DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Ourense serán os días 27 e 28, en Vigo 27, 28 e 1 e en Pontevedra 1 e 2

Este sábado arrancan os cribados do Sergas ao alumnado dos tres campus

A Universidade tamén está realizar probas masivas de PCR por saliva ao persoal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 25/02/2021

Como anunciara o presidente da Xunta de Galicia a pasada semana, o alumnado universitario poderá someterse a unha proba de detección da covid-19 antes de retomar as clases presenciais o vindeiro luns 1 de marzo. 

Finalmente, as probas non serán na poboación de orixe dos estudantes, como estaba inicialmente previsto, senón que os test realizaranse nos campus. No caso da Universidade de Vigo, o Sergas realizará un cribado PCR a todo o estudantado entre os días 27 de febreiro e o 2 de marzo. As probas serán por vía nasofarínxea e o resultado obterase nuns 15 minutos. Ademais, no campus de Vigo realizarase unha proba dobre de antíxenos e PCR pero coa mesma extracción.

A convocatoria será realizada polo Sergas mediante un SMS enviado aos teléfonos móbiles do alumnado.

Datas e horarios

No campus de Vigo, o sábado 27 e o domingo 28 de febreiro, así como o luns 1 de marzo, unha trintena de profesionais do Sergas acudirán ao Pavillón de Deportes para realizar o test aos 14.000 estudantes convocados en horario de 09.00 a 21.00 horas.

En Ourense, os test realizaranse tamén no Pavillón de Deportes do campus o sábado 27, en horario de 09.00 h a 14.00 h, e o domingo 28, en horario de 09.00 a 14.00 h e de 15.00 h a 20.00 h. Convocaranse arredor de 5000 estudantes. 

En Pontevedra, as probas terán lugar a vindeira semana, os días 1 e 2, e realizaranse na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, tamén en horario de 09.00 a 21.00 horas, con arredor de 4000 estudantes convocados.

PCR ao persoal

Paralelamente, e de cara a poder realizar unha volta á docencia presencial coa maior  seguridade posible, a Universidade de Vigo tamén está a realizar probas de detección da covid-19 a todo o seu persoal, similar ao que se desenvolveu ao inicio do curso. Trátase dun cribado de pooling PCR por saliva entre o persoal PAS, PDI e alumnado de prácticas de algúns centros, que xa arrancou esta mesma semana e se estenderá tamén á próxima.

Cada traballador ten a súa disposición un tubo para a recollida das mostras no centro que se lle comunique a través dun correo da Vicerreitoría de Planificación. A mostra debe tomarse á primeira hora da mañá antes do almorzo, non debendo inxerir previamente ningún produto (pasta de dentes, colutorio...) antes da súa realización. 

Cada centro volve á súa modalidade de docencia

A partir do día 1 de marzo todos os centros da Universidade de Vigo volverán á normalidade, despois de que a Xunta optase por atrasar o inicio do segundo cuadrimestre ao 8 de febreiro, en lugar do día 1 como estaba previsto, e decidise que as clases comezasen en modalidade virtual. Deste xeito, a partir do luns cada titulación regresará á modalidade que elixiu para impartir este curso 2020/2021 (presencial, parcialmente presencial ou mixta). No que se refire aos graos, dos 62 que se imparten na UVigo, 17 optaron por unha modalidade totalmente presencial, é dicir, preto do 30%. O resto están a desenvolver este curso nunha modalidade mixta ou parcialmente presencial. No que se refire aos mestrados, dos 74 que oferta a UVigo, 30 optaron pola presencialidade total (40%).