Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

Características

Campus: Vigo
Tipo: Grao
Créditos ECTS totais: 240
Modalidade: Presencial
Prazas: 130
Número de cursos: 4
Código:
V05G301V01

Área de coñecemento

Área de Enxeñaría e Arquitectura

Coordinación do título

Marcos Curty Alonso

    Descrición

    O Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación ten como obxectivo formar profesionais á vangarda dos coñecementos tecnolóxicos e competencias profesionais da enxeñaría da telecomunicación, permitindo ao estudantado especializarse nunha das catro tecnoloxías básicas que sustentan a Sociedade da Información: sistemas de telecomunicación, sistemas electrónicos, telemática, son e imaxe. A sólida formación que adquire o estudantado proporciónalle a capacidade de adaptarse a un sector en continua evolución.
    A titulación conta coa acreditación EUR-ACE®, considerada como a máis prestixiosa que pode obter un título de enxeñaría concedido en Europa. Auspiciada pola Rede Europea de Acreditación de Educación en Enxeñaría (ENAEE, European Network for Accreditation of Engineering Education), garante a calidade dos programas de estudos de enxeñaría en Europa.
    O plan de internacionalización permite aos estudantes cursar o cuarto curso integramente en inglés. A titulación inclúe máis dun 50% de formación práctica, entre laboratorio e traballos en equipo. Destaca a configuración temporal do plan de estudos, que facilita a mobilidade nacional e internacional do estudantado no derradeiro curso ou a realización de prácticas en empresas.
    Entre as características propias, contamos con: (1) un programa de mentorización (MEET-Teleco) que proporciona competencias transversais (xestión de grupos, planificación do tempo, empatía, intelixencia emocional e social, liderado, etc.) ademais de axudar ao novo estudantado na súa incorporación á universidade; (2) un programa de orientación ao emprego (OrientaTE) que facilita o acceso ao mercado laboral nunha titulación na que o nivel de desemprego é testemuñal; (3) múltiples actividades que permiten ao noso estudantado desenvolver as súas habilidades sociais ao tempo que asentan os seus coñecementos técnicos.

    - Áreas de actividade: Operadoras de telecomunicacións, Banca, Seguridade, Transporte, Infraestruturas, Telefonía, Electrónica, TV, Transmisión de datos e internet, Transformación Dixital
    - Sistemas e redes: Enxeñaría Tecnolóxica, deseño de redes e sistemas de telecomunicación, mantemento de infraestruturas de telecomunicacións, procesado de sinais e imaxe, sistemas electrónicos e intelixentes, seguridade informática, enxeñaría audiovisual, desenvolvemento e Xestión de aplicación e equipos
    - Novas tecnoloxías: aplicación de novas tecnoloxías na medicina (deseño e mantemento de equipos médicos, saúde móbil, tele-asistencia, bioenxeñaría, tele-aprendizaxe, administración dixital, fogar dixital, deseño e control de innovacións do sector das telecomunicacións
    - Xestión e consultoría: consultoría tecnolóxica, Innovación, xestor de tecnoloxía, carreira directiva
    - Docencia: o estudantado graduado pode optar a postos docentes nos diferentes sectores educativos (secundaria ou formación profesional) tanto no sector público coma no privado
    - I+D+I: aquelas persoas egresadas poderán optar a postos relevantes na innovación aplicada das tecnoloxías en infinidade de sectores, exercendo esta labor nos centros de investigación e tamén nas división de innovación das grandes industrias
    - As tituladas e titulados gozan de alta inserción laboral, con alta dedicación a labores técnicas axustadas á súa formación

    Mencións:
    - Sistemas de telecomunicación
    - Sistemas electrónicos
    - Son e imaxe
    - Telemática

    Para afrontar con garantías de éxito os estudos que conducen á obtención do grao en Enxeñaría das Tecnoloxías de Telecomunicación, o estudantado deberá ter unha boa formación previa que lle permita acceder a coñecementos avanzados en matemáticas e física que son imprescindibles na titulación. No referente ás capacidades e aptitudes personais, resulta desexable contar coas seguintes: capacidade de estudo e vontade de traballo, facilidade para o pensamento lóxico e abstracto, capacidade de observación e de análise, habilidade para a resolución de problemas, interese pola aplicación práctica dos coñecementos, responsabilidade no traballo en equipo, facilidade para adaptarse aos cambios tecnolóxicos, interese pola ciencia e a tecnoloxía.