Día dos Dereitos Humanos

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 10/12/2020

O 10 de decembro de 1948 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Desde ese día, quedaba reflectido neste documento histórico  o recoñecemento de toda persoa e dos seus dereitos, independentemente da súa raza, da súa color, da súa relixión, do seu sexo, do seu idioma, da súa opinión política, da súa orixe nacional ou social, da súa posición económica, do seu nacemento ou de calquera outra condición. Este ano o Día dos Dereitos Humanos ten como lema «Reconstruír para mellorar» e céntrase na necesidade dos dereitos humanos como base dos esforzos de recuperación da covid-19, tratando todas as consecuencias que supuxo e supón esta pandemia e facéndolle fronte á desigualdade, á exclusión e á discriminación que sofren moitas sociedades. 

O dereito á saúde reflectido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos establece o dereito a acceder á atención médica e á información así como a prohibición da discriminación na prestación de servizos médicos.  A pandemia da covid-19 supuxo unha  emerxencia para a saúde pública, unha crise económica e tamén unha crise social. Este virus provocou que saíran á luz as profundas deficiencias na prestación de servizos públicos e as desigualdades estruturais que obstaculizan o seu acceso. En moitos países esta pandemia significou un retroceso nos dereitos humanos e a crise serviu de pretexto  para adoptar medidas represivas con fins non relacionados coa covid-19. O pouco acceso que teñen moitas sociedades aos medios de comunicación e o peche de cantidade de contidos xornalísticos tamén deu lugar a que unha información que nos afecta a todos e todas non estivera á disposición de todo o mundo, o que supuxo un retraso na busca dunha resposta efectiva. 

As corentenas prolongadas e os toques de queda decretados para frear a expansión do virus motivaron que moitas persoas non puideran realizar as actividades económicas necesarias para o sustento do fogar. A pesar de que os gobernos puxeron en marcha políticas de protección do emprego, moitos non actuaron coa suficiente rapidez e deixaron moitas persoas en situación de vulnerabilidade sen apoio económico.

Todos os obxectivos do desenvolvemento sostible susténtanse nos dereitos humanos. Por iso, respectar os dereitos humanos nestes tempos de crise contribúe a atopar solucións máis eficaces e inclusivas tanto para a emerxencia dun presente como para a recuperación de un futuro.  A crise da covid-19 agravou a situación de pobreza e aumentou as desigualdades e a discriminación estrutural e arraigada. Nesta pandemia, os dereitos humanos deben ser unha prioridade no mundo para garantir unha plena recuperación e reconstrución dun mundo máis resiliente, máis xusto e máis sostible. Para pechar estas brechas cómpre erradicar calquera tipo de discriminación, actuar fronte ás desigualdades, impulsar a participación e a solidariedade e fomentar o desenvolvemento sostible. 

Fotografía: Felipe Soto Espinoza
 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal