Día Mundial da Síndrome de Down 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 18/03/2021

O Día Mundial da Síndrome de Down celébrase cada 21 de marzo desde a súa definición pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2012. Un día que significaría desde entón un aumento da conciencia pública sobre a valía e a contribución de todas as persoas con diversidade funcional como promotoras do benestar e da diversidade de todas as comunidades. 

A Universidade de Vigo únese este ano á campaña de Down Galicia «Tan diferentes como iguais». Este lema lémbranos que todos e todas somos diferentes desde o momento do noso nacemento. As diferenzas existentes fan que sexamos persoas únicas e que as nosas achegas á sociedade sexan distintas. Proporcionan unha enriquecedora diversidade pero sempre cómpre ter en conta que a diferenza debe gozarse de maneira igualitaria no que atinxe aos dereitos e ás oportunidades.  

A síndrome de Down é unha alteración xenética debida á aparición dun cromosoma extra do par 21 que ocasiona alteracións de tipo morfolóxico, bioquímico e funcional en diversos órganos, especialmente no cerebro, durante as etapas vitais. Prodúcese en todas as etnias, en todos os países e ten unha incidencia de un por cada 600-700 nacementos no mundo. A pesar desta porcentaxe, segue existindo un gran descoñecemento sobre a síndrome de Down que dá lugar a prexuízos e a pensamentos erróneos sobre a forma de vida destas persoas.  

A síndrome de Down non é unha enfermidade senón unha condición natural con variación xenética que permite desenvolver unha vida plena como persoa adulta. Caemos na idea equivocada de tratar as persoas que teñen esta síndrome como se fosen nenos e nenas durante toda a vida, cando, en realidade, crecen e aprenden da mesma maneira ca o resto. Ás veces precisan apoio ou un pouco máis de tempo para aprender a se desenvolver, igual que pode acontecer con moita xente na sociedade que non ten Síndrome de Down.

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación, con referencia ao obxectivo 10 «Redución das desigualdades» da Axenda 2030, queremos lembrarlle á sociedade a importancia de non caer na desinformación para eliminar calquera prexuízo sobre as persoas con capacidades diferentes.

Animámosvos a coñecer a campaña de Down Galicia e a ver o vídeo Síndrome de Down-Guía rápida.

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

Federación Down Galicia
Rúa de Alejandro Novo González, 1
15706 Santiago de Compostela
+34 981 581 197
downgalicia@downgalicia.org