Dia Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 25/11/2020

No ano 1999, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. A igualdade de xénero non só é un dereito humano fundamental, senón que é un dos principais obxectivos do desenvolvemento sostible (ODS 5. Igualdade de xénero) que busca lograr a igualdade entre os xéneros e o empoderamento de todas as mulleres e nenas.

Con respecto a este tema, a Delegación de Goberno contra a Violencia de Xénero realizou unha macroenquisa no 2019 que confirma que unha de cada dúas mulleres de 16 ou máis anos sufriu violencia en España polo simple feito de ser muller. As violencias medidas nesta enquisa fan referencia a calquera violencia física, sexual ou psicolóxica exercida polas parellas actuais ou pasadas, a violencia física e sexual exercida fóra da parella, e por primeira vez en España, mídese o acoso sexual e o acoso reiterado ou stalking. O acoso sexual fai referencia a calquera comportamento non desexado con connotación sexual que fixera sentir ofendida, humillada ou intimidada á muller; e o acoso reiterado ou stalking fai referencia ao comportamento realizado por unha mesma persoa de forma repetida que cause medo, ansiedade ou angustia á muller. En función do dito anteriormente, un15,2 % das mulleres sufriu stalking ao longo da súa vida e un 40,4 % sufriu acoso sexual, porcentaxe da cal 3 de cada 4 afirman que sucedeu máis dunha vez.

Hai que ter en conta que estas macroenquisas se reforman e se realizan aproximadamente cada catro anos, polo que podemos dicir que, a día de hoxe, o número de casos de violencia  contra as mullerse aumentou significativamente nestes últimos meses. Como indica a Organización Mundial da Saúde, o confinamento supuxo un aumento do 60 % das chamadas de mulleres vítimas de violencia doméstica rexistradas. Para estas mulleres, a pandemia supuxo un maior tempo de convivencia cos maltratadores e, polo tanto, unha maior facilidade para estes de exercer control sobre elas e unha maior exposición a agresións e á violencia.

Unha parte das mulleres que sofren violencia acoden a institucións e a mecanismos oficiais en busca de axuda, pero o certo é que moitas delas, por medo, por vergoña ou por desconfianza, non chegan a denunciar. Trátase dun problema que afecta a toda a sociedade e, por tanto, debe visibilizarse e erradicarse coa actuación de todas e todos.

Para previr a violencia de xénero é necesario que exista un investimento en programas educativos que incentiven a premisa de igualdade en idades temperás, que exista unha mobilización da comunidade e novas reformas xurídicas e políticas. 

Así pois, a Universidade de Vigo, a través da Unidade de Igualdade, empregou os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para realizar unha análise da percepción que ten a comunidade académica da violencia contra as mulleres e a prostitución e así establecer que accións seguir nas futuras políticas de xénero do ámbito universitario.

Optouse por facerlles as entrevistas só aos homes da comunidade académica, pois en moitos estudos homes e mulleres responden de forma diferente e as mulleres son máis sensibles fronte a este tipo de inxustizas. 

As conclusións que se sacaron deste estudo foron que existe unha percepción de maior igualdade no espazo universitario que no resto da sociedade e que se lle dá moita importancia á igualdade entre homes e mulleres. Os enquisados tamén opinan que a desigualdade existente na universidade procede, principalmente, da fenda de coidados e dos problemas derivados da conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Por último hai que  salientar que a maioría cre necesaria unha maior formación afectivo-sexual e pensa que a desigualdade entre homes e mulleres é a orixe da violencia contra as mulleres.

No entanto, atópanse incoherencias entre as respostas dos enquisados. Case a totalidade considera que a maior violencia contra unha muller é obrigala a prostituírse e pensa que as mulleres que se prostitúen o fan por necesidades socioeconómicas ou porque as obrigan, mais só a metade ve como algo negativo pagarlle a unha muller por ter relación sexuais, que poida ser considerado violencia contra as mulleres ou poida ser denunciable. Neste caso, a metade dos enquisados considera que a solución sería legalizar a prostitución, pois no noso país é unha actividade alegal.

As conclusións que se extraen e que deben definir as futuras políticas de xénero no eido universitario pasan por reforzar as medidas consensuadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, en especial a demanda maioritaria de formación efectivo-sexual entre os tres colectivos universitarios, a sensibilización que saliente a mensaxe da evidente relación entre a desigualdade de xénero e a violencia contra as mulleres e a incidencia a través de medidas que favorezan a conciliación laboral, familiar e persoal. 

Espérase que, desta maneira, se poida concienciar e educar máis profundamente a comunidade universitaria sobre as problemáticas actuais no eido da prostitución e da violencia contra a muller, pois a educación é un elemento chave que pode cambiar a sociedade e mellorar a situación.
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal