Día Mundial da Xustiza Social 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 17/02/2021

Cada 20 de febreiro celébrase o Día Mundial da Xustiza Social para loitar contra as desigualdades existentes no mundo, apoiando o labor das comunidades encamiñadas a erradicar a pobreza, promovendo o emprego pleno e o traballo decente e apoiando a igualdade entre os sexos e o acceso ao benestar e á xustiza social para todos e todas.  

Todas as persoas temos necesidades básicas comúns recoñecidas legalmente como dereitos humanos fundamentais. Tanto nos países do norte como nos  do sur estas necesidades poden verse en moitos casos negadas ou simplemente ser inexistentes. Na actualidade, seguen existindo situacións onde someten as persoas adultas e os nenos e nenas a un traballo abusivo; onde, ademais, se restrinxen os dereitos políticos e de asociación, a liberdade de expresión e a difusión do pensamento, as eleccións, a independencia do poder xudicial e a liberdade de movemento. 

A nova situación xerada pola pandemia da covid-19 está a cambiar profundamente o mundo no que vivimos e como consecuencia os retos mundiais aos que nos enfrontamos. Por esta razón, este ano a ONU dedícalles este día aos retos derivados da xeralización da economía dixital co lema Un chamamento á xustiza social na economía dixital e convida a comunidade internacional a actuar e a reflexionar sobre retos como a fenda dixital, a tributación das plataformas dixitais e a perda do dereito á intimidade no medio dixital, entre outros.

Conseguir a erradicación destas situacións require esforzos conxuntos e alianzas (ODS 17 ) de toda a comunidade internacional, dos estados e das súas institucións. Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación tamén queremos facer énfase en que a decisión de promover ou de negar a xustiza social está nas mans de todas e todos e que a contribución de cada persoa supón un inicio para o cambio. É unha responsabilidade individual desenvolver empatía con quen é vítima de inxustizas, actuar para que outras persoas reciban un trato xusto e aplicar ideais como a liberdade, a igualdade e o respecto na vida cotiá. Para que isto sexa posible cómpre falar e debater sobre a xustiza social desde idades temperás e introducir este tema en todos os sistemas educativos. Toda persoa debe coñecer os principios elementais que se deben cumprir polo simple feito de ser persoa con independencia da raza, da idade, do sexo, da procedencia, da nacionalidade, da relixión, da ideoloxía e do pensamento político entre outros, ademais de entender que comportamentos, actitudes e estruturas favorecen ou negan a xustiza social.  

Á vista da importancia da igualdade de oportunidades para o desenvolvemento sostible e con referencia ao ODS 16 (paz e xustiza), consideramos cada vez máis importante a necesidade de educar o estudantado universitario na xustiza social, que a comunidade educativa sexa capaz de identificar a existencia de calquera inequidade na súa vida e na súa contorna e que adquira un compromiso activo para promover a xustiza e a igualdade nos ámbitos persoal, institucional, nacional e mundial.  

 

Fotografía de Eduardo Jerónimo Estévez Agrafojo.

 

Icona do ODS 16 paz, xustiza e institucións sólidas

Icona do ODS 17: alianzas pata acadar os obxectivos

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal