Plataformas de apoio á docencia para o curso 2020/2021

UVigo - Comunicación 04/09/2020

Queremos informarte de que dentro da planificación do curso 2020/2021 levamos tempo traballando nunha serie de iniciativas entre as que se inclúen algunhas melloras significativas nas ferramentas centralizadas de apoio á docencia. Así, o novo contorno institucional, que terás dispoñible para este curso que comeza, basearase en dúas novas plataformas.

Campus Integra

A través da plataforma Campus Remoto, de desenvolvemento propio e  baseada na tecnoloxía de software libre Big Blue Button, puidemos no curso pasado darlle unha resposta rápida e exitosa á necesidade de impartir docencia de xeito remoto síncrono, durante o período do confinamento, mediante a creación dun «xemelgo virtual» dos centros, de tal xeito que cada espazo físico ten o seu correspondente espazo virtual na plataforma (aulas, despachos do profesorado, seminarios, salas de reunións...).

O contorno inicial foise dotando progresivamente de funcionalidades adicionais como a gravación das clases, a entrega de arquivos ou a dispoñibilidade dun LMS persoal (mini-Moodle) no despacho virtual do profesorado. Este modelo de «xemelgo virtual» permítenos facer agora unha evolución importante, denominada Campus Integra, que proporciona un soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso, xa que fai posible a docencia simultánea ao alumnado na aula física e na aula virtual. Para conseguilo, nos centros que decidiron utilizar esta nova plataforma, trataremos a necesaria dotación das aulas e dos espazos adicionais (como os salóns de actos ou os salóns de grao) elixidos polas direccións e polos decanatos para seren «aulas Integra». Ademais poremos á disposición do profesorado os equipos persoais (ordenadores táctiles ou tabletas gráficas, dependendo da preferencia indicada por cada centro) que lle darán soporte a un  «encerado virtual» visible simultaneamente polo estudantado presente na aula e polo que siga as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Estes dispositivos tamén farán posible a docencia desde o domicilio do profesorado se nalgún momento fose necesario.
Esta nova plataforma estará dispoñible para o comezo do curso, aínda que o equipamento das aulas e do profesorado se irá completando ao longo dos meses de setembro e de outubro. Poderás acceder a ela a través dos espazos virtuais do Campus Remoto do mesmo xeito que o vés facendo na actualidade.

MooVi

A actual plataforma de teledocencia Faitic integra versións obsoletas de dous LMS (Claroline e Moodle), o que dificulta enormemente a súa xestión e provoca, entre outros, problemas de seguridade e de protección fronte aos ciberataques, problemas de rendemento na conexión ou na imposibilidade de instalación de funcionalidades adicionais. Para resolver esta situación apostamos pola creación dun novo portal de teledocencia baseado nunha instalación na nube da última versión dispoñible de Moodle, que é a plataforma estándar de facto dentro das tecnoloxías de software libre no ámbito da teleensinanza. Esta nova plataforma denomínase MooVI (por Moodle-UVigo), e estará operativa no enderezo http://moovi.uvigo.gal unha vez que finalice a matrícula do alumnado da ABAU de xullo (o último chamamento remata o día 7 de setembro). Nese momento estarán creadas na plataforma todas as materias de todas as titulacións oficiais e dados de alta o profesorado e o alumnado.

Esta nova plataforma proporcionarache un conxunto de funcionalidades non dispoñibles actualmente como son a integración do software Turnitin nas actividades dos cursos, a disposición dunha aplicación con notificacións ao móbil e acceso ao contido fóra de liña, a integración con Campus Remoto (o que fará innecesarios os mini-moodles utilizados o curso pasado) ou a integración con futuros servizos da Universidade de Vigo, como o  sistema de identidade centralizada  (SSO-Single Sign On), dispoñible entre setembro e outubro. Aínda que che enviaremos a correspondente comunicación cando a plataforma estea totalmente operativa, podes obter información actualizada sobre ela no seguinte enlace: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/axuda/faq/21
 
Ante a pregunta de que vai pasar coa actual plataforma Faitic, a decisión que tomamos é mantela operativa ata o final do curso 2020/2021, cos seguintes obxectivos de cara á migración á nova plataforma:

  • Se usas actualmente Moodle en Faitic (no que xa non se crearán materias para este curso), empeza a utilizar xa a nova plataforma, pero podes migrar ao teu ritmo os contidos dos cursos anteriores que teñas en Faitic.
  • Se usas Claroline, podes seguir utilizándoo un curso máis se así o desexas, mentres te preparas para a migración á nova plataforma. Neste sentido, en breve informarémoste cando estean dispoñibles as distintas ferramentas de apoio ao dito proceso, así como as actividades formativas correspondentes.

 

Máis información:

Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade
Edificio Exeria
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 440
vicplan@uvigo.gal