DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A experta Remedios Melero impartiu este xoves un seminario no marco da Semana de Acceso Aberto

A publicación en aberto, clave para derrubar as barreiras de acceso á investigación científica

En 2020, o 48% dos documentos publicados pola Universidade de Vigo foron baixo esta modalidade

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/10/2021

A aposta da Universidade de Vigo pola ciencia en aberto plásmase no Plan Estratéxico 2021-2026 e concrétase nunha Política institucional de acceso aberto á produción científica. Pero para visibilizar este posicionamento, a institución tamén se une á celebración da Semana Internacional do Acceso Aberto, que se está a celebrar do 25 ao 31 deste mes, baixo o lema Importa como abrimos o coñecemento: construíndo equidade estrutural. 

No marco desta efeméride, a Biblioteca Universitaria en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación e no marco da Estratexia de persoal investigador (HRS4R), organizou un programa de actividades que inclúe un seminario web, obradoiros para o persoal docente e investigador e a publicación de informes que analizan a expansión do acceso aberto na UVigo. Entre outros datos, amosan como a porcentaxe de documentos publicados en aberto na institución foi medrando de xeito constante desde 2011, ata chegar a representar o 48% do total en 2020.

O seminario celebrouse na mañá deste xoves e foi impartido por Remedios Melero, investigadora do Instituto de Agroquímica y Tecnología de Alimentos, do CSIC e editora da revista científica Food Science and International Technologye do Directory of Open Access Journals (DOAJ), ademais de coordinadora do grupo de traballo español de Acceso Abierto a la Ciencia. Como resumiu na súa presentación o director da Biblioteca Universitaria da UVigo, Gerardo Marraud, é “un dos grandes nomes do acceso aberto en España”.

As vantaxes do acceso aberto

A experta explicou que dende que o acceso aberto se cita por primeira vez en 2002 na Declaración de Budapest, o termo foi quedando englobado nun concepto máis amplo, que cubre todas as etapas do ciclo de vida da investigación, a open science ou open research. En concreto, Melero centrou a súa intervención nos datos de investigación, pero reflexiona para o Duvi sobre a situación da ciencia en aberto en España e comeza definindo o Open Access, “o acceso gratuíto á literatura científica e libre polo menos dalgunha barreiras relacionadas cos dereitos de explotación (copyright) que impidan a reutilización e libre distribución dos resultados e traballos produto da investigación científica”. Segundo a experta, entre as súas principais vantaxes está a visibilidade da produción científica sen barreiras de acceso, salvo as intrínsecas á conexión en liña ou a infraestrutura dixital; o acceso universal á produción científica sen diferencias entre xeografías; e o fomento da “biocultura” a través do intercambio de ideas e iniciativas facilitadas polo libre acceso ao coñecemento.

Melero tamén destaca que practicamente en toda Europa as universidades e centros de investigación dispoñen dun repositorio institucional onde depositar, preservar e facilitar o acceso á produción científica dos seus profesores e investigadores. “Estes repositorios non son silos illados, senón que compren con protocolos de interoperabilidade que fan que se integren noutros ecosistemas de información e se recollen por provedores que comparten estándares tecnolóxicos”. Ademais, subliña, serven de escaparate da produción científico-académica, xa que tamén admiten outros contidos, como teses, libros, datos de investigación, comunicacións a congresos e material docente. 

Ciencia aberta en tempos de pandemia

Boa mostra dos beneficios de compartir os resultados científicos constatouse durante e a pandemia da covid-19. “No tempo de pandemia no que estamos, comunicar e compartir os resultados científicos, sobre todo para a saúde pública, foi relevante para o seguimento e tratamento do coronavirus e, nese sentido, o acceso aberto aos datos e aos resultados da investigación foi crucial, ben a través do avance dos pre-prints, pola eliminación de barreiras ás publicacións, ben directamente pola revista ou polo depósito dos traballos publicados en repositorios institucionais ou temáticos”. Isto, segundo Melero, puxo de manifesto que “o acceso e libre circulación de resultados da investigación non só é beneficioso para temas de saúde en tempos críticos, senón que tamén o é para outros escenarios, como o cambio climático, a conservación da biodiversidade, la agricultura, etc.”

Reticencias á publicación en aberto 

A pesar de todas estas vantaxes que segundo Melero ofrece o acceso aberto, aínda persisten certas reticencias por parte do persoal investigador a publicar ou difundir os seus traballos en aberto, “a maioría produto de mitos”, subliña. Entre as principais reservas están o medo ao plaxio, a calidade das revistas en acceso aberto ou a posibilidade de incorrer nunha infracción legal. Fronte a estas reticencias, a investigadora recalca que “o acceso aberto non está confrontado coa calidade das revistas, que se mide por outros parámetros e, no caso do depósito nun repositorio institucional, incluso garante a primicia dos traballos, son seguros e garante un selo dixital de entrada”. Pero son os dereitos a principal inquedanza dos investigadores, “en ocasións por descoñecemento dos permisos e licenzas sobre os seus traballos, que indican como poden reutilizalos, e noutras por non ser conscientes de que a cesión en exclusiva dos dereitos de copyright ás editoriais non é o recomendable”. Para Melero, asignar á revista un permiso para a publicación sería o razoable, “sen que se limite posteriormente a súa reutilización con fins responsables”, como o é facilitar á súa institución unha copia dun traballo realizado durante a súa xornada laboral e financiado con fondos públicos na súa maioría”.

Informe As publicacións científicas da Universidade de Vigo en acceso aberto

Esta semana a Universidade tamén pixo público o informe As publicacións científicas da Universidade de Vigo en acceso aberto, realizado pola Área de Servizos Bibliométricos da Biblioteca Universitaria de Vigo. Partindo dos datos de Web of Science (WOS), estudouse a evolución da publicación en acceso aberto nos últimos dez anos. Como explica Ana Martínez Piñeiro, responsable da Área de Servizos Bibliométricos, os resultados amosan que neste tempo, o 33,69% dos documentos publicados pola Universidade de Vigo foron artigos en revistas en acceso aberto ou postos a disposición da comunidade científica nalgún repositorio institucional público. “Esta porcentaxe de documentos accesibles en aberto foi medrando de xeito constante desde 2011, cando esa porcentaxe era do 22,59%, ata 2020, cunha publicación en aberto do 48,03%”, resalta.

Porén, a UVigo aínda se sitúa por debaixo das institucións de investigación españolas, cunha media do 40,81% nestes dez anos, e da media das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (38,50%). Por ámbitos temáticos, a maior porcentaxe de publicación en acceso aberto localizase en ciencias da terra (o 44,35% dos documentos publicados entre 2011 e 2020 están en acceso aberto), seguida de economía e estatística (44,21%), física (43,08%), medicina (43,03%) e bioloxía (40,96%).

“Se observamos o impacto das publicacións en acceso aberto”, destaca Martínez, “estas obteñen como media máis citas que os documentos aos que só se pode acceder por subscrición”. Así, ese 33,69% de documentos en acceso aberto aportan o 44% das citas que reciben as publicacións da Universidade de Vigo nestes dez anos.