prezos públicos 2019/2020.
  • Os prezos establecidos en concepto de servizos administrativos.
  • Os prezos correspondentes á xestión administrativa (400€ no caso de estadías cuadrimestrais ou 800€ no caso de estadías de curso completo).

Nota: O estudantado deberá facer efectivo o pagamento dos prezos públicos nun só pagamento ao inicio do curso.

Documentos necesarios

O estudantado deberá presentar os seguintes documentos:

  • Impreso de solicitude
  • Carta de motivación en castelán ou galego
  • Fotocopia do DNI ou pasaporte
  • Documento acreditativo do coñecemento de castelán ou galego
  • Certificación académica dos estudos universitarios que realiza ou realizou na universidade de orixe
  • Proba de posuír un seguro médico válido en España

Datas límite de solicitude

Para estadías do curso académico completo (setembro-xullo) ou do primeiro cuadrimestre (setembro-xaneiro) pode presentar a súa solicitude de admisión ata o 31 de maio do ano en curso. Para estadías durante o segundo cuadrimestre (febreiro-xullo) poderá presentarse ata o 15 de outubro do ano anterior.

A notificación da admisión correspóndelle á Oficina de Relacións Internacionais, tras a aceptación pola persoa responsable do centro no que desexe matricularse o estudante.

Matrícula

O estudantado visitante estranxeiro poderá matricularse nesta modalidade durante un máximo dun curso académico. Con carácter xeral, deberán matricularse dun mínimo de 10 e dun máximo de 60 créditos europeos ECTS.

Poderá autorizarse a matrícula en calquera materia das ofrecidas na Universidade de Vigo. Poderá limitarse ou excluírse o acceso a determinadas materias, polas súas especiais características ou pola necesidade de impartirse en grupos reducidos.

O estudantado deberá estar en posesión do nivel de estudos suficiente ao das materias que solicite cursar.

 

Información xeral

 

É imprescindible que o estudantado estranxeiro posúa un seguro médico con validez en España.

Os estudantes da Unión Europea poden utilizar a súa tarxeta sanitaria europea. Os estudantes do resto do mundo deberán contratar un seguro con validez en España.

Recomendámoslle a todo o estudantado que contrate un seguro médico internacional con calquera compañía de seguros, que inclúa a cobertura de accidentes, o traslado sanitario internacional, a asistencia en viaxes, a repatriación en caso de accidente ou enfermidade grave, defunción etc.

A UVigo negociou coa compañía de seguros ONCAMPUS unha cobertura moi ampla para estudantes internacionais cunha única cota por período e que resulta bastante asequible. Se che interesa, podes contratalo directamente coa compañía a través do seu sitio web (lembra seleccionar a UVigo entre as opcións dispoñibles): Oncampus-estudia.

Unha vez en España, os estudantes procedentes da Unión Europea deberán acudir a un centro de saúde da Seguridade Social (ver enderezos) coa súa tarxeta sanitaria europea, onde lles asignarán un médico xeral.

Os estudantes que non pertenzan a países da Unión Europea deberán informarse no seu país de orixe dos hospitais e dos centros de saúde cos que a súa compañía aseguradora ten acordos en España. Xeralmente, neste último caso, o estudante asume os gastos sanitarios e posteriormente solicítalle o reembolso destes á súa compañía de seguros.

O sistema sanitario público español non cobre os gastos médicos dos cidadáns de países de fóra da Unión Europea. No caso de que se dirixan ao sistema médico público, deberían ter que pagar a atención e o prezo será maior que o dun centro médico privado, porque o sistema público está saturado.

 

Principais centros de saúde e hospitais

En Pontevedra

Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra
Rúa Mourente s/n, 36071 Pontevedra
+34 986 800 000

Localización / Área de influencia / Oferta asistencial

Centros de saúde

 

En Vigo

Complexo Hospitalario Universitario de Vigo
Carretera Clara Campoamor 341, 36310 Vigo

+34 986 816 000
http://chuvi.sergas.es

 

Localización / Área de influencia / Oferta asistencial

 

Centros de saúde

 

En Ourense

Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Rúa Ramón Puga Noguerol, 52, 32005 Ourense
+34 988 385 500

Localización / Área de influencia / Oferta asistencial

 

Centros de saúde

 

Ao principio de cada cuadrimestre o Centro de Linguas (CDL) organiza Cursos de español como lingua estranxeira para o estudantado de intercambio. Estes cursos están orientados a proporcionar os coñecementos básicos da Lingua española para facilitar a integración académica e social do estudantado internacional non hispano-hablante. Impártense todos os niveis.

Nota: Nas sesións de benvida organizadas ao principio de cada cuadrimestre teñen lugar as probas de nivel.

 

Duración

O curso ten unha duración de 60 horas e comeza en setembro/outubro (para estudantes de curso completo e do 1º cuadrimestre) e en xaneiro/febreiro (para estudantes do 2º cuadrimestre).

 

​Créditos

O curso dará dereito á obtención de 4 créditos ECTS. Para obter o certificado cómpre asistir, como mínimo, ao 85% das clases e superar un exame final.

É importante subliñar que esta cualificación non figurará no certificado oficial de notas porque non forman parte dos estudios incluidos no programa de grao, master ou doutoramento

O diploma acreditativo deberá ser recollido no Centro de Linguas antes de abandonar a UVigo.

 

Prezo

O curso custa 75€ para estudantes de intercambio, 234€ para a comunidade universitaria e 285€ para o público en xeral.

 

Os dous idiomas oficiais en Galicia na Universidade e na Administración son o galego e o castelán.

Desde a Área de Normalización Lingüística ofrecemos o Curso de extensión cultural para estudantado de programas de intercambio. É un curso de lingua e cultura galegas, gratuíto, de 75 horas de duración (60 de teoría + 15 de visitas guiadas e actividades), validado con 2,5 ECTS e recoñecido cun diploma expedido pola Secretaría Xeral de Política da Xunta de Galicia.

Ollo!: Esta cualificación non aparecerá na túa certificación oficial de notas porque estes estudos non están incluídos nos programas de grao, máster ou doutoramento.

Para máis información, podes contactar con:

Área de Normalización Lingüística
anl@uvigo.es
+34 986 813 574

 

1.- Certificado de Rexistro de cidadáns da Unión. Oficina de Estranxeiría: estudantes Erasmus nacionais da Unión Europea e estados asociados

Infórmase de que a cidadanía dos estados membros da Unión Europea, dos restantes estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo (Noruega, Islandia e Liechtenstein) e da Confederación Suíza que vaia permanecer en España por máis de tres meses, está obrigada a solicitar ante as Comisarías de Policía Nacional da provincia onde pretenda permanecer ou fixar a súa residencia, a súa inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros. Alí expediráselle un certificado de rexistro que lle permitirá acreditar o seu dereito de residencia en territorio español.

O estudantado Erasmus tamén está incluído nesta obriga. A documentación necesaria para a inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros é:

  • Impreso de solicitude en modelo oficial (EX-18) por duplicado, debidamente cuberto e asinado polo/a estudante.
  • Matrícula do centro de ensino público ou privado, recoñecido ou financiado pola administración educativa competente.
  • Documentación que acredite dispor dun seguro de enfermidade público ou privado. Poderá achegarse a tarxeta sanitaria europea con validez durante todo o período de residencia e habilite a recibir as prestacións sanitarias necesarias dende un punto de vista médico, tendo en conta a natureza das prestacións e a duración prevista.
  • Declaración responsable de posuír recursos suficientes para si e para os membros da súa familia, durante o período de residencia en España.

Considérase suficiente para o cumprimento destes requisitos a presentación da documentación acreditativa de participar nun programa da UE que favoreza o intercambio educativo para estudantes e docentes.

A inscrición no Rexistro Central de Estranxeiros realízase nas COMISARÍAS DE POLICÍA NACIONAL DA PROVINCIA de residencia do/da estudante.

Unha vez achegada a documentación na Comisaría correspondente, o/a estudante recibe un número NIE temporal para que efectúe o pagamento da taxa (10,82 €) no formulario proporcionado. O pagamento efectúase en calquera banco ou caixa de aforros.

Tras realizar o pagamento, é necesario volver á Comisaría de Policía Nacional onde recibirá definitivamente o documento oficial do NIE e, polo tanto, considerarase terminado o trámite.

Máis información:
Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social
Folleto informativo

2.- Mobilidade cara España de estudantes extracomunitarios de ensino superior (ERASMUS) titulares dunha autorización para estudos expedida por outro estado membro.

O pasado mes de setembro de 2018 entrou en vigor un cambio normativo sobre estranxeiría en España pola cal as universidades debemos comunicarlle á Oficina de Estranxeiría correspondente os datos do estudantado extracomunitario que provén de universidades da UE ao abeiro de programas de mobilidade europeos como o Erasmus, o cal o exime de tramitar un visado para o período de estadía en España.

Os estudantes que posúan unha autorización válida expedida por outro Estado membro de conformidade coa Directiva (UE) 2016/801 e que participen nun programa da Unión Europea ou multilateral, que inclúa medidas de mobilidade ou que estean cubertos por un acordo entre dous ou máis institucións de ensino superior, terán dereito a entrar e permanecer en España, durante un período de ata 360 días, a fin de realizar parte dos seus estudos nunha institución de educación superior española, previa comunicación á Delegación do Goberno ou Subdelegación na provincia na que vaia a iniciarse a actividade.

A comunicación realizarase pola institución de educación superior española con anterioridade á entrada no territorio español ou, como máximo, no prazo dun mes desta. Deberá indicar as datas de mobilidade e a duración prevista. Coa comunicación deberase achegar:

  • Copia do pasaporte completo ou documento de viaxe en vigor do/da estudante.
  • Copia da autorización expedida polo primeiro Estado membro, que deberá abarcar o período total de mobilidade.
  • Proba de que o/a estudante está realizando parte dos seus estudos no marco dun programa de mobilidade ou dun acordo entre dous ou máis institucións de ensino superior.
  • Proba da súa admisión por unha institución de educación superior española.

(A Delegación ou Subdelegación do Goberno poderá presentar obxeccións á mobilidade do estudante. A dita obxección estará baseada nun dos supostos normativamente recoñecidos no artigo 44.2 do Regulamento e non será necesario notificar que non hai obxección á mobilidade).

Para facer dita comunicación necesitamos que o estudantado, na súa chegada á Universidade de Vigo, nos remita ao enderezo incoming.ori@uvigo.es a seguinte documentación en formato PDF:

  • Pasaporte (non é necesario se xa se achegou o mesmo documento co formulario de solicitude).
  • Copia da autorización expedida polo primeiro Estado membro, que deberá abarcar o período total de mobilidade.
  • Enderezo e teléfono en España (Vigo, Ourense ou Pontevedra).

3.- Rexistro na Oficina de Estranxeiría: estudantado extracomunitario procedente de universidades de países extracomunitarios

Para poder entrar e permanecer como estudante en España, debes solicitar o visado de estudos na Misión Diplomática ou Oficina Consular española no país ou demarcación no que residas.

Os documentos mínimos necesarios para a solicitude do teu visado de estudos son:

  • Impreso de solicitude de visado nacional, en modelo oficial, por duplicado, debidamente cuberto e asinado. O dito impreso pode obterse en www.maec.es.
  • Pasaporte completo e en vigor ou título de viaxe, recoñecido como válido en España, con vixencia mínima do período para o que se solicita a estadía.
  • Documentación acreditativa de dispoñer de medios económicos necesarios para o período para o que se solicita a estadía e para o retorno ao país de procedencia.
  • Documentación acreditativa de dispoñer dun seguro médico.
  • Documentación acreditativa de estar admitido nun centro de ensino.

Se a duración da estadía supera os seis meses:

Na páxina do ministerio podes consultar os enderezos e teléfonos das embaixadas e consulados de España.

Unha vez en España, se a túa estadía por estudos vai ser superior a seis meses, debes solicitar persoalmente a Tarxeta de Identidade de Estranxeiro no prazo dun mes desde a entrada en España.

Para iso debes dirixirte á Comisaría de Policía máis cercana ao teu domicilio e presentar:

  • Solicitude de tarxeta de extranxeiro, en modelo oficial (EX-17).
  • Xustificante de pagamento da taxa de expedición da tarxeta.
  • Unha fotografía recente en cor, en fondo branco, tamaño carné.

4.- Prórroga da estadía por estudos

Se a duración dos teus estudos é superior a un ano, deberás solicitar e obter unha prórroga da túa autorización de estadía na Comisaría de Policía máis cercana ao teu domicilio, se resides en Vigo ou Pontevedra. Se a túa provincia é Ourense, deberás solicitala na Oficina de Estranxeiría (os enderezos están ao final desta páxina).

Prazo de solicitude: durante os 60 días naturais previos á data de expiración de vixencia da autorización. Tamén se poderá presentar dentro dos 90 días naturais posteriores, sen prexuízo da incoación do correspondente procedemento sancionador.

Documentación:

  • Impreso de solicitude en modelo oficial (EX-00) por duplicado, debidamente cuberto e asinado.
  • Pasaporte ou título de viaxe en vigor.
  • Documentación acreditativa de dispoñer de medios económicos necesarios para o período para o que se solicita a estadía e para o retorno ao país de procedencia.
  • Documentación acreditativa de dispoñer de seguro médico.
  • Documentación acreditativa de reunir os requisitos específicos respecto da actividade para a cuxa realización foi autorizado/a a permanecer en España.
  • De ser o caso, documentación acreditativa de ter superadas as probas e continuar cos estudos, a investigación ou formación, as prácticas non laborais ou o servizo de voluntariado.

Tes á túa disposición máis información na páxina do ministerio.

Unha vez concedida a autorización, deberás solicitar no prazo dun mes a expedición da túa nova tarxeta de identidade na Comisaría de Policía ou Oficina de Estranxeiría correspondente.

Oficinas de estranxeiría

Comisarías de Policía (Estranxeiría)

  • Campus de Vigo
  • Rúa Álvaro Cunqueiro, 6
  • 36211 Vigo (Pontevedra)
  • Campus de Pontevedra
  • Rúa Joaquín Costa, 17
  • 36001 Pontevedra
  • Campus de Ourense
  • Rúa Mestre Vide, s/n
  • 32004 Ourense

Nota: a Universidade de Vigo non se fai responsable das posibles modificacións que se poidan producir na lexislación española ao respecto unha vez publicada esta información. Polo tanto, recoméndase que o estudantado consulte debidamente as súas obrigas relacionadas coa súa residencia en España, ben nos consulados antes da súa chegada, ou ben na Oficina de Estranxeiría, unha vez en territorio español.

 

Máis información:

Oficina de Relacións Internacionais
+34 986 811 947
incoming.ori@uvigo.es