DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade subvenciona con 20.000 a organización de xornada, conferencias e congresos

13 propostas docentes para promover a perspectiva de xénero nos tres campus

Desenvolveranse ao longo deste ano 2019

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
M. Del Río DUVI 03/04/2019

Da arte á xustiza; da violencia de xénero á discriminación laboral; do feminismo á docencia. En total, 13 actividades docentes que ata novembro espallarán a perspectiva de xénero polos tres campus tratando de abordar todos os eidos do coñecemento e as ramas formativas. Estas 13 propostas enmárcanse na convocatoria de para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero que pon en marcha a Unidade de Igualdade. Para isto destínanse 20.000 euros para conferencias, xornadas, congresos ou actividades de calquera tipo que implique un impacto positivo no alumnado de cara á promoción de valores igualitarios, incluíndo ciclos de cine, concursos, seminarios ou obradoiros. 
Entre as propostas recibidas, o xurado, formado pola directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez e as profesoras da Universidade de Vigo Fátima Braña e Magdalena Cid, seleccionou actividades para os tres campus.

O día 11, a primeira actividade no campus de Vigo

A primeira das actividades do programa que se desenvolverá no campus de Vigo será o próximo xoves 11 de abril, cando terá lugar a terceira edición do obradoiro sobre interpretación en contextos de violencia de xénero, organizado pola profesora Maribel del Pozo, do Departamento de Tradución e Lingüística.  Tamén en Vigo se desenvolverá, xa no mes de outubro, unha xornada sobre a situación das mulleres traballadoras na pesca en Galicia, impulsada polas profesoras Nora Martínez e Emma Rodríguez, docentes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

Outras propostas estarán a cabalo entre os tres campus. Por exemplo, a mostra Identidades Creativas que percorrerá Vigo, Ourense e Pontevedra o vindeiro curso ou a xornada sobre a precariedade das traballadoras ante os empregos dixitais atípicos, que se desenvolverá en Vigo e en Ourense en outubro. O mesmo sucederá cunha xornada sobre feminismo e teoría do dereito que acollerán as facultades de Dereito de Ourense e Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo no mes de outubro.

Educación e arte en Pontevedra

A arte e educación vertebran as actividades que se van desenvolver no campus de Pontevedra. Ademais de dar acollida á mostra itinerante Identidades Creativas, xa en abril, o día 12, celebrarase unha xornada sobre didáctica da expresión artísticas dende a perspectiva de xénero. No primeiro cuadrimestre do próximo curso a Facultade de Belas Artes acollerá un evento impulsado polo profesor Carlos Tejo titulado Agitando la heteronomatividad, no que se debaterá sobre performances, sexualidade e disidencias.

O campus de Ourense, o máis activo

As facultades ourensás son as máis activas na posta en marcha de actividades dentro desta convocatoria. O 23 de abril arranca o Congreso Euroamericano de Dereito e Política centrado nas institucións, as empresas e desenvolvemento humano e os días 29 e 30 de abril e 2 de maio terán lugar as I Xornadas Italo-Españolas de Feminización e Xustiza. Outra das actividades versará sobre a práctica docente con equidade de xénero, para o que se creará un grupo de traballo intercampus e intertitulacións, impulsado pola profesora Manuela Raposo, que se centrará, ata o mes de decembro, na análise e valoración de recursos didácticos. 

No primeiro cuadrimestre do próximo curso, a cidade das Burgas acollerá tamén outra actividade docente con perspectiva de xénero, desta volta, centrada na contabilidade e o control. Tamén no outono terán lugar as xornadas Mulleres que entreteñen. Unha ollada á antigüidade, impulsada pola decana de Historia, Susana Reboreda e A pornificación do corpo das mulleres: o feminismo da cuarta onda, na Facultade de Ciencias da Educación.