DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun requisito previo para o acceso á titulación

120 estudantes concorren ás probas de CC da Actividade Física e do Deporte

Dirixidas a garantir unhas aptitudes mínimas de condición física

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/05/2018

Aínda que será o seu expediente académico e o resultado que obteñan nas probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) os que determinarán o seu acceso á titulación, preto de 120 persoas enfrontáronse este xoves na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ao primeiro requisito para converterse o vindeiro curso en estudantes do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Trátase das probas de aptitude física para o acceso a esta titulación, dirixidas a demostrar unhas capacidades básicas en materia de forza, resistencia, velocidade, axilidade ou flexibilidade que garantan que o futuro alumnado poida desenvolver adecuadamente a formación práctica destes estudos, probas nas que no presente curso inscribíronse un total de 176 persoas.

Un total de 118 acudiron nesta xornada á primeira convocatoria dunhas probas integradas por sete exercicios, dos que os e as aspirantes deben superar as marcas mínimas fixadas nas bases da convocatoria en seis delas, incluíndo obrigatoriamente á de adaptación ao medio acuático, que se desenvolveu na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Tanto aqueles e aquelas que non lograron superalas, como os 58 non presentados, disporán dunha segunda oportunidade o 20 de xuño, na segunda convocatoria dunhas probas dirixidas a garantir “unhas aptitudes físicas mínimas para despois poder desenvolver con certo rigor e certa solvencia a cantidade de materias que teñen unha compoñente práctica bastante alta”, como sinala a profesora Águeda Gutiérrez, coordinadora dunhas probas que se desenvolveron baixo a supervisión de 28 docentes da facultade. Xunto a estes, as probas contaron un ano máis coa colaboración dos integrantes da Delegación de Alumnos, así como con dez estudantes de último curso do grao. “Este ano fixemos unha convocatoria aberta para que os dez mellores expedientes que se presentasen estivesen nas propias probas coordinando a cada grupo”, sinala Gutiérrez dunha colaboración que se viu precedida por unha xornada de formación “sobre como se organiza un evento deportivo, como é a súa dirección e execución ou cales son as súas funcións” para os estudantes seleccionados, que correu a cargo dos profesores Iván Martínez e Óscar García e da propia Gutiérrez.

Dous días de ensaios previos

Adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores e dos membros inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica constitúen os sete exercicios que as e os aspirantes foron realizando en diferentes grupos ao longo da mañá. Moitos deles acudiran previamente as dúas xornadas de preparación das probas que a delegación de estudantes desenvolveu martes e mércores, en horario de mañá e tarde. “O obxectivo é que teña unha vivencia antes de como son as probas, de saiban como van funcionar, como é todo o circuíto e darlles consellos que lles axuden a superalas”, explica o presidente da delegación, Marcos García, dunha iniciativa que tivo como momento de maior afluencia na mañá deste mércores, coa participación de 55 das e dos inscritos nestas probas, entre os que, recoñece, “había bastante bo nivel”. 

Dos nervios ao desexo de volver en setembro

“Sempre fixen moito deporte e gustaríame estudar esta titulación”, recoñecía a pontevedresa Sara Pichel tras obter a cualificación de apta nunhas probas que recoñece, “foron bastante ben” e ás que acudía con certos nervios, “sobre todo á primeira, que é a da piscina”, que todos os aspirantes deben superar obrigatoriamente. “Unha vez a pasas, xa estás máis tranquila”, engade esta estudante de bacharelato antes de expresar o seu desexo de retornar en setembro ao campus como alumna deste grao. Desexo que comparte Aaron Rodríguez, un alumno procedente de Chapela que apunta que “desde pequeno quero facer algo relacionado co deporte, que é algo que sempre me gustou e teño o obxectivo de chegar a esta carreira, que me gustaría cursar aquí”. Obxectivo para o que vén de superar o primeiro chanzo, unhas probas “que non é que foran moi sinxelas, pero si que son accesibles para xente que practica deporte a diario”.