DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola asociación Jóvenes Nucleares na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

100 persoas participan no campus nun obradoiro básico sobre ciencia e tecnoloxía nuclear

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI 27/09/2019

A cidade de Vigo foi a sede esta semana da 45ª xuntanza da Sociedade Nuclear Española, un evento que contou coa participación de 200 empresas e máis de 600 asistentes. Entre as actividades programadas no marco deste evento, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu este xoves un curso básico sobre ciencia e tecnoloxía nuclear impartido pola asociación Jóvenes Nucleares, unha entidade dependente da Sociedade Nuclear Española que está formada por estudantado e mozos e mozas profesionais do sector nuclear.

No obradoiro participaron arredor de 100 persoas que puideron coñecer a realidade deste tipo de enerxía, atendendo tanto aos seus principios físicos como ás súas aplicacións na vida diaria ou á xestión dos seus residuos. O obxectivo desta iniciativa foi achegar coñecementos xerais e resolver os dúbidas sobre os aspectos referidos á seguridade das centrais ou o seu impacto ambiental.

Comunidade universitaria e docentes de Secundaria, entre os asistentes

O cento de persoas inscritas neste taller pertencían principalmente á comunidade universitaria viguesa pero tamén participaron docentes de centros de Educación Secundaria e Bacharelato. As oito sesións nas que se dividiu o obradoiro foron impartida por profesionais de Enusa Industrias Avanzadas e da central nuclear de Cofrentes (Valencia), que tamén estiveron acompañados por estudantes de doutoramento que están a realizar a súa tese neste ámbito.

O curso estruturouse en oito sesións de 25 minutos, rolda de preguntas realizadas polos asistentes e un xogo interactivo (Kahoot!). Nun primeiro bloque os asistentes puideron achegarse aos principios básicos da física nuclear e a radiación; ao funcionamento das centrais nucleares centrándose nos circuítos de refrixeración e conversión a electricidade; o ciclo de combustible; a seguridade nuclear e a protección radiolóxica, analizando como nos afectan as radiacións ionizantes, como se miden e cales son as medidas de protección. O segundo bloque estivo dedicado á descrición dos fundamentos da enerxía nuclear de fusión e a fusión por confinamento magnético e por confinamento inercial. O terceiro bloque estivo dedicado aos retos da fusión nuclear e a súa concepción nun marco de desenvolvemento sostible.