Plataformas de teledocencia

UVigo - Comunicación 28/04/2020

A Universidade de Vigo pon á disposición de toda a comunidade universitaria unha serie de ferramentas propias para a teledocencia.

A plataforma Faitic, con Claroline e Moodle, permite subir apuntamentos, realizar tests ou entregar traballos, e serve tamén como sistema de avaliación, como é coñecido por todos e todas.
 
En Campus Remoto realízanse as clases por videoconferencia. A súa opción de gravar as clases pode servir tamén como complemento ou sistema de avaliación. Por último, o correo electrónico institucional serve como nexo de unión entre o profesorado e o estudantado.

Estas plataformas teñen a vantaxe de que a documentación queda almacenada nos servidores da universidade.

A Universidade de Vigo soporta tamén a ferramenta Teams de Microsoft, posto que se atopa na suite Microsoft Office 365, con licenza corporativa da institución.

O uso doutro tipo de ferramentas distintas das sinaladas, mencionadas tamén pola CRUE, farase baixo a exclusiva responsabilidade do profesorado que, de ser o caso, decida empregalas e que deberá garantir o cumprimento efectivo da normativa sobre protección de datos persoais así como a salvagarda/integridade da documentación.

Sempre que se empreguen as plataformas propias da Universidade de Vigo, garantirase a conservación da proba e os datos persoais asociados polo menos durante o período previsto na correspondente normativa académica, para o que se poñen á disposición para a súa conservación nos espazos virtuais propios. No caso das revisións en liña utilizaranse os medios propios establecidos ou autorizados pola universidade.