DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Iso segue o seu curso’, que presenta os proxectos de 15 estudantes de Belas Artes

15 expoñentes do futuro da arte contemporánea reúnense no Museo

As obras forman parte dos seus traballos de fin de mestrado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/06/2018

15 obras nacidas dos proxectos artísticos e de investigación que ao longo do presente curso desenvolveu o alumnado do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, da Facultade de Belas Artes, integran unha nova edición da exposición Iso segue o seu curso, que na tarde deste martes inaugúrase no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Coordinada polos docentes Mar Caldas e Xosé Manuel Buxán, a exposición que facultade e museo promoven anualmente desde 2012 reúne unha serie de creacións que constitúen ou forman parte dos traballos de fin de mestrado de nove alumnas e seis alumnos a piques de titularse e que se presenta non como un final de ciclo, senón como “un continuar nunha senda de profesionalidade artística, creadora e investigadora”, como salienta Buxán.

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal; o director do Museo, Carlos Valle, e os artistas Ariadna Yáñez e Brais Romero, participaron este mediodía xunto a Buxán na presentación dunha exposición que poderá visitarse ata o 7 de xuño. Unha exposición que, como sinalou Buxán, constitúe “un fito no percorrido do alumnado de Belas Artes”, que grazas á colaboración de Museo e Deputación lles permite sumar á súa traxectoria un proxecto expositivo na “institución expositiva máis importante da cidade”, que se completa á súa vez coa edición dun catálogo financiado pola Deputación. Xosé Leal, pola súa banda, lembrou salientou esta exposición como “un paso máis nas vosas carreiras” para un alumnado que é tamén “partícipe de que a arte contemporánea teña moita presenza neste museo que ten xa 90 anos de historia, da que sodes parte”, ao tempo que subliñou que “o futuro da arte en Galicia está precisamente en que poidades ocupar coas vosas creacións os espazos que son de todos e de todas”. Nese mesmo senso, Carlos Valle definiu esta mostra “un clásico na nosa programación”, que permite a esta institución “reformular o estrado actual das manifestacións artísticas no noso territorio coa xente máis nova en proceso de formación”. 

Do naturalismo á abstracción pasando polo territorio

Fotografía, pintura, escultura, instalacións ou videocreacións forman parte dunha exposición na que, como salientou Buxán, “os contidos son sempre moi variados” e na que poden observarse cada ano unha serie de “ítems que se repiten con bastante asiduidade”, como a presenza por unha banda de obras dun carácter máis naturalista ou realista, como sería neste caso o conxunto de fotografías de Iván Graña. Pero tamén doutra serie de proxectos “que teñen máis que ver coa abstracción” ou de creacións relacionadas co mundo do téxtil e da moda, así como a presenza anos tras ano de creacións vinculadas ao territorio, como neste caso nas pezas de escaiola nas que Juan Fontaíña recolleu “as pegadas do mar e das algas”. 

Irina Alegre, Jugatx Astorkia, Luis Baltar, Hugo Catania, Sabela Condesa, Raquel Fernández, Juan Fontaíña, Iván Graña, Paula Jaraices, Alejandra Lago, Sara Martínez, Santiago Morales, Mariña Pérez, Brasi Romero e Ariadna Yáñez son as e os 15 protagonistas desta exposición e tamén da nova promoción do mestrado que coordina Anne Heyvaert. Mestrado que, como lembra Mar Caldas, reuniu no presente curso tanto a estudantes galegos como procedentes de Euskadi ou Valencia, ao igual que a graduadas e graduados en Belas Artes con titulados procedentes de eidos como a Comunicación Audiovisual, “xente que vén con outra bagaxe que lle dá outra frescura e outras referencias ao proxecto”. 

Unha oportunidade única

Como salientou Valle, as e os participantes nesta exposición “reciben o mesmo trato que se fosen figuras de prestixio internacional”, aspecto que foi salientado nesta presentación pola estudante Ariadna Yáñez, quen definiu como “unha oportunidade única e incrible” poder presentar as súas obras neste espazo e traballar co equipo de montadores do museo. A esta mostra, Yáñez achega unha peza escultórica feita en escaiola na que plasma “unha representación do meu corpo e do meu alter ego”, unha cabeza de coello que empregara xa como parte do seu proxecto artístico en creacións previas. “Para nós ter un espazo público, unha institución pública é a maior das recompensas, porque nos permite seguir creando”, engadía nesa mesma liña Brais Romero. Procedente do mundo das artes gráficas, Romero achega a esta mostra unha peza que parte “do que en serigrafía entenderíamos como a trama”, un motivo dixital que constitúe “o adn de todas as imaxes gráficas” e que busca “lexitimar como obra en si mesma”, extrapolándoo a outro campo como é o da escultura e convertendo a súa creación “nunha obra de gráfica expandida”. 

Promover unha reflexión “sobre a obxectividade da fotografía na era posmoderna” constituíu, por outra banda, o punto de partida do proxecto de Mariña Pérez, unha colección de fotografías colocadas a modo de retícula que amosan pequenas partes dunha cadeira desde diferentes ángulos. “Fala un pouco sobre como por un lado aumenta a cantidade de información que recibe o espectador, pero por outro dificulta a compresión, a forma de percibir a xeneralidade do obxecto”, salienta esta alumna quen viu nesta exposición “unha grande aprendizaxe, porque cando empezas non tes nunca a oportunidade de traballar cun equipo como o do museo nin de expor nun sitio no que haxa esta iluminación ou este coidado dos detalles”.