DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dos desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte público da comunidade universitaria

A UVigo compite nun reto dirixido a fomentar unha mobilidade sostible

O ‘Urban Mobility Challenge’ está aberto ao alumnado e persoal dos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/09/2021

Diferentes universidades españolas participan, desde o vindeiro xoves 16, no reto Urban Mobility Challenge, unha iniciativa dirixida a fomentar unha mobilidade sostible, na que a Universidade de Vigo tomará parte por primeira vez. Ao longo dun mes, alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos poderá rexistrar na aplicación da empresa promotora, Ciclogreen, os desprazamentos que realice aos campus a pé, en bicicleta, en patinete, en transporte público ou en coche compartido, distancias que se irán acumulando ao perfil da UVigo no ránking de universidades deste reto no que, como salienta a empresa, diferentes empresas e institucións compiten por ser as máis sostibles á vez que reducen a súa pegada de carbono. 

Por iniciativa da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, no marco do programa Green Campus, e coa colaboración da Área de Benestar, Saúde e Deporte, a UVigo participará por primeira vez nesta competición, aberta ao conxunto da comunidade universitaria, que á súa vez poderá optar ao sorteo de diferentes agasallos por parte da empresa promotora. “O noso obxectivo é concienciar de que é bo adoptar iniciativas que favorezan unha mobilidade sostible, que a xente pense que o que fai serve para algo, máis aló de que neste caso poidan tamén gañar un premio e sentirse orgullosos de pertencer a unha Universidade que fai todo o posible por colaborar nesta liña”, salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Esta iniciativa súmase á participación, o pasado mes de abril, da institución académica no reto 30 días en bici, promovido tamén por Ciclogreen, aínda que neste caso, "trátase dun reto un pouco máis amplo”, lembra Souto. Nese senso , o director do Green Campus incide en que, ademais de fomentar os desprazamentos a pé ou en bicicleta nos campus de Pontevedra ou Ourense, “no caso de Vigo podería ser moi interesante fomentar o uso do transporte público ou do vehículo compartido”. 

Coidar a saúde e o medio ambiente

Souto agarda unha “alta participación” da comunidade universitaria nunha iniciativa que responde a un “dos sinais de identidade do campus de Pontevedra”, como é a promoción dunha mobilidade sostible. Nesa mesma liña, o director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Xabier Rial, destaca o positivo desta iniciativa á hora de favorecer “que toda a comunidade universitaria sexa quen de realizar un movemento consciente e coordinado, que sirva de exemplo de boas prácticas na promoción de hábitos e estilos de vida que favorezan o coidado da propia saúde e do medio ambiente”. A idea, engade Rial, é que esta iniciativa sirva tamén como “motivación para o exercicio físico saudable”, máis aló do seu obxectivo de promover unha mobilidade máis respectuosa co medio ambiente. 

Neste aspecto, Ciclogreen pon o acento en que, segundo datos do Parlamento Europeo, o transporte é o responsable do 30% das emisións de CO2 á atmosfera no continente e, destas, o 70% correspóndense co transporte por estrada. “Ante estas cifras, enténdese que gran parte da responsabilidade recae sobre os desprazamentos diarios, nos que se utiliza excesiva e irracionalmente o coche”, salienta a empresa promotora deste reto, que lembra que, máis aló do CO2, o uso do coche implica tamén a emisión “doutros gases prexudiciais para a saúde, como por exemplo o dióxido de nitróxeno”.  

Como participar

Enmarcado na Semana Europea da Mobilidade, o Urban Mobility Challenge desenvolverase entre o 16 de setembro e o 16 de outubro e as e os integrantes da comunidade universitaria poderán participar descargando aplicación de Ciclogreen, na que poderán inscribirse seleccionando á Universidade de Vigo no apartado de organizacións e empregando o código uvigowin. A partires de aí, poderán ir rexistrando na app os seus desprazamentos sostibles, polos que irán acumulando “ciclos”, puntos cos que, unha vez alcanzados os quilómetros fixados como reto pola organización, poderán participar no sorteo de diferentes agasallos. Os quilómetros percorridos sumaranse á súa vez ao perfil da UVigo no ránking que poderá consultarse na web do reto.

Segundo informou Ciclogreen, na anterior edición, a distancia percorrida de xeito sostible polos participantes, tanto na categoría de empresas como de universidades, alcanzou os 210.813 quilómetros, que supuxeron un aforro en emisións de CO2 á atmosfera de máis de 48 toneladas.