DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Publicidade e RRPP e Comunicación Audiovisual celebrou as súas graduacións

121 talentos forxados en CCSS e da Comunicación inician un novo camiño

Cos docentes Alberto Dafonte, Diana Ramahí e Fortuntato Rodríguez como padriños

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 11/06/2018

Dúas galas organizadas polo alumnado, que sumaron aos habituais discursos e entregas de diplomas a proxección de vídeos, a música ou as reivindicacións feministas serviron o pasado venres á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para despedir ás 91 tituladas e titulados que integran a sexta promoción do grao en Publicidade e Relacións Públicas e aos 40 novos egresados e egresadas da tamén sexta promoción do grao en Comunicación Audiovisual. Os primeiros, despedíronse no Auditorio de Afundación co profesor Alberto Dafonte como padriño e cun acto que buscaba achegar "algo dinámico e diferente" a través de vídeos que rememorasen o seu paso pola facultade, da actuación musical de Irene Serrat ou das intervencións que, nunha gala conducida polos novos titulados Adriana Antelo e Álvaro Estévez, realizaron Paula Saavedra e Eva Sobreira, en representación da promoción, e María Martínez e Raquel López, desde unha óptica feminista.

Pouco despois, despedíase na propia facultade unha nova promoción de tituladas e titulados en Comunicación Audiovisual, coa profesora Diana Ramahí como madriña académica e Fortunato Rodríguez como padriño. Conducida pola actriz e estudante da ESAD Estela Pérez, a gala estivo marcada tamén polos vídeos e as lembranzas e inspirada na webserie Paquita Salas, na que non faltou tampouco a defensa da igualdade, desta volta a través dun poema lido por Alba Tomé. Os dous actos estiveron presididos polo novo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e polo decano, Xosé Baamonde, quen lembraba que "son promocións con moito talento, que só precisan de oportunidades para demostralo". De aí que quixese animar aos novos titulados e tituladas a que "non se resignen, nin na súa vida persoal nin na profesional, porque sempre se está a tempo de intentar ser a persoa que se quere ser". Por iso, desexoulles "moita sorte no seu camiño" ao tempo que lles lembrou que "sempre terán na facultade un apoio a todos os seus proxectos".