DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto institucional do Día da Muller, celebrado na Vicerreitoría do campus de Pontevedra

O Premio Uviguala recoñece ao alumnado da EE de Telecomunicación polo impulso dos puntos lila

Presentouse tamén unha campaña fotográfica que dá visibilidade ás mulleres da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Igualdade
  • Premios
  • Publicacións
  • Reitor
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/03/2020

En 2018, a celebración do patrón da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación converteuse na primeira festa da Universidade en dotarse dun protocolo fronte ás violencias de xénero e dun ‘punto lila’ que posteriormente formou tamén parte doutras celebracións organizadas polo alumnado de diferentes facultades e escolas. Por ser, segundo destacou a Comisión de Igualdade da Universidade, un “unha forma de sensibilización e prevención" ante "posibles situacións de acoso sexual e por razón de sexo nas festas universitarias”, un exemplo de "implicación activa do alumnado a prol da igualdade” e “facer da nosa Universidade un espazo máis igualitario, libre de violencias machistas e máis feminista”, a institución académica outorgou o oitavo Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo Uviguala á Delegación de Alumnado da EE de Telecomunicación. Fíxoo no acto institucional do Día Internacional da Muller celebrado este xoves na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, co que a institución académica buscaba amosar “o seu compromiso firme por acabar coa desigualdade entre homes e mulleres”, como salientou a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.

Neste acto institucional, o reitor, Manuel Reigosa, fixo entrega do galardón ás representantes da delegación Antía Fandiño e Nerea Dosil, que destacaron a importancia dun premio que constitúe un “recoñecemento ao esforzo e ao traballo dos nosos compañeiros e compañeiras nun evento tan difícil de xestionar como é San Teleco”. Na súa intervención Reigosa amosouse “moi orgulloso” dunha iniciativa, os puntos lila, “que está cambiando para ben as festas universitarias” e animou ás premadas a que manteñan a súa implicación coa loita por unha “igualdade real, que aínda queda moi lonxe”, nun acto que contou tamén coa intervención da vicerreitora da Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e coa presenza dos vicerreitores dos campus de Pontevedra e Ourense, Jorge Soto e Esther de Blas, da concelleira de Igualdade, Paloma Castro, da deputada provincial Ana Laura Iglesias e diferentes membros da comunidade universitaria.  

A concesión deste premio Uviguala foi acordada por unanimidade pola Comisión de Igualdade da Universidade, salientou Águeda Gómez. A directora da Unidade de Igualdade lembrou neste acto o manifesto publicado, con motivo do 8M pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), para incidir no "compromiso coa igualdade" das universidades españolas. Gómez anunciou tamén que nas próximas semanas presentarase á comunidade universitaria o terceiro plan de igualdade da institución académica e  que o luns darase a coñecer no campus de Ourense un estudo sobre “a valoración, percepción e impacto das políticas de xénero” da Universidade. Este, explcou, ten entre os seus “resultados máis salientables a necesidade maioritaria de formación con perspectiva de xénero”, motivo polo que verase complementado pola presentación dun “itinerario de formación virtual en xénero”.

“Os puntos lila non deberían existir”

Tras recoller o galardón, Antía Fandiño e Nerea Dosil deron lectura a un manifesto que puña o foco “na situación que vivimos as mulleres en todo o mundo”, no que “a violencia, o abuso e os asasinatos só pola nosa condición de xénero están presentes cada día nos medios de comunicación”. As estudantes subliñaron que “non debería existir a necesidade dun punto lila, senón que deberíamos dicir que podemos camiñar libres, seguras e sen medo” e reclamaron a implicación da Universidade co propósito de que as mulleres poidan “sentirse libres nun campus público”. Fandiño e Dosil lembraron así mesmo que son estudantes dunha “carreira afectada por estereotipos machistas, cunha taxa moi baixa” de mulleres entre o seu alumnado, e reclamaron campañas que permitan mudar o feito de que o estudantado feminino nas titulacións de enxeñaría e arquitectura non supere, lembraron o 22%. 

As mulleres ‘bravas’ da Universidade de Vigo

O acto institucional abriuse coa presentación da campaña fotográfica Bravas. Mulleres da Universidade de Vigo, un “retrato coral, construído desde a pluralidade de miradas femininas” que busca homenaxear “ás máis de 11.000 mulleres que integran a Universidade de Vigo”, como destacou Mónica Valderrama. Con esta iniciativa, explicou, a Universidade súmase ao “proxecto colaborativo de ámbito global” Inside Out, impulsado en 2011 polo artista francés Jean René (JR), e que levou a diferentes colectivos a empregar o espazo urbano para proxectar, a través de retratos a grande escala, as “realidades e identidades de persoas e grupos”. Nesta iniciativa insírese tamén o proxecto Mulleres [rur]urbanas que, co apoio da Unidade de Igualdade e do Concello, a cooperativa cultural 7H levará a cabo nos próximos días nas rúas de Pontevedra co propósito de pór en valor ás mulleres rurais. Seguindo esa liña e coa idea de dar visibilidade ás docentes e investigadoras, persoal de administración e servizos e alumnas da Universidade, presentouse unha campaña integrada por 18 retratos, agrupados baixo o lembra de “bravas”, que define “a actitude das mulleres, a súa valentía e traballo diario”, como salientou Valderrama.

No acto presentouse así mesmo a publicación Quero ser investigadora, da Unidade de Cultura Científica e da Innovación, que busca espertar as vocacións científicas do alumnado de secundaria, dándolles a coñecer a traxectoria e ámbitos de traballo de dez investigadoras da Universidade.

Científicas que contan

Ademais deste acto institucional, a sede da Vicerreitoría acolle desde esta xornada a exposición Científicas que contan, dirixida tamén a dar visibilidade ao traballo da muller na ciencia. Integrada por 13 paneis, trátase dunha exposición que desde 2018 se exhibía na Facultade de Ciencias do Mar, e coordinada pola por aquel entón decana deste centro e na actualidade vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, co apoio da Unidade de Igualdade. A mostra, explica Rubio, formula unha homenaxe a nove científicas “heroínas que loitaron contra moitos obstáculos”; como Antonia Ferrín, María Josefa Wonemburger, Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos e Josefa García Sánchez, completándose con outra serie paneis explicativos sobre “a necesidade de visibilizar a investigación científica das mulleres”. 

Performance do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte
 

A conmemoración do 8M levou tamén nesta xornada á Delegación de Estudantes da Ciencias da Educación e do Deporte a promover nesta facultade a interpretación de Un violador en tu camino, unha performance participativa creada polo colectivo chileno Lastesis e dirixida a denunciar as violacións dos dereitos das mulleres, que foi interpretada nos últimos meses por movementos feministas de todo o mundo. Á iniciativa, impulsada pola delegación e coordinada pola súa vicepresidenta de Educación, Zeltia Augusta Pino, sumáronse preto de 30 alumnas das diferentes titulacións que se imparten na facultade.