Código ético e de integridade nun contorno virtual de ensinanza e de aprendizaxe

UVigo - Comunicación 28/04/2020


A adaptación da Universidade de Vigo e de todos os seus membros ás novas realidades provocadas pola covid-19 supoñen desafíos únicos motivados polo cambio abrupto a un contorno virtual de ensinanza e de aprendizaxe. 

Para culminar este proceso de adaptación, cómpre dispoñer dun código que sente as bases do comportamento e do compromiso do estudantado neste novo contorno. O estudantado ten a obriga de coñecer e de respectar este conxunto de normas, que constitúe un sinal de liberdade e de responsabilidade individual, e persegue a súa formación integral como persoa, a súa preparación como profesional de excelencia cara a conseguir unha transformación positiva da sociedade e o cumprimento do establecido no artigo 65 dos Estatutos da Universidade de Vigo.
 

Os compromisos que constitúen este código son os seguintes:
 

  1. As videoconferencias representan un espazo docente equivalente ás clases presenciais, polo que as normas de comportamento deben ser as mesmas: respectar o profesorado e os compañeiros e compañeiras de clase, e evitar o uso do teléfono. Isto significa permanecer en silencio cando non se teña o uso da palabra e utilizar a función do chat soamente para os comentarios ou as preguntas relacionadas con temas docentes que se estean a tratar.
     
  2. As conexións co profesorado deben realizarse no horario e a través dos medios de comunicación propostos ou pactados previamente.
     
  3. As probas de avaliación, en calquera das súas modalidades, enténdense como un mecanismo que ten por obxectivo medir o rendemento académico do estudantado. Neste sentido, todo o estudantado ten a responsabilidade de realizar as citadas probas da forma estipulada, de xeito individual ou en grupo segundo corresponda, sen incorrer en accións que alteren a súa veracidade ou supoñan unha fraude ou unha falsificación de datos de calquera tipo.
     
  4. O estudantado debe asumir a responsabilidade do seu proceso formativo sen presentar deliberadamente como propio, total ou parcialmente, un traballo feito por outra persoa (copia) ou obtido de calquera outra fonte non citada (plaxio). Tampouco debe presentar como novo un traballo xa avaliado.
     
  5. O estudantado só pode usar os recursos e as axudas permitidas para completar as tarefas ou os exames que se lle propoñan. 
     
  6. Non se pode recibir ou prover asistencia de forma fraudulenta nos exames. Isto inclúe a obtención, por calquera medio, dunha avaliación parcial ou completa.
     
  7. Considéranse de especial gravidade os actos de suplantación de identidade en calquera proba, así como a modificación, por medios mecánicos ou electrónicos, dunha cualificación obtida.
     
  8. Finalmente, todo o estudantado é responsable de informarse sobre os seus dereitos e as súas obrigas recollidos na normativa xeral da universidade, así como nas normativas internas de cada centro.