DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar no edificio Miralles o sábado 13 de xullo

A Vicerreitoría de Estudantes lanza un obradoiro gratuíto de programación web para mulleres

Organizado en colaboración coa asociación Django Girls

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
DUVI 27/06/2019

A Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria lanza un obradoiro gratuíto de programación web para mulleres que se celebrará o vindeiro sábado 13 de xullo no edificio Miralles. O curso organízase en colaboración con Django Girls, unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxecto achegar o mundo da programación ás mulleres, dado que, a día de hoxe, a presenza feminina neste sector segue a ser minoritaria. O taller, aberto tamén a menores de idade e con comida incluída, transcorrerá ao longo de toda a xornada e nel as participantes terán a oportunidade de adquirir as destrezas e competencias básicas en programación web  para deseñar un blog e publicalo na rede.  

Impartido por profesionais do sector, o único requisito para a participar é levar un ordenador portátil. A maiores tamén sería recomendable que tivese instalado Django,  un conxunto de ferramentas de código aberto e gratuítas que axuda a deseñar sitios web de xeito sinxelo e rápido, se ben, se isto non é posible será unha das mentoras a que se encargue de instalalo antes de que se inicie o taller. Desenvolvido na linguaxe de programación Python, este sistema servirá de base para que as participantes sexan quen de desenvolver a súa propia web en Internet, aínda que non teñan coñecementos previos de linguaxes como HTML ou CSS.

Inscricións ata o 5 de xullo

A inscrición en Django Girls é gratuíta e o prazo de matrícula está aberto ata o vindeiro 5 de xullo. Aínda que este curso busca fomentar e promover a participación da muller na programación, trátase dun espazo inclusivo, polo que poderá anotarse calquera persoa, pero a preferencia de matrícula será para as mulleres. No caso dos menores de 17 anos, os pais/titores legais deben enviar un correo electrónico (vigo@djangogirls.org) autorizando a súa inscrición e, se as nenas teñen menos de dez anos terán que asistir acompañadas dun dos seus pais ou titor/a legal.