Recursos humanos/mobilidade

Oportunidades de financiamento destinadas a subvencionar a contratación e a mobilidade do persoal investigador

Accede directamente ao noso Buscador de convocatorias de I+D+i para procurar unha axuda concreta ou accede á listaxe de convocatorias máis comúns do ámbito galego e estatal para coñecer información en profundidade sobre cada unha delas.

 

Convocatorias da Universidade de Vigo

O obxectivo desta convocatoria é subvencionar doutorandos ou doutorandas integradas en grupos de investigación que estean a realizar a súa tese na Universidade de Vigo e que, en función da súa capacitación e formación, se poidan converter en novo persoal investigador. As axudas teñen unha duración de tres anos.

A finalidade deste programa é captar talento para ampliar e potenciar a actividade investigadora de excelencia e a internacionalización e a cooperación con outros centros internacionais de investigación de elevado prestixio mediante a contratación de investigadores e investigadoras doutoras de excelente traxectoria.

O obxecto deste programa é facilitar a continuidade da actividade desenvolvida polo persoal investigador de traxectoria destacada incorporado á Universidade de Vigo a través de programas de recursos humanos estatais e autonómicos.

Máis información


Convocatorias da Xunta de Galicia

Para participar nas convocatorias de axudas da Xunta de Galicia debe terse en conta o procedemento interno de presentación de candidaturas que debe ser consultado anualmente no taboleiro de convocatorias da Universidade de Vigo.

O obxecto do programa é concederlles axudas ás universidades do sistema univesritario galego para que contraten nos seus centros persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores. Desde a convocatoria de 2022, a duración dos contratos é de catro anos.

Para que as persoas investigadoras destinatarias das axudas poidan acadar a mención de doutora ou doutor internacional, fináncianse estadías de tres meses de duración no estranxeiro.

 

Logotipo do Fondo Social Europeo. Europa inviste no teu futuro.

 

O Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral ten como obxecto outorgarlles axudas ás universidades do SUG que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutora ou doutor para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. A duración total das axudas é de tres anos.

As axudas para completar a etapa de formación posdoutoral ten como finalidade darlle continuidade, mediante a contratación durante dous anos, á carreira investigadora das persoas que gozaran dunha axuda do Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria. 

Saber máis

 O obxecto do Programa de atracción e retención de talento é a incorporación ou a retención nas universidades do SUG de persoal investigador posdoutoral que amose un relevante currículo investigador que permita reforzar e/ou iniciar novas liñas de investigación en áreas de coñecemento e liñas de investigación definidas como estratéxicas na propia convocatoria.

Máis información


Convocatorias do Goberno de España

Estas axudas teñen por obxecto o financiamento dos custos derivados dos contratos predoutorais que se formalicen entre o profesorado universitario en formación e as universidades coa finalidade de que obteñan o título de doutor ou doutora e a adquisición de competencias docentes universitarias que faciliten a futura incorporación das personas beneficiarias ao sistema español de educación superior e de investigación científica. 

Ademais, teñen por obxeto financiar a contratación laboral durante un período de orientación posdoutoral dun ano de duración, daquelas persoas que obteñan o título de doutoramento con antelación ao inicio da última anualidade da axuda. A súa duración máxima é de catro anos.

Máis información

O fin destas axudas é que as persoas investigadoras en formación realicen unha tese de doutoramento asociada a un proxecto de investigación financiado polas axudas para proxectos de varios dos programas estatais. Ademais, teñen por obxeto financiar a contratación laboral durante un período de orientación posdoutoral dun ano de duración, daquelas persoas que obteñan o título de doutoramento con antelación ao inicio da última anualidade da axuda. As axudas terán unha duración máxima de catro anos.

A axuda concedida financia os custos de matrícula ademais de estadías de investigación.

Teñen como obxectivo fomentar a contratación laboral de persoas doutoras novas por un período de dous anos para que completen a súa formación investigadora posdoutoral en centros de I+D españois distintos a aqueles nos que realizaron a súa formación predoutoral.

Ademais, para participar nesta convocatoria de Juan de la Cierva debe terse en conta o procedemento interno de presentación de candidaturas que debe ser consultado anualmente no taboleiro de convocatorias da Universidade de Vigo.

O seu obxectivo era fomentar a contratación laboral de persoas doutoras novas por un período de dous anos con obxecto de que afiancen as capacidades adquiridas durante unha primeira etapa de formación posdoutoral. A última convocatoria foi para o 2020.

A maiores do cofinanciamento do salario e da cota empresarial, esta convocatoria tamén recollía a concesión dunha axuda adicional de 6000 euros por investigador para cubrir os gastos directamente relacionados coas súas actividades de investigación de cada persoa contratada.

Ademais, para participar nesta convocatoria de Juan de la Cierva debe terse en conta o procedemento interno de presentación de candidaturas que debe ser consultado anualmente no taboleiro de convocatorias da Universidade de Vigo.

Estas axudas van dirixidas a promover a incorporación de persoal investigador nacional e estranxeiro cunha traxectoria destacada en centros de I+D coa fin de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable nun organismo de investigación do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e de Innovación.

Dende a convocatoria para o 2021, as axudas divídense nunha primeira fase de tres anos equivalente as extintas Juan de la Cierva- Incorporación e unha segunda fase de dous anos de duración á que se poderá acceder despois de superar unha avaliación. 

As axudas destínanse a cofinanciar o salario e a cota empresarial da Seguridad Social dos investigadores e investigadoras contratadas, concedendo ademais unha axuda adicional por importe de  42.000 euros para cubrir os gastos directamente relacionados coa execución das súas actividades de investigación.

Máis información sobre as convocatorias do goberno

Con estas axudas preténdese incentivar a contratación laboral de persoal técnico de apoio en centros de I+D por un período de tres anos. As titulacións requiridas para poder participar na convocatoria son as de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, grao, diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou técnica/o superior no marco da formación profesional do sistema educativo.

Saber máis
 

O obxecto das axudas Beatriz Galindo é a atracción do talento investigador que ten realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro coa fin de favorecer a captación e formación de capital humano investigador e a súa mobilidde en sectores de interés estratéxico nacional, así como prover a calidade e a competitividade do persoal docente e investigador nas universidades españolas. 

Máis información

Estas axudas teñen como obxectivo fomentar a recualificación e a mobilidade nacional e internacional do persoal docente e investigador para aumentar a calidade da educación superior. 

Están financiadas polos fondos Next Generation EU e constan de tres modalidade: 

  • Margarita Salas para a formación de novas doutoras e doutores mediante estadías de formación estranxeiras ou nacionais dun máximo de tres anos de duración.
  • Recualificación do profesorado universitario ou contratado mediante estadías de formación en universidades ou centros de investigación públicos nacionais ou estranxeiros dun máximo dun ano de duración.
  • María Zambrano para a atracción a universidades públicas españolas de persoal docente e investigador con traxectoria posdoutoral acumulada en universidades ou centros de investigación estranxeiros de tres anos de duración.

 

Documentación de interese

Mapa da carreira investigadora en España (FECYT)

 

Convocatorias da Universidade de Vigo

Esta acción ten como obxectivo facilitar a estadía en centros de investigación radicados fóra de Galicia para a realización de traballos de investigación e a utilización ou adquisición de técnicas necesarias para o seu desenvolvemento e que non poidan ser levadas a cabo na Universidade de Vigo.

A axuda irá destinada a financiar parcialmente os desprazamentos para a presentación de comunicacións orais ou escritas ou proxectos creativos, en congresos, exposicións de creación artística, e reunións científicas, nacionais ou Internacionais nas datas sinaladas en cada convocatoria anual. 

Esta acción pretende fomentar as visitas de investigadores e investigadoras de sona internacional que poidan pronunciar conferencias sobre temas da súa especialidade. Así mesmo, tamén pretende facilitar a celebración de reunións de traballo, debate e exposicións de obra plástica entre o persoal investigador da nosa comunidade universitaria e de quen estea dirixindo traballos análogos noutros centros de investigación, preferentemente estranxeiros.


Ver as convocatorias

 

Convocatorias do Goberno de España

Estas subvencións están dirixidas a propiciar a mobilidade do profesorado universitario e persoal investigador con experiencia e traxectora profesional acreditadas con fines de actualización permanente. Os centros para os que se solicite a estadía deberán estar situados no estranxeiro e serán universidades e centros de investigación altamente competitivos na área científica da persoa candidata. 

Estas subvencións teñen por obxecto financiar estadías que favorezan a incentiven a mobilidade de novos e novas doutoras que se teñan incorporado recentemente á carreira docente e investigadora e mantñen unha vinculación contractual como profesorado ou persoal investigador nos centros de adscrición. Os centros para os que se solicite a estadía deberán estar situados no estranxeiro e serán universidades e centros de investigación altamente competitivos na área científica da persoa candidata.

As axudas para estadías breves e traslados temporais teñen por obxecto financiar mobilidades das persoas beneficiarias do programa FPU para reforzar a internacionalización da súa formación científica e capacidade técnica mediante a súa incorporación a un centro ou grupo de investigación relevante no ámbito internacional e vinculado ao campo científico, técnico ou artístico correspondente ao contido da teses de doutoramento para a que se concedeu a axuda FPU.


Saber máis

 

Se precisas ampliar información sobre estas convocatorias, podes contactar coa Sección de Recursos Humanos do Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento nos teléfonos
986 813 599 | 986 813 906 ou no enderezo electrónico seccion.rrhh.investigacion@uvigo.gal