DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Moti celebrarase o día 21 e do 26 ao 30 de decembro

16 representacións para a 16 edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense

O campus acollerá varias das actuacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 18/12/2019

14 compañías, 16 representacións e seis días de actividade. Con estas cifras presentouse este mércores a 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti). Cun anticipo de teatro de rúa o día 21 de decembro, a programación desta edición desenvolverase do 26 ao 30 de decembro e nela volverá a ter un protagonismo destacado o campus de Ourense, xa que ademais de ser unha das entidades que financia o certame acollerá varios dos seus espectáculos e incluirá nela a actuación da súa Aula Universitaria de Teatro Infantil Geppetto.

A rolda de prensa de presentación da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense contou coa participación de Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense; Fernando Dacosta, director da Moti; Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello de Ourense. Os representantes institucionais coincidiron en destacar a relevancia desta cita na programación do Nadal, facendo fincapé Ana Mª Torrado no compromiso do campus coa cultura e co teatro e con ser “parte viva das actividades da cidade”.

Fernando Dacosta foi o encargado de explicar as características desta edición da Moti, que leva por lemas “dedicarlles o teu tempo é o mellor agasallo” e “unha nova xeración de nenas e nenos Moti”, atendendo a que a mostra cumpre 16 anos. Sobre a programación, o director lembrou como se desenvolverá no campus de Ourense, no Auditorio Municipal e no Teatro Principal, ademais das rúas onde se fagan actividades de animación. Das 14 compañías participantes indicou como serán “fundamentalmente teatro galego, porque hai un teatro infantil de moitísimo nivel”, aínda que tamén acudirán compañías de Andalucía, Euskadi e Asturias. As 16 representacións que se poderán ver, detallou Dacosta, abranguen unha gran diversidade de xéneros, xa que hai teatro de rúa, de actor, de sombras, para bebés, de obxectos, de marionetas, xestual e de máscaras; circo; clown e teatro musical e concertos. “A música ten un papel moi importante nesta Moti”, indicou o seu director.

O orzamento da 16ª Mostra de Teatro Infantil de Ourense ascende a 45.000 euros, 13.000 euros achegados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense. O prezo das entradas será de tres euros nas representacións nos espazos universitarios e na actuación de Geppetto e de catro euros no resto de espectáculos, excepto os de animación de rúa que son de balde.

Programación no e desde o campus

A programación no campus arrancará o xoves 26 na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro coa representación de Cartoóns, unha peza de comedia-clown da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas e Teatro Adro, destinada a un público a partir de catro anos. O venres esta sala universitaria acollerá a representación de teatro de sombras La mona simona, da compañía asturiana La Sonrisa del Lagarto. Por último, o domingo chegará ao campus, nesta ocasión á antiga capela situada no pavillón I, a peza de circo-teatro , dos galegos Xampatito Pato. Ademais, o xoves 26 de decembro, o Auditorio Municipal acollerá a estrea da última obra de Geppetto, a Aula Universitaria de Teatro Infantil do campus de Ourense, titulada Mati e os superpoderes. A peza é froito do traballo que esta aula desenvolve desde principios de curso no marco dos obradoiros universitarios.

Como xa é tradición, a recadación das representacións no campus de Ourense destinaranse a Unicef. Como novidade nesta edición, a Moti colabora no eido solidario tamén coa asociación Amencer, que colocará nos tres espazos onde haberá actuacións unha caixa de recollida de alimentos e xoguetes na que as persoas que se acheguen poderán deixar as súas doazóns.