Acordo transformativo con Springer-Nature para publicar en acceso aberto

UVigo - Biblioteca 01/07/2021

A Universidade de Vigo, a través do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), participa nun novo acordo transformativo entre a CRUE-CSIC e a editorial Springer-Nature.

Con este acordo, as universidades disporán de acceso de lectura ás revistas científicas dos paquetes Springer e Adis do editor Springer-Nature, ao tempo que impulsa o aumento das publicacións do seu persoal investigador en  acceso  aberto. A este  respecto, o  acordo habilita o acceso aberto eliminando o custo de APC (Article Processing Charges) a un número limitado de manuscritos que en  conxunto estímase que chegará  a superar o 80 % dos artigos publicados anualmente. Son susceptibles de beneficiarse deste acordo os artigos enviados por autores e autoras de correspondencia das tres universidades ás máis de 2000 revistas científicas con modelo de subscrición que ofrecen o acceso aberto coma opción (revistas híbridas de ambos paquetes). O acordo, que xa está en activo, estende a súa vixencia a novos artigos que sexan aceptados ata final de 2024.

Para beneficiarse do desconto do 100 % nos APC:

  • O autor ou autora da correspondencia (corresponding author) deberá ser membro da Universidade de Vigo e identificarse como tal mediante o seu correo institucional. 
  • A data de aceptación do artigo debe pertencer ao segundo cuadrimestre de 2021 (desde o 15 de xuño).

As persoas beneficiarias comprométense a:

  • Facer constar no artigo a filiación normalizada segundo o Protocolo de normalización da filiación institucional da Universidade de Vigo.
  • Incluír nos agradecementos unha mención ao financiamento recibido pola Universidade de Vigo e polo CISUG.  
  • Depositar a versión publicada do artigo no repositorio institucional Investigo para incrementar a súa visibilidade e garantir á súa preservación a longo prazo.

Máis información nas guías:

A Biblioteca Universitaria encargarase de xestionar as solicitudes e ofrecerá soporte e asesoramento sobre o procedemento que seguir.

As consultas pódense realizar a través do enderezo accesoaberto.biblioteca@uvigo.gal


Novas relacionadas