Centros de investigación
A evolución e consolidación das agrupacións de investigación fan aconsellable o establecemento de centros singulares de investigación como estruturas específicas. Estes centros axúdannos a prestar un marco legal axeitado aos labores da I+D+i no ámbito da súa competencia xa teñan un carácter estratéxico sectorial ou transversal, ademais de dar apoio instrumental, científico e tecnolóxico.
Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic)
Impulsado por nós e asentado no Campus de Vigo desenvolve a súa actividade científica no ámbito da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.
Centro de Investigación Mariña (CIM)
Elemento central da estratexia mariña da Universidade, constitúe un polo interdisciplinar de referencia a nivel local, estatal e internacional no ámbito da xeración e transferencia do coñecemento do mar.
Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO)
O noso centro de investigación multidisciplinar ten a súa orixe na necesidade de dotar de equipamento e infraestrutura común ao persoal investigador especializado en biomedicina da Universidade de Vigo. O centro acolle instalacións bioexperimentais e un laboratorio BSL3, único no noroeste estatal.
Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx)
Situado no Campus de Vigo, Cintecx pretende ser un actor chave na cuarta revolución industrial xerando coñecemento e transformándoo en solucións tecnolóxicas que contribúan á mellora da competitividade da industria.