DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e os tres reitores do SUG

O acto de apertura de curso das universidades galegas celebrarase este venres en Vigo

A asistencia de público será moi reducida debido ás fortes medidas de protección fronte á pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 23/09/2020

A Universidade de Vigo acollerá este venres o acto oficial da apertura do curso académico 2020/2021 das universidades galegas. O acto, que poderá seguirse en directo a través de UVigoTV, estará presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo  e contará coa asistencia dos tres reitores do SUG: Julio Abalde, da Universidade da Coruña; Antonio López, da de Santiago de Compostela, e Manuel Reigosa, da UVigo. A cita será ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais cunha asistencia de público moito máis reducida que noutras ocasións debido ás fortes medidas de prevención que se teñen que adoptar ante a situación sanitaria actual.

Tras a apertura do acto por parte do presidente da Xunta, chegará o momento da lección inaugural que, este ano, correrá a cargo do profesor Xosé Carlos Arias, catedrático de Economía Aplicada, e levará por título Finanzas relampo e política económica. Tras a súa intervención tomará a palabra o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e encargarase de pechar o acto o responsable do executivo galego, Núñez Feijóo.

Só medio cento de persoas convidadas

Se habitualmente a este acto asistía unha ampla representación da comunidade universitaria galega e un destacado número de autoridades da vida política, empresarial e social, nesta ocasión serán pouco máis de medio cento as persoas que asistan, todas elas previa invitación. Entre outros, asistirán ademais dos propios reitores, numerosos vicerreitores e outras autoridades académicas como os presidentes dos consellos sociais das universidades de Vigo e USC, Ernesto Pedrosa e Cecilia Sierra; a xerenta da Universidade de Vigo, Raquel Souto; a valedora universitaria, Esther Pillado; os exreitores  Luis Espada (UVigo), Alberto Gago (UVigo) e Juan Casares (USC), así como numerosos directores/as e decanos/as das diferentes escolas e facultades.

A maiores destas autoridades académicas contarase tamén coa asistencia, entre outros, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno, Javier Losada; o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ou o presidente do Tribunal de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde.

Coa actuación de Rodrigo Romaní Dúo

A celebración da apertura do curso do SUG contará nesta ocasión coa actuación de Rodrigo Romaní Dúo que, ademais do tradicional Gaudeamus Igitur, interpretará un par de pezas propias e, por primeira vez neste tipo de acto, o himno galego. Rodrigo Romaní Dúo está composto polo popular músico e compositor, fundador do grupo Milladoiro e da orquestra folk SonDeSeu Rodrigo Romaní e pola arpista Bea Martínez, coñecida, sobre todo, por formar parte do grupo folk Ghaveta e acompañar a Romaní en numerosos festivais europeos.

Escolas e facultades pechadas 

Por mor desta celebración o venres todas as escolas e facultades da Universidade de Vigo permanecerán pechadas, a excepción da propia Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias que se abrirá exclusivamente para a celebración deste acto.