Grao en Enxeñaría Forestal

Características

Campus: Pontevedra
Tipo: Grao
Créditos ECTS totais: 240
Modalidade: Presencial
Prazas: 45
Número de cursos: 4
Código:
P03G370V01

Área de coñecemento

Área de Enxeñaría e Arquitectura

Coordinación do título

Juan Picos Martín

    Descrición

    O obxectivo deste grao é formar enxeñeiros/as forestais que respondan as necesidades do sector forestal e da sociedade en xeral. Este título capacita para desenvolver tarefas relacionadas coa xestión, conservación e explotación dos espazos naturais e forestais; realizar obras de hidroloxía, reforestación e conservación de chans; xestión de caza e pesca. Así mesmo, a persoa que se gradúe será alguén profesional que posúa coñecementos sobre o tratamento e aproveitamento industrial da madeira e dos seus produtos, o desenvolvemento de proxectos de xeración de enerxía renovable a partir de biomasa forestal, o control da calidade de produtos forestais; o deseño e acabado do moble; o desenvolvemento de proxectos para a instalación de industrias forestais; a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico forestal etc.

    - Sector persoal: empresas de xestión dos recursos naturais, comunidades de montes veciñais, empresas de repoboacións, aproveitamento forestal, xestión forestal, empresas auditoras e certificadoras, sector ambiental, industrias forestais e da madeira, enerxías renovables (biomasa), dirección de obras de enxeñaría
    - Administración pública local, provincial, autonómica (Dirección Xeral Montes, Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, Dirección Xeral Conservación da Natureza), estatal (Ministerios con competencias no sector forestal) e europea
    - Investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i): centros públicos/privados de I+D+i, centros de investigación en recursos forestais, departamentos de investigación das universidades
    - Exercicio libre: proxectos e peritaxes, asesoría forestal, natural e ambiental, traballos topográficos e de medición, dirección de obra, auditor forestal e ambiental etc
    - Docencia

    Os obxectivos específicos deste grao son os seguintes:
    Fundamentos científicos e tecnolóxicos:
    -Estudar as bases ou fundamentos biolóxicos químicos, físicos, matemáticos e dos sistemas de representación necesarios para o desenvolvemento da actividade profesional.
    -Adquirir capacidades para usar a metodoloxía básica de traballo referente ás disciplinas mencionadas.
    -Adquirir coñecementos que permitan identificar os diferentes elementos bióticos e físicos do medio natural e das súas interrelacións.
    -Adquirir coñecementos e ensinar a identificar os recursos renovables (fundamentalmente vexetación e fauna) susceptibles de xestión coa finalidade de protección, conservación e/ou aproveitamento.
    - Estudar a estrutura e función ecolóxica dos sistemas naturais e forestais. Coñecer as técnicas de análise, tratamento e deseño paisaxístico.
    - Coñecer e saber empregar os métodos de avaliación e corrección do impacto ambiental, así como as técnicas de auditoría e xestión ambiental.

    Materias tecnolóxicas aplicadas:

    -Estudar e saber identificar os recursos naturais renovables susceptibles de protección, conservación e aproveitamento no ámbito forestal.
    -Coñecer e interpretar as perturbacións que poidan alterar as condicións do medio natural.
    -Estudar os procesos de degradación que afecten aos recursos forestais (contaminación, pragas e enfermidades, incendios, etc.) e as técnicas de protección do medio forestal e natural.
    -Estudar as bases da mellora forestal e as posibilidades de aplicación práctica destas.
    -Ensinar a metodoloxía de medición, inventariado e avaliación dos recursos naturais susceptibles de xestión, así como as técnicas de experimentación, análise e integración dos resultados obtidos.
    -Ensinar as técnicas da silvicultura, do silvopastoralismo e da xestión dos recursos forestais, parques e áreas recreativas.
    -Estudar as técnicas de xestión, conservación e protección dos espazos naturais e da diversidade biolóxica nos seus aspectos cinexéticos, piscícola e dos ecosistemas terrestres e das augas continentais.
    -Adquirir coñecementos de hidráulica, construción, electrificación, camiños forestais, maquinaria e mecanización necesarios tanto para a xestión dos recursos forestais como para conservación e xestión de sistemas naturais.
    -Adquirir coñecementos para aplicar e desenvolver as diferentes técnicas de defensa e rehabilitación de sistemas naturais: riscos naturais, restauración hidrolóxico-forestal, recuperación de sistemas naturais e espazos degradados.
    -Proporcionar coñecementos para caracterizar as propiedades das materias primas forestais maderables e non maderables, así como as tecnoloxías e industrias destas materias primas.
    -Adquirir os coñecementos para aplicar as técnicas de ordenación e planificación do territorio.
    -Adquirir os coñecementos para aplicar os criterios e indicadores da xestión forestal sostible no marco dos procedementos de certificación forestal.

    Materias organizativas, de xestión e competencias relevantes para a actividade laboral:
    -Ensinar as técnicas de xestión e organización empresarial.
    -Estudar as características, a importancia e a problemática dos diferentes sectores e as disposicións lexislativas que lles afectan.
    -Adquirir os coñecementos dos fundamentos de marketing e comercialización de produtos forestais.
    -Adquirir coñecementos para deseñar, dirixir, elaborar, implementar e interpretar un proxecto e plans de actuación integrais.
    -Ensinar a redactar informes técnicos, memorias de recoñecemento, anteproxectos, proxectos e programas técnicos.
    -Ensinar a desenvolver e transferir tecnoloxía. Entender, interpretar e adoptar os avances científicos no campo forestal.

    Trátase dunha titulación dentro da rama da Enxeñaría polo que se recomenda ter un perfil con interese pola rama técnica, pero, ademais, o grao oriéntase cara á industria madeireira, explotacións forestais e xestión do medio ambiente polo que se recomenda ter un especial interese e sensibilidade cara a estas cuestións á hora de elixir cursar este grao.