DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita está organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou

O 10 de xuño celebrarase o I Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense

Está aberto á participación de calquera persoa interesada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 24/05/2018

A marcha nórdica é un deporte que consiste en camiñar coa axuda e impulso de bastóns similares aos empregados no esquí. Atendendo ao auxe que está tendo nos últimos anos esta modalidade, vén de presentarse este xoves o I Open de Marcha Nórdica Campus da Auga-Cidade de Ourense. A cita celebrarase o día 10 de xuño e desde as entidades organizadoras e colaboradoras, animan a todas as persoas interesadas, federadas ou non, a coñecer unha modalidade da que destacan o seu carácter inclusivo e os seus beneficios para a saúde. 

A rolda de prensa de presentación da iniciativa, organizada polo Club de Escaladores Ourensáns Asesou, tivo lugar este xoves no campus de Ourense. José Mª Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, salientou como “é un motivo de orgullo acoller este primeiro Open e que leve o nome do Campus da Auga”. Sobre a actividade, Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense, explicou como estamos ante “unha modalidade en alza, nova” e como o apoio a esta iniciativa faise tendo en conta que “sempre intentamos darlle cabida a actividades diferentes”.  Pola súa banda, Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes, salientou o apoio da súa entidade “ao deporte na natureza e ao deporte minoritario” como é neste caso a marcha nórdica.

Competición e saúde

Segundo detallou Fernanda Mirón, coordinadora de marcha nórdica do club organizador, este primeiro evento terá lugar o próximo 10 de xuño, sendo a primeira proba oficial da Federación Galega de Montañismo. As e os participantes sairán das pistas de atletismo do campus universitario ourensán e realizarán un percorrido circular de dificultade baixa de preto de oito quilómetros polas sendas dos ríos Lonia e Miño. Aberta á participación tanto de persoas federadas como non, durante a marcha as persoas participantes contarán co apoio de técnicas e técnicos que os asesorarán e dirixirán. A iniciativa, apuntou, nace coa intención de ser “a primeira de futuras colaboracións co campus de Ourense”, estando na actualidade traballando na articulación dun convenio de colaboración coa institución académica. 

Aberta a diferentes categorías, a iniciativa, sinalaron desde a organización, ten como finalidade achegar esta modalidade e difundir os beneficios que supón a práctica regular deste deporte. Neste senso, Cristina González, en representación da Federación Galega de Montaña e vogal de marcha nórdica do Club Asesou, salientou como se trata “dunha modalidade aberta a todo o mundo” “moi completa e inclusiva” que “está en auxe a nivel estatal tanto na súa modalidade deportiva como de saúde”. Por este motivo, amosou a súa satisfacción de que Ourense sexa “unha cidade vangardista en facer algo deste calibre”. 

Desde a organización subliñan como a marcha nórdica pode empregarse para manter a forma física, mellorar o rendemento deportivo ou desde o punto de vista sanitario e de promoción da saúde. No caso da marcha nórdica competitiva, puntualizan, é unha especialidade deportiva que se manifesta a través de competicións nas que os participantes utilizan uns bastóns especialmente deseñados para o desenvolvemento da actividade, co obxectivo de optimizar o esforzo físico realizado no movemento, efectuándose o itinerario a pé, no menor tempo posible, e co máximo respecto ao medio natural. “Este evento achegará sen dúbida os beneficios desta actividade a todos aqueles que queiran introducirse nesta modalidade”, comentan desde o Club Asesou.