Día das Letras Galegas 2021

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 / UVigo - ANL 14/05/2021

O Día das Letras Galegas é unha celebración instituída pola Real Academia Galega coa intención de gabar e de loar a lingua galega mediante demostracións de carácter fundamentalmente literario. Este día comezou a celebrarse o 17 de maio de 1963, data que coincide co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, da escritora e poetisa Rosalía de Castro. Ata agora, un total de 61 autores e autoras, 5 mulleres e 56 homes, foron homenaxeados nas 59 edicións do Día das Letras Galegas. Este ano tócalle a Xela Arias Castaño (1962-2003), que foi unha poeta, tradutora, editora e profesora ligada a Edicións Xerais de Galicia. Entre as súas obras destacan Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome.

O Día das Letras Galegas tamén se pode considerar coma un día de reivindicación e de defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Segundo datos da enquisa estrutural a fogares (EEF) sobre o coñecemento e o uso do galego do Instituto Galego de Estatística (2018), unha de cada catro persoas galegas de 15 anos ou menos (23,90 %) non sabe falar galego. A medida que vai aumentando a idade, as porcentaxes oscilan entre o 9 % e o 12 %. É significativo que sexa o grupo de menor idade o que presenta un maior descoñecemento do idioma, pois trátase de persoas escolarizadas e que supostamente aprenden galego e estudan en galego nas aulas.

Desta maneira, cómpre relacionar este día e a anterior información co ODS 4 «Educación de calidade». Este obxectivo avoga por «unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e por promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida e para todos e todas». Así pois, todos os rapaces e rapazas merecen e teñen dereito a unha educación de calidade en galego. Ademais, no punto sete recálcase «a promoción da cultura [...] a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao desenvolvemento sostible». A lingua é unha parte esencial de calquera cultura e da súa xente. O idioma galego é parte indispensable da cultura galega, polo que debemos coidalo e preservalo, falándoo, léndoo e escribíndoo.  

A Universidade de Vigo, onde estudou a homenaxeada, celebra este día co título O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias e realizará unha serie de actividades nas que se poderá participar e que  se poden consultar no seguinte programa.

 

Icona do ODS 4

 

 

Máis información:

Área de Normalización Lingüística
+34 986 813 574
anl@uvigo.gal

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal