DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo de San Tomé o alumnado foi premiado pola súa excelencia académica

150 galardóns que fan Universidade

O reitor repasou os eventos máis destacados do último curso e agradeceu os éxitos acadados

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 28/01/2019

150 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo recibiron este luns os máximos recoñecementos académicos que outorga a institución académica ao seu estudantado. Coincidindo coa celebración de San Tomé de Aquino, patrón da universidade, o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu o acto institucional no que se procedeu á entrega dos premios extraordinarios de grao e doutoramento correspondentes ao curso 2017-2018; os premios á excelencia académica de grao e mestrado do curso 2018-2019 e os Premios Egeria de inclusión de perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e fin de mestrado. Manuel Reigosa, no seu primeiro acto de celebración de San Tomé como reitor da Universidade de Vigo, aproveitou para facer repaso dos feitos máis salientables do pasado curso académico e para agradecer os éxitos acadados nos ámbitos da investigación, académico ou de innovación, con especial referencia ás alumnas e alumnos premiados por que “fan universidade”.

Xunto ao reitor, as vicerreitoras de Transferencia; Comunicación e Relacións Institucionais; Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; o vicerreitor de Economía e o presidente do Consello Social, foron os encargados de entregar os pins e medallas da Universidade ás e aos 150 estudantes galardoados. En total este mediodía outorgáronse 69 premios extraordinarios de grao (47) e doutoramento (22), correspondentes ao curso 2017-2018, 38 mulleres (55,07%) e 31 homes (44,9%), que acadaron as máximas cualificacións nos seus estudos de grao e doutoramento. No caso dos premios á excelencia académica do curso 2018-2019, 60 corresponden a estudantado de grao (37 mulleres e 23 homes) e 15 a alumnado de máster (oito homes e sete mulleres). Pola súa banda, os premios Egeria recaeron na súa quinta edición en cinco alumnas e un alumno. 

Un curso de éxitos e agradecementos

Reigosa, que comezou a súa intervención asegurando que as e os premiados “fan universidade”, iniciou o repaso aos feitos do último curso que considera “nos fan sentir orgullosos da nosa institución”, destacando o éxito que supuxo a exposición do Pergamiño Vindel e as actividades paralelas organizadas con tal motivo, nas que lembrou participaron máis de 150.000 persoas. O reitor referiuse a continuación á celebración das eleccións nas que a candidatura de H2040 que encabezaba obtivo a vitoria, fronte á liderada por Ideas que Suman. “Non esperabamos moito e acadamos un respaldo que nos fai moi felices e á vez estar preocupados por se non somos quen de facer o que a comunidade universitaria demanda de nós. En todo caso estamos a programar unha universidade do futuro, intentando ter unha visión a longo prazo, intentando que as distintas categorías profesionais teñan acougo e unha carreira profesional, tanto o PAS como o PDI”, sinalou Reigosa, que tamén puxo o acento na revitalización experimentada polo Claustro.

En relación coa actividade investigadora desenvolvida no último curso, o reitor destacou os bos froitos derivados do traballo do PDI, ao tempo que recordou a necesidade de incorporar novo persoal “que poida empurrar dentro dos laboratorios, os despachos e departamentos”, dixo Reigosa, que entre outros fitos destacou que a Universidade acadase sete millóns de euros na convocatoria de axudas para infraestruturas de I+D para a creación e mellora de 19 laboratorios ou que se situase no ‘top-ten’ de solicitudes nacionais de patentes, así como que acadase a coordinación dun proxecto europeo de xestión de infraestruturas que facilita a resposta rápida a eventos extremos.

Tras facer referencia expresa ás estruturas de investigación coas que conta a Universidade (centros singulares, agrupacións estratéxicas, centros propios e centros de apoio), o reitor destacou a incorporación de Maurizio Battino e Gianluca Marino, ao tempo que manifestou a súa intención de apostar pola captación de talento sénior. Manuel Reigosa lembrou o éxito que supón que Vigo sexa a única universidade galega que conte con dous investigadores no Highly Cited Researchers (Maurizio Battino e Jesús Simal), así como que a institución fose quen de situarse entre as 400 mellores do mundo en Ciencias da Educación. No seu primeiro discurso no acto institucional de celebración de San Tomé, o reitor incidiu no compromiso do actual equipo de goberno coa “feminización” da institución, a través do renomeamento dalgúns edificios do campus de Vigo, así como coa futura adopción de medidas destinadas a eliminar e a formar á comunidade universitaria en relación coa violencia de xénero.

En relación co que denominou “compromiso coa comunidade”, Reigosa avanzou a súa intención de reforzar a oferta formativa ao longo da vida impulsando unha escola de posgrado de formación continua. Tras felicitar ás persoas implicadas nos éxitos deportivos acadados pola institución académica, o reitor rematou o seu discurso referíndose a dous exemplos de éxito e colaboración entre institucións, como son o vehículo UM18 e o satélite LUME-1. “Amosar o noso agradecemento como equipo e reitor a todos os que fixeron posibles os éxitos da Universidade e aos que enchestes as nosas aulas e desenvolvestes un traballo de estudantes por facer un futuro mellor. Ese futuro mellor é o que esperamos e como universidade inserida na contorna agardamos ser unha peza importante deste progreso social, económico e de benestar para a cidadanía”, asegurou Reigosa para finalizar o seu discurso.

Premios ao esforzo e talento do alumnado con mellores expedientes
  

Os grandes protagonistas do acto foron un ano máis as mozas e mozos que hoxe recolleron os seus premios, uns galardóns cos que a institución académica quere recoñecerse o seu esforzo e a súa inmensa valía. “Para min esta medalla supón un montón de cousas: a principal é o recoñecemento a todo o tempo investido para realizar a investigación, pero tamén a recompensa a todas as renuncias que tiven que  facer a nivel persoal”, explicaba Noelia Florez, premio extraordinario de doutoramento. Admite que en todo este proceso o máis difícil foi conseguir publicar os resultados da tese, “non é algo doado para quen estamos arrancando a nosa carreira investigadora”. Leonesa de nacemento, agora está realizando unha estancia de investigación na Universidade do Algarve cunha bolsa de posdoutoramento, pero a súa ilusión é volver á Universidade de Vigo. No caso da ourensá Paula Seoane, premio extraordinario de fin de grao, está convencida de que “con compromiso e esforzo conséguese todo”. De nena soñaba con ser mestra, pero no bacharelato descubriu o mundo da economía e tivo claro que esa era a súa verdadeira vocación. Estudou Administración e Dirección de Empresas e agora prepara oposicións para o corpo de xestores civís do estado. 

No acto entregáronse tamén os Premios Egeria aos seis mellores traballos de fin de grao e mestrado que incorporan a perspectiva de xénero, entre os que se atopa o do graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Jairo Pazos, que recibiu tamén o premio extraordinario de grao e o premio de excelencia académica de máster, xa que actualmente cursa o mestrado en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. “Máis que nada, estes premios son un recoñecemento ao traballo”, recoñece Pazos Veiga, quen máis aló de subliñar que “o importante é o traballo do día a día”, valora a “parte afectiva” que supoñen estes recoñecementos. Neste senso, este egresado da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, quen ten “moi claro”  querer dedicarse á docencia, pon de relevo que estes tres galardóns reflicten tamén “unha compoñente cualitativa, a importancia da parte humana, que é o che permite avanzar a nivel persoal e a nivel académico”, compoñente que ao seu xuízo implican as ciencias do deporte e a docencia, ao igual que a incorporación da perspectiva de xénero, “que é un elemento que está recoñecido como transversal no currículo educativo”.

Tamén subiron este luns a recoller as súas distincións as e os estudantes galardoados cos premios de excelencia académica de grao e mestrado. Entre os premiados na modalidade de grao estaba Pablo López, estudante de primeiro curso do Grao en Enxeñaría en Organización Industrial. “Estou moi contento. Que te concedan este premio é unha honra e un orgullo, tanto para min como para miña familia”, comentaba no acto. O galardón, sinalaba, é un aliciente para seguir esforzándose nun grao “que é un pouco duro pero no que pouco a pouco vanse sacando as cousas”. Con el estaban os seus compañeiros de grao e tamén galardoados na mesma categoría Iria Ollero e Alberto Villaverde, que compartían igualmente a satisfacción por acadar este recoñecemento. Xa na modalidade de mestrado estaba Manuel Arca, estudante do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional. El recolleu este galardón, ademais do premio extraordinario fin de grao, como un recoñecemento “a catro anos de formación e esforzo”. Apuntando como “non contaba con conseguilo” amosaba a súa ilusión por ter acadado un premio que lle supón un aliciente máis para seguir realizando un mestrado no que subliñou, “estou moi contento porque temos o mesmo profesorado que no grao e traballamos moi ben”.