DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tres universidades galegas son parte da organización desta cita

O 14º Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía reunirá en Santiago de Compostela 900 especialistas

O evento terá lugar do 14 ao 17 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Ourense 12/04/2019

A cidade de Santiago de Compostela acollerá do 14 ao 17 de abril a celebración do 14º Congreso da Asociación Internacional de Etnoloxía, organizado polo Instituto de Ciencias do Patrimonio, do CSIC, xunto ás tres universidades galegas, a Uned e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Preto de 900 especialistas en antropoloxía e disciplinas afíns de máis de 50 países daranse cita nun evento que contará con 90 sesións e no que se reflexionará sobre temas como a situación da antropoloxía en Galicia, o impacto do turismo ou a recuperación dos barrios. A Universidade de Vigo está presente coa participación da súa Área de Antropoloxía, con profesora Fátima Braña á cabeza, no comité local e no comité científico do evento.

O congreso, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Wenner Gren Foundation, a Deputación de Coruña, as universidades organizadoras e o CSIC, leva por lema Track changes: reflecting on a transforming world. As e os expertos abordarán nel temáticas de especial relevancia social, como os movementos migratorios e a crise dos refuxiados, cuestións de xénero, procesos de patrimonialización e consumo turístico na sociedade contemporánea, transformacións do mundo rural ou temas ambientais relacionados co cambio climático. Realizaranse ao redor de 900 presentacións, entre papers, formatos audiovisuais e pósteres. "Desde a década dos 90 do pasado século non houbo outro evento similar de antropoloxía en España. É unha ocasión moi especial porque se van a reunir figuras de primeira liña internacional neste ámbito", sinala Cristina Sánchez, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía, coordinadora do congreso e investigadora do CSIC no Instituto de Ciencias do Patrimonio.

A Cidade da Cultura acollerá o domingo 14 ás 18.00 horas a inauguración do congreso que se vai a desenvolver na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. A conferencia inaugural The politics of evidence in an uncertain world: experience, knowledge, social facts and factual truth a estará a cargo de Susana Narotzky, catedrática de antropoloxía social da Universitat de Barcelona, que falará sobre as políticas económicas da incerteza que se derivan da crise e da posverdade. Entre a programación, desde a organización tamén salientan, alén da participación internacional, a celebración dunha sesión plenaria especial dedicada integramente á antropoloxía galega e na que haberá unha homenaxe a Carmelo Lisón, impulsor dos estudos universitarios de antropoloxía en España.