Outros trámites

Dous estudantes nunha biblioteca


Trámites para estudantes de grao
 

Consulta a normativa de transferencia e recoñecemento de créditos e ten en conta que en ningún caso poderán recoñecerse os créditos correspondentes ao traballo de fin de grao.

Hai dous modelos de solicitude, o R00 que é para recoñecer calquera materia do plan de estudos e o R01 que é só para créditos optativos. O prazo de presentación, ainda que de xeito xeral é durante os meses de xuño, xullo e agosto, pode variar xa que se te matriculas en setembro tes ata o último día dese mesmo mes e se te matriculas polo procedemento de prazas sobrantes, tes que facelo no mesmo día no que formalices a matrícula. Ademais se o que queres é recoñecer créditos optativos por actividades universitarias, culturais ou prácticas, poderás facelo ao longo de todo o curso académico.

Podes escoller, dependendo do caso, entre os medios de presentación descritos a continuación:

A través da sede electrónica, para o que tes que cubrir unha  SXER - Instancia xenérica (Estudantes) e,

1. Premer no botón “iniciar tramitación” visible na marxe superior ou inferior dereita da pantalla.

2. Anexar o modelo R00 e a documentación obrigatoria que se desexen engadir á solicitude (só PDFs).

3. No apartado “expoñe” especificar o asunto da solicitude: “solicitude de recoñecemento”

4. No apartado “solicita” especificar o nome da titulación de grao na que se desexa obter os recoñecementos.

De forma presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro.

O modelo R01 poderás presentalo directamente na unidade administrativa do teu centro de estudos

 

Sempre que a titulación de destino pertenza á mesma rama que a de orixe, serán obxecto de recoñecemento un número de créditos que sexa polo menos o 15 por cento do total de créditos do título (36 ECTS), correspondentes a materias de formación básica de dita rama. Tamén o serán   os créditos obtidos naquelas outras materias de formación básica cursadas pertencentes á rama de destino. 
O resto poderán ser recoñecidos pola universidade tendo en conta a adecuación entre as competencias e os coñecementos adquiridos, ben noutras materias ou ensinanzas cursadas polo estudante ou ben asociados a unha previa experiencia profesional e os previstos no plan de estudios ao que teñan carácter transversal.

Regulamento

Instrucións, solicitude programa detallado para actividades recollidas no regulamento

Instrucións solicitude para actividades non recollidas no regulamento (peticións individuais do alumnado)

 Modelo de convenio para institución de educación superior

Actividades validadas por créditos

Idiomas

O alumnado da Universidade de Vigo poderá solicitar o recoñecemento académico de ata un máximo de 6 créditos optativos por formación de idiomas, sempre que a citada formación se realice ao longo da súa permanencia na universidade e estea impartida por:

  • Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.   
  • Centro de Linguas da Universidade de Vigo.   
  • Centro de linguas universitario acreditado pola Confederación Europea de Centros de Linguas de Ensino Superior (CERCLES). 
  •  Escola oficial de idiomas ou centro oficial equivalente noutro país. O alumnado solicitará o recoñecemento de créditos no centro onde se imparta a titulación en que pretenda recoñecer, presentando o certificado/diploma de aproveitamento da actividade con indicación das horas do curso.

 Deportivas

O alumnado da Universidade de Vigo poderá solicitar o recoñecemento académico de créditos optativos por actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación por un máximo de 6 créditos do total do plan de estudos cursado.

Recoñeceranse as actividades físico-deportivas universitarias aprobadas pola vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, por proposta da área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, que contribúan a algún dos seguintes obxectivos:

  • Adquirir ou consolidar hábitos de vida mais activos e saudables.   
  • Desenvolver competencias transversais relevantes na formación integral do alumnado.
  •  Proxectar os valores da universidade no resto da sociedade a través da colaboración en eventos físico-deportivos ou da participación en competicións deportivas. O alumnado solicitará o recoñecemento de créditos no centro onde se imparta a titulación en que pretenda recoñecer, presentando o certificado/diploma de aproveitamento da actividade con indicación das horas do curso.

 Outros cursos e actividades

 Cursos e obradoiros de Extensión Universitaria

Aquí atoparás os obradoiros e cursos que organiza Extensión Universitaria.

 Proxectos de Voluntariado

Podes escoller un proxecto de voluntariado entre os que temos como propios ou con diversas entidades colaboradoras da contorna.

Co fin de facilitar a túa reincorporación ao sistema educativo, prevense posibilidades de recoñecer a formación adquirida previamente mediante as validacións e as equivalencias segundo o catálogo para técnicos superiores de FP 

Nos seguintes enlaces poderás consultar as táboas de recoñecementos entre materias daqueles graos comúns as tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) co fin de permitir unha maior eficacia no traslado do alumnado.

Grao en Administración e Dirección de Empresas Campus de Ourense​​​​​​ | Campus de Vigo 

Grao en Bioloxía

Grao en Comunicación Audiovisual

Grao en Dereito Campus Ourense | Campus Vigo 

Grao en Enfermaría Campus de Ourense | Campus de Pontevedra | Campus Vigo: Meixoeiro | Povisa 

Grao en Enxeñaría Agraria 

Grao en Enxeñaría Forestal 

Poderás recoñecer a experiencia laboral e profesional sempre que  estea relacionada coas competencias inherentes a dito título. O número de créditos recoñecidos non poderá ser superior a 36 ECTS salvo que, excepcionalmente, se sumen os créditos procedentes de títulos propios que na súa extinción fosen substituídos por un título oficial de grao. 

Para que te poidas matricular en mais dunha titulación universitaria oficial, é necesario que teñas concedida a simultaneidade previamente á formalización da segunda matrícula, tendo en conta que non se che concederá para cursar por primeira vez dúas titulacións ou a mesma titulación noutra universidade.

Consulta na normativa de simultaneidade de estudos todos os requisitos que debes cumprir.

Os trámites os iniciarás na sede electrónica para o que é necesario que posúas algún medio válido de identificación electrónica.

Unha certificación académica é o documento que expide a Uvigo no que se acredita o estado do teu expediente no momento no que o solicitas, e que contén, ademais dos teus datos persoais, o resumo de créditos da titulación e créditos superados, materias cursadas coas calcificacións obtidas, anos académicos cursados, recoñecementos, se procede, e nota media da titulación.

Para máis información podes consultar o regulamento das certificacións académicas da UVigo

No momento no que solicitas unha certificación académica persoal deberás aboar os prezos públicos segundo o establecido no decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos, vixente en cada curso académico. O importe o aboarás unha soa vez se necesitas que no mesmo momento a certificación se expedida en varios idiomas.

Non precisarás pagar pola certificación se a necesitas para solicitar unha bolsa de calquera organismo público ou privado, sempre e cando se faga constar "que se expide aos únicos efectos de presentación de solicitude de bolsa" nin para achegar a calquera procedemento da UVigo, cando conste "que se expide aos únicos efectos de presentación de..."

A solicitude a realizarás en calquera momento dirixida ás unidades administrativas dos centros.

O procedemento para trasladar o teu expediente é diferente se cambias a outro grao na UVigo a se o fas a outra universidade. No primeiro caso é un procedemento automático que se realiza no momento de formalizar a matrícula na nova titulación a través da secretaría virtual. No segundo, o trámite tes que inicialo na sede electrónica para o que é necesario que posúas algún medio válido de identificación electrónica. Neste caso deberás achegar a resolución de admisión na outra universidade para que a unidade administrativa do teu centro poida xerar o impreso asociado a este trámite.

A avaliación por compensación é o mecanismo para valorar se, en conxunto, acadaste suficientes coñecementos e competencias na traxectoria académica que permitan compensar materias non superadas co fin de que podas obter o título universitario sen realizar mais probas de avaliación. Non serán obxecto de compensación nin o TFG, as prácticas, o prácticum nin materias do curso ponte.​​

No momento no que fagas a solicitude terás que ter matrícula formalizada na materia ou materias a compensar e, para que se che poida conceder a avaliación por compensación, ademais de que non poderá constar no teu expediente algunha sanción grave, deberás cumprir os requisitos relacionados a continuación:

  • Que cando menos, o 50% dos créditos da titulación os cursaras na UVigo. 
  • Que che resten para graduarte un máximo de dúas materias que non superen entre ambas os 12 créditos, (non se contará o TFG). Non se che poderán compensar mais de 12 créditos na túa vida académica.
  • Que esgotaras, na materia ou materias solicitadas, cando menos 3 oportunidades de avaliación e que a cualificación obtida non fora inferior a 1 ou que non foras avaliada ou avaliado en ningunha das 3 oportunidades.

A solicitude deberás facela a través de sede electrónica  para o que é necesario que posúas algún medio válido de identificación electrónica. Poderás realizala en cada período de avaliación dende a data de apertura de actas ata 15 días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.

Concederaseche o apto por compensación automático da materia ou materias solicitadas tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos, das limitacións, e sempre que che encontres en polo menos nun dos seguintes supostos: 

  1. Que obtiveses polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 3,5 na materia ou materias a compensar. 

  2. Que a media do teu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.

No caso de que non che encontres en ningún destes supostos ou curses unha titulación que dea acceso a unha profesión regulada pero reúnas todos e cada un dos requisitos necesarios, a solicitude será admitida a trámite para que sexa a comisión de compensación quen valore a traxectoria académica global e, en particular, na materia ou materias obxecto de compensación e nas materias afíns (se as houbese), e analice a información complementaria considere oportuna.

A comisión poderá solicitarlle ao docente responsable da materia un informe no cal consten as consideracións relativas a todas as actividades desenvolvidas (traballos, exames, prácticas etc.).

Superados os teus estudos poderás solicitar expedición do título na secretaría virtual ou na unidade administrativa do teu centro. Deberás aboar o importe correspondente segundo o establecido no decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos, vixente en cada curso académico.

Unha vez comprobado que o pagamento foi efectuado e revisados os teus datos persoais a universidade iniciará o procedemento de expedición do título universitario xunto co Suplemento Europeo ao Título (SET). Este proceso ten unha duración aproximada dun mes e medio.

Recibido o título definitivo e efectuados os trámites oportunos, a unidade administrativa do teu centro comunicarache que poderás retiralo persoalmente na unidade administrativa do centro, debendo acreditar a túa identidade (presentación do DNI, NIE ou pasaporte), autorizar a outra persoa, sempre mediante poder notarial ou solicitar por escrito a remisión do título á delegación ou subdelegación do goberno (oficina de alta inspección de educación), embaixada ou oficiña consular máis próxima ao teu lugar de residencia.

Se por algunha circunstacia como supostos de extravío, destrución ou deterioro ou alteracións derivadas de cambio de datos persoais ou de calquera outra causa poderás solicitar a expedición de duplicados, previa anulación do título orixinal. Este trámite está suxeito ao pago do importe por duplicado.

O procedemento iniciarase de oficio, cando a causa sexa imputable a administración.

 Cómo accedo a secretaría virtual, recupero os meus datos, consigo unha conta de correo... na UVigo?

Recursos tecnolóxicos

 

Mobilidade nacional e internacional

Mobilidade

 

Atención á diversidade

PIUNE

 

Dereitos e liberdades de todos os membros da comunidade universitaria

Valedoría Universitaria

 

Máis información:

Servizo de Xestión de Estudos de Grao
+34 986 813 607 | 986 813 609
soporte.grao@uvigo.gal