Ética na investigación na Universidade de Vigo

Ética na investigación

Calquera investigación debe desenvolverse dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico, entre os que destacan os derivados dos compromisos éticos asumidos pola comunidade científica e as normas deontolóxicas.

A Universidade de Vigo comparte o espírito da Declaración sobre a ciencia e o uso do saber científico da UNESCO, especialmente no relativo á necesidade de que a práctica da investigación científica e os seus resultados deben estar sempre encamiñados a lograr o benestar da humanidade, respectando a dignidade e os dereitos dos seres humanos e o medio ambiente.

Coincide tamén na necesidade de adoptar medidas axeitadas en relación cos aspectos éticos da práctica científica e o uso do coñecemento científico e as súas aplicacións. Ademais, a Universidade de Vigo está adherida ao European Charter and Code for Researchers, que inclúe a Carta europea do investigador (conxunto de principios e esixencias xerais que especifican as funcións, responsabilidades e dereitos do persoal investigador) e o Código de Conduta para a contratación do persoal investigador.


Comités de ética na investigación

Para darlle cumprimento á lexislación vixente sobre os principios éticos que se deben respectar e consciente da súa responsabilidade ante a sociedade con respecto á investigación científica e á transferencia de coñecemento desenvolvida no seu ámbito, a Universidade de Vigo constituíu o Comité de ética na investigación (CETIC). 

Para un mellor desenvolvemento das súas competencias, o CETIC dispón de tres comités independentes. Cada un deles conta co seu propio regulamento e que vela no seu ámbito de especialización pola adecuación do deseño e da execución experimental ás normas vixentes, colabora co persoal de investigación na análise das implicacións éticas dos proxectos e elabora os informes requiridos.

  • Comité de ética na investigación (CETIC)
    A súa misión principal é promover a cultura ética en toda a comunidade universitaria, de acordo cos principios e estándares internacionais de bo goberno, responsabilidade social e cos obxectivos de desenvolvemento sostible, ademais de velar polo cumprimento das boas prácticas en investigación e en experimentación, garantindo a integridade científica e académica.
    • Comité de xestión de riscos biolóxicos (CGRB)
      Ten como misión identificar, avaliar e previr ou reducir os efectos adversos asociados á investigación con axentes biolóxicos, con fin de garantir o uso correcto das instalacións ante os traballadores, a sociedade, o medio ambiente e as administracións.
    • Comité de ética de experimentación animal (CEEA/OH)
      Ten como finalidade fomentar en investigadores, docentes e estudantes o uso responsable e ético dos animais de experimentación e garantir o uso ético dos animais ante a sociedade e as administracións.
    • Comité de ética para a investigación con seres humanos e medio ambiente (CEISHMA)
      É responsable da avaliación dos aspectos éticos da investigación realizada na Universidade de Vigo con fins científicos que implique seres humanos, ou o medio ambiente, así como a obtención e tratamento de datos persoais que poidan afectar a dereitos fundamentais, conforme á lexislación vixente.


Mentora ética

A mentora ética é a persoa titular da Inspección de Servizos e nela recae a responsabilidade ética da universidade. Participa con voz e voto no CETIC e, como o seu propio nome indica, debe velar pola ética na Universidade de Vigo. Ten, entre as súas funcións, informar dos procedementos referidos a condutas afastadas da ética necesaria e esixible na investigación.
 

Máis información

  • Guía de boas prácticas en investigación na UVigo aprobada polo Consello de Goberno o 20 de marzo de 2018) (gl | en)
  • Recomendacións éticas para investigar na Universidade de Vigo (gl | en)
  • Protección de datos

 

 

Vicerreitoría de Investigación
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
vicinv@uvigo.gal