DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vixésimo novena edición do Simposio GE3C 2021 está organizada pola UVigo

150 investigadores de toda Europa participan nun congreso sobre Cristalografía e Crecemento Cristalino

Foi inaugurado este martes polo reitor e celébrase en modalidade virtual ata o venres

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/01/2021

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o ano 2014 como Ano Internacional da Cristalografía, a ciencia que estuda os cristais, como recoñecemento ao papel transcendental que ten esta disciplina na comprensión da Natureza e os procesos que nela teñen lugar. E é que, como explica o catedrático da Universidade de Vigo Ezequiel Manuel Vázquez, “podemos atopar multitude de cristais ao noso redor tanto naturais como sintéticos”, dende os minerais e as pedras preciosas ata no sal, o chocolate, a neve, os medicamentos ou mesmo os virus. Do seu estudo ocúpase o Grupo Especializado de Cristalografía e Crecemento Cristalino (GE3C), que pertence ás Reais Sociedades de Física (RSEF) e de Química (RSEQ), e que da man da Universidade de Vigo celebra dende hoxe martes e ata o venres o seu congreso anual. A cita desenvólvese en formato virtual coa participación de 150 expertos e expertas de toda Europa, principalmente de España, Francia, Alemaña, Reino Unido e Italia, unha cifra que superou as expectativas do comité organizador.  

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, foi o encargado de inaugurar este XXIX Simposio do Grupo Especializado en Cristalografía e Crecemento Cristalino que, como nas anteriores ocasións, constitúe un foro aberto á presentación de todo tipo de traballos de investigación, experiencias e resultados en calquera das áreas desta disciplina. Reigosa quixo destacar que tanto o panel de conferenciantes como a temática do simposio “é de primeirísimo nivel” e desexou que destes días saian “novas colaboracións, proxectos de futuro ou propostas de proxectos internacionais conxuntos”.

Ezequiel Vázquez, como presidente do comité organizador, deulles a benvida aos asistentes lembrado que o congreso tiña previsto celebrarse na cidade de Vigo no verán, pero a situación epidemiolóxica non deixou outra alternativa que atrasalo e posteriormente optar pola modalidade en liña. “Sabemos que con este formato pérdese unha parte fundamental deste tipo de xuntanzas, que é o poder coñecernos, compartir e discutir novas ideas e establecer novos contactos; non obstante, coas ferramentas implementadas cremos poder lograr o máis parecido posible a unha reunión presencial”.

Pola súa banda, a presidenta Grupo Especializado de Cristalografía e Crecemento Cristalino (GE3C) e do comité científico do simposio, Pilar Gómez Sal, recoñecía que “sempre recordaremos este congreso polas difíciles circunstancias que estamos atravesando” pero tamén facía fincapé na aposta que fai este simposio polos investigadores novos, “favorecendo e estimulando a súa participación cun amplo programa de bolsas, propoñendo a moitos deles para realizar exposicións orais e outorgando un bo número de premios para pósters presentados por científicos novos”, ademais de entregar o Premio Xavier Soláns. O reitor da UVigo gabou esta aposta do GE3C pola promoción da xuventude, por “facer canteira nun país no que ás veces se vai a tiróns no que ten que ver co financiamento e coa carreira científica do persoal investigador”. O acto inaugural completouse coa intervención dos presidentes das Reais Sociedades Españolas de Física (RSEF) e de Química (RSEQ), José Adolfo de Azcárraga e Antonio M. Echavarren.

Unha disciplina á que case ningún científico é alleo

O profesor Vázquez explica que “o coñecemento da estrutura interna dos cristais é vital para entender e predicir as propiedades dos sistemas estudados; tanto propiedades físicas (cor, condutividade eléctrica, propiedades magnéticas), químicas (reactividade, propiedades catalíticas, sensores), biolóxicas (propiedades farmacolóxicas, función biolóxica)…" Neste sentido, destaca o papel determinante da cristalografía “nas principais achegas de ramas tan diferentes como a química, a ciencia dos materiais, a xeoloxía, a bioloxía, a bioquímica, a biomedicina, farmacia ou a medicina tiveron para o avance do coñecemento científico en xeral e o desenvolvemento da sociedade actual” e remarca que estes avances teñen “rápida aplicación e é habitual atopala como ferramenta fundamental no desenvolvemento e innovación de ámbitos tan dispares como a arquitectura e artes plásticas como na industria farmacéutica ou alimentaria”. Como mostra disto, o simposio conta con inscritos que proceden de diversas áreas científicas, “como biólogos, físicos, xeólogos, químicos, entre outros, de acordo coa multidisciplinariedade que sempre distinguiu a este grupo e que dá a estas xuntanzas unha característica moi especial pola ampla e variada temática que recolle e que nos lembra que a cristalografía é unha ciencia á que case ningún científico é alleo”, explicaba na inauguración Pilar Gómez. 

De cristais moleculares multifuncionais a dispositivos electrónicos híbridos 

O simposio conta con catro conferencias plenarias e oito microsimposios en diferentes áreas temáticas e sesións de póster. Para as plenarias, a organización escolleu “catro expertos de recoñecido prestixio relacionados co avance da cristalografía e o crecemento cristalino en ámbitos tan diversos como a ciencia de materiais, a difracción de electróns, a industria farmacéutica e aplicacións na exploración espacial”. Eugenio Coronado, investigador do ICMol da Universidade de Valencia, foi o encargado de abrir o programa da xornada, tras o acto de inauguración, cun relatorio titulado Desde cristales moleculares multifuncionales hasta dispositivos electrónicos híbridos. 

Na segunda xornada, o convidado será Mauro Gemmi, do Istituto Italiano di Tecnologia, que falará sobre a difracción de electróns 3D a través da nanocristalografía. O xoves 21 intervirá Olga Prieto-Ballesteros, do CAB.INTA, do CSIC, cunha palestra sobre titulada Los clatratos de gas en el Sistema Solar y la actividad geológica asociada. A cuarta conferencia plenaria, o derradeiro día do congreso, será a de Jacobo Cruces, de Galchimia, cunha intervención titulada Descubrimiento de fármacos: la visión de una CRO.

No que se refire ás área temáticas dos microsimposios, Vázquez lembra que as comunicacións xirarán arredor de oito eidos principais, como son as aproximacións do século XXI á determinación estrutural, as organizacións metalo-orgánicas e outros materiais funcionais, a cristalografía física, o crecemento cristalino en diferentes contornas: desde a célula ao espazo, a estrutura e propiedades de materiais: desde novos minerais a biomateriais, a cristalografía química e enxeñería cristalina, a cristalografía actual de macromoléculas e a cristalografía e sociedade.