Día Internacional da Persoa Migrante

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 17/12/2019

No ano 2000, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 18 de decembro como o día Internacional da Persoa Migrante.

Esta celebración busca recoñecer a contribución da migración ás sociedades de acollida como un poderoso motor de crecemento económico e de entendemento intercultural. A migración impulsa o progreso, non só das persoas que migran, tamén dos países de tránsito e, especialmente, das comunidades receptoras.

Con este día, preténdense ademais dar a coñecer os desafíos que este fenómeno presenta para o futuro da humanidade e dos riscos de crear sociedades repregadas sobre si mesmas e temerosas dos movementos migratorios.

De acordo coas cifras da Organización Internacional para as Migracións (IOM), o número de homes, mulleres, nenos e nenas en movemento non deixa de medrar. No 2018 a cantidade de migrantes internacionais ascendeu a practicamente 258 millóns de persoas. Na actualidade, existen máis de 40 millóns de desprazados internos debido a conflitos. Cada ano millóns de persoas vense obrigadas a abandonar os seus fogares por causa dos desastres climáticos ou naturais.

Para poder evadir os pasos fronteirizos oficiais, estas persoas expóñense a innumerables perigos e moitos perden a vida na súa viaxe tratando de chegar por mar a Europa, cruzando desertos ou atravesando bosques.

A Universidade de Vigo, comprometida coa Axenda 2030, únese á celebración do Día Internacional da Migración. Esta causa enmárcase dentro dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) posto que aborda os dereitos humanos e as liberdades fundamentais baixo o lema «Migración con dignidade». De forma directa, a migración inscríbese na meta 10.7 que avoga pola redución das desigualdades entre os países e a mobilidade das persoas, así como na meta 17.14 onde se busca coherencia política e contornas propicias para o desenvolvemento sostible. Porén, non hai que esquecer que a migración é un fenómeno completamente transversal, que abarca indirectamente aos demais ODS relacionados coas persoas. A Universidade de Vigo está disposta a crear conciencia dentro da comunidade para contribuír estes obxectivos.

 

Máis información:

Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal