Ouro para Saúl Bello, en loita, e Juno Moreno, en judo, e prata para Sara Pena, en taekwondo
12 medallas para a UVigo nos campionatos de España universitarios de taekwondo, loita, judo e atletismo
O botín inclúe oito bronces: seis en taekwondo, un en loita, un en judo e outro en atletismo
A Universidade de Vigo regresou dos campionatos de España universitarios de taekwondo, loita, judo e atletismo cun balance de 12 medallas, obtidas nas competicións celebradas esta fin de semana en Granada e Jaén. O botín final inclúe dúas medallas de ouro, conseguidas por Saúl Bello, en loita, e June Moreno, en judo, unha prata de Sara Pena en taekwondo e oito de bronce -seis en taekwondo, unha en loita, unha en judo e outra en atletismo-, ademais de varios postos destacados en diferentes disciplinas.
Ouro para Saúl Bello e bronce para Gonzalo Caparrós, en loita
Na competición de loita, celebrada en Granada, a representación viguesa, integrada unicamente por tres competidores e cun Yassine Fouzi mermado fisicamente, conseguiu excelentes resultados: unha medalla de ouro e outra de bronce. Saúl Bello, estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, proclamouse campión en -80 kg, mentres que o seu compañeiro de estudos Gonzalo Caparrós acadou o bronce na mesma categoría. O torneo deixou ademais a circunstancia de que ambos estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte se enfrontaron nas semifinais nun combate polo pase á final.
Ouro para June Moreno e bronce para Mario Tenreiro, en judo
Pola súa banda, no Campionato de España Universitario de Judo, a Universidade de Vigo presentou un equipo moi novo, integrado por tres mulleres e un home, coa excepción da xa veterana June Moreno, estudante tamén de Ciencias da Actividade Física e do Deporte. A experiencia desta última permitiulle conquistar o ouro na categoría de -78 kg, mentres que Mario Tenreiro, estudante do Grao de Educación Primaria, tamén en Pontevedra, conseguiu o bronce en -81 kg.
Prata para Sara Pena e 6 bronces en taekwondo
No Campionato de España Universitario de Taekwondo, disputado tamén en Granada, o equipo da UVigo acadou unha medalla de prata e seis de bronce, aínda que non conseguiu subir ao podio por equipos, rematando finalmente na sexta posición. A competición deixou un sabor agridoce, xa que varios dos combates que daban acceso ás finais decidíronse nos últimos segundos.
A prata chegou da man de Sara Pena, estudante do Grao en Educación Primaria no campus de Pontevedra, na modalidade de poomsae (modalidade técnica) individual feminina, mentres que os bronces foron para os estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Adrián Davila en combate -54 kg, Lois Tomás en -63 kg, Alba Rey en -67 kg e Nuria Cernadas en +73 kg, e da Escola de Enxeñería Industrial Tudor Ciobanu en +87 kg (estudante de Enxeñería Eléctrica) e Ekaterina Rebón en -62 kg (estudante Enxeñaría Biomédica).
A clasificación xeral estivo encabezada pola Universitat de Valencia, seguida da Universitat Autónoma de Barcelona e da Universidad de Sevilla.
Bronce para Fernando Vallines en atletismo
En atletismo, nun campionato marcado pola presenza de deportistas de primeiro nivel como o campión do mundo Mariano García, a lanzadora galega Belén Toimil ou o especialista en 800 metros Pablo Sánchez-Valladares, a participación da UVigo tamén deixou bos resultados. Fernando Vallines, estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, logrou o bronce en lanzamento de peso, e os seus compañeiros de facultade Xiana Lago foi cuarta na mesma disciplina e Pablo Ulla rematou sétimo nos 1500 metros lisos.
Medallas que consolidan a UVigo nos campionatos estatais
Con estes resultados, a Universidade de Vigo continúa consolidando a súa presenza nos campionatos universitarios estatais, destacando tanto polos éxitos deportivos como pola proxección de novas promesas nas diferentes disciplinas.
No repaso aos éxitos acadados nas últimas semanas destacan os Campionatos de España Universitarios (CEU) de Natación e Natación Adaptada, celebrados en Granada, aos que a UVigo acudiu con nove representantes e nos que a institución académica tomaba parte por primeira vez na competición de natación adaptada. Facíao da man de Marcos Castro, estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e Hugo Mera, alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que lograron as primeiras medallas nesta modalidade na historia da Universidade de Vigo. Concretamente, Castro logrou o ouro na competición de 50 metros braza na categoría S1-S3, mentres que Mera sumou dous bronces, nas competicións de 50 e 100 metros libres da categoría S1-S16.
O éxito chegou tamén no CEU de Esgrima, celebrado en Almería, neste caso da man do estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Marcos Rascado, medalla de ouro na categoría de florete. Nesa mesma fin de semana, no campionato de bádminton, celebrado neste caso en Granada, a UVigo estivo representada por cinco estudantes dos campus de Pontevedra e Vigo, sumando dúas medallas e o cuarto posto na clasificación por equipos. Ana Nóvoa, estudante de Fisioterapia, logrou o bronce na competición individual feminina, ao que sumou o acadado en dobres feminino xunto con Sofía Álvarez, alumna da EU CEU de Maxisterio de Vigo.
Houbo tamén boas novas no CEU de Tenis de Mesa, en Jaen, cun bronce na competición por equipos feminina acadado polas estudantes Laura Forte (CC da Educación e do Deporte) e Noa Bernárdez (Dereito).
