DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor destacou que estes galardóns “romperon as barreiras de ámbito e xénero”

11 ideas que soñan con converterse en negocio gañan a 7ª edición dos Premios Incuvi

Mediación Móvil e Ouvir Servizos socioeducativos, gañadores da convocatoria Avanza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 16/04/2018

Deporte, promoción lingüística, cultura, innovación docente, enerxías renovables, aproveitamento forestal, deseño téxtil e aplicacións móbiles. Nestes eidos céntranse as once propostas de emprendemento gañadoras da sétima edición dos Premios Incuvi Emprende, impulsados pola Universidade de Vigo e a Fundación Universidade de Vigo e dirixidos ao estudantado que desenvolve unha idea de negocio creativa baseada en calquera das ramas do coñecemento. Este venres, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, entregou os diplomas e as chaves das súas futuras oficinas ás e aos impulsores destes proxectos.

En total son 11 premios, que se instalarán nos espazos de preincubación dispoñibles nos tres campus: seis en Vigo, tres en Ourense e dous en Pontevedra. Mato felicitounos polo seu “empeño e creatividade, porque a través deste programa estades tentando fabricar un bo futuro para vós e levar o nome da Universidade polo mundo adiante a través das vosas ideas e dos vosos proxectos”. O reitor destacou tamén a aposta da Universidade polo emprendemento, “unha materia pendente cando puxemos en marcha Incuvi en 2011”. Neste tempo, remarcou, o programa “non só creo cultura emprendedora, senón que conseguimos entre todos e todas romper as barreiras dos ámbitos do coñecemento, con proxectos gañadores de calquera eido, dende enxeñaría á economía, o deporte, as artes ou as ciencias, e tamén rompemos a barreira de xénero, e xa hai tantas emprendedoras como emprendedores”. En total apuntou Mato, son máis de 200 as ideas que se presentaron ao certame dende o seu inicio, moitas delas xa consolidadas como empresa.


O reitor estivo acompañado de Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, e José Alfonso Marnotes, director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia, que salientaron a importancia de fomentar o empredemento e de estreitar a relación entre a Universidade e a súa contorna social e empresarial. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, foi a encargada de dar a coñecer os premiados, e quixo aproveitar para facer balance. Apuntou que dende 2011 o proxecto foi crecendo e consolidándose ata estar presente nos tres campus cun programa permanente de titorización e formación. “Emprender é difícil, laborioso e incerto, por iso vos felicitamos, aos máis de 100 alumnos e alumnas que participaron nas sete edicións, algúns deles xa vivindo da súa empresa como Monet, Robotilab, Meigalabas, Micogalicia, etc.” recordaba.


Deporte, tecnoloxía, enerxía... seis novas ideas para Vigo

O acto celebrouse no edificio Miralles

“A idea xurde da paixón polo deporte. Dende pequeno soñei con ter a miña propia tenda dedicada ao baloncesto e creo que chegou o momento de facelo realidade”. Así describe Santiago Rúa, do Grao en Administración e Dirección de Empresas, Last Pick, unha idea de negocio que consiste na posta en marcha dunha tenda en liña de zapatillas e produtos relacionados co baloncesto. É un dos seis novos inquilinos das preincubadoras do campus de Vigo.


Desde a Escola de Enxeñería Industrial chega a idea de Comprimir para Vivir, un proxecto que se basea no almacenamento de enerxía por medio de aire comprimido. “Utilizamos calquera tipo de enerxías renovables, adaptando o noso sistema á contorna onde se instala. Deste xeito, conseguimos eliminar a contaminación producida polos sistemas actuais de xeración e almacenamento eléctrico”, explica o seu impulsor, Ignacio Moreno. Vencellada ao traballo dun grupo multidisciplinar de estudantes de Bioloxía e Enxeñaría Industrial Eva López propón lanzar Afouteza de Galicia, unha empresa que pon sobre a mesa a creación dunha planta de compostaxe que aposte pola transformación dos residuos forestais en compós ecolóxico.


No caso de Galicia Postal é un proxecto de promoción cultural e lingüística que nace no ano 2014 como Traballo Fin de Mestrado en Dirección de Arte Publicitaria. “Crearemos unha serie de selos e postais, nas que se utilizaran palabras propias do galego, acompañadas, ademais, por unha representación gráfica do seu significado”, explica o seu promotor, José Francisco Muíño. Tamén da man dun alumno de mestrado, neste caso o de Xeoinformática, chega a proposta de PER Platform Education Researh, unha plataforma de servizos destinada a que os profesores de ensino secundario poidan empregala tanto para compartir recursos educativos como apoio do traballo diario. E, xa por último, Apptobus, de Adrián Gesteira, da EEI, que formula a idea dunha aplicación para atopar transporte interurbano de xeito fácil e rápido.


Xestión forestal, cultural... cinco novos proxectos para Ourense e Pontevedra

Os niños da incubadora da Tecnópole en Ourense acollerán este ano tres proxectos gañadores do Premios Incuvi-Emprende: Aprovechamiento de los recursos forestales, Biolux e ReivindicARTE, tres iniciativas que chegan da man de estudantes da Escola de Enxeñería Industrial e as facultade de Ciencias da Educación e de Ciencias. No primeiro caso, impulsada por Juan José Gil, o proxecto de negocio consiste no aproveitamento e recuperación de terreos forestais, concretamente soutos de castiñeiros e carballos do medio rural galego e na produción agropecuaria a partir deles con criterios ecolóxicos.


ReinvindicARTE é unha iniciativa que combina a xestión cultural e a intervención social. “O noso proxecto quere, por un lado, enxalzar o valor daquelas artistas aínda descoñecidas en Galicia e, por outro, difundir o seu traballo na sociedade actual”, explicou a súa promotora, Violeta Pérez. O terceiro inquilino, Biolux, suxire a creación dun modelo de negocio que desenvolve e comercializa un novo prototipo de boia, incorporando a este microorganismos bioluminiscentes.
Este ano os proxectos gañadores no campus de Pontevedra están bautizados como Lira Tenue e ByGymApp e volverán instalarse nas instalacións de AJE Pontevedra. Lira Tenue é un proxecto que consiste na creación dunha marca téxtil de panos e fulares para mulleres e homes que xurde do interese do seu impulsor, Ángel Manuel Bonet, egresado en Publicidade e Relacións Públicas, polo deseño gráfico e a moda. ByGymApp, impulsada por Vladislav Shvets, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, busca crear unha plataforma dixital que sirva para reservar o dereito de uso das instalacións deportivas ou clases dirixidas dos ximnasios.


Ouvir e Mediación Móvil, premios Avanza


Neste acto entregáronse tamén os premios Incuvi-Avanza, uns galardóns que pretenden apoiar os proxectos emprendedores da edición anterior que teñen potencial e viabilidade para poder continuar co seu desenvolvemento. Os gañadores recibirán 3000 euros e o asesoramento dun equipo de profesionais que mentorizarán os proxectos durante o ano que estean nos espazos de Porto do Molle e no CITI de Ourense. Nesta terceira convocatoria o xurado elixiu Mediación Móvil no campus de Vigo e Ouvir no de Ourense. O proxecto ourensán céntranse en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo ofrecendo asistencia persoal. No caso de Mediación Móvil, que realizaron o seu ano de pre-incubación no campus de Pontevedra, crean unha aplicación móbil e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos. A impulsora de Ouvir xunto cos representantes de Mediación Móvil agradeceron o apoio, acompañamento e ánimo recibidos nun ano de incubación e aconsellaron aos novos galardoados “aproveitar o tempo, porque pasa moi rápido, seguir adiante porque é o voso presente e futuro”.