DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se recolle nun proxecto elaborado ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0 

Só un 2% das mulleres tituladas pola UVigo no ámbito da enxeñaría non detecta discriminación de xénero nos seus postos de traballo

Ninguneo profesional e dificultades para promocionar son as discriminacións máis habituais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 11/03/2020

Se a presenza das mulleres nas titulacións do ámbito das enxeñarías experimentou nos últimos anos un estancamento, cando non un retroceso, a súa situación unha vez incorporadas ao mercado laboral tampouco é doada para algunhas delas. Así o recoñece parte das egresadas nas titulacións que desde o ano 2005 se imparten nas escolas de Minas e Enerxía, Telecomunicación, Industriais e Forestais da Universidade de Vigo, agora incorporadas ao mercado laboral, e que participaron na enquisa do proxecto Rendemento académico e egreso das mulleres nos graos de enxeñaría da UVigo. No estudo, elaborado por persoal investigador da institución académica viguesa ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0, só un 2% das mulleres tituladas pola Universidade de Vigo en estudos do ámbito da enxeñaría confirmou que non detecta discriminación de xénero nos seus postos de traballo. Financiado pola institución académica viguesa e a Deputación de Pontevedra, o proxecto, que foi presentado hoxe na EE de Minas e Enerxía co gallo dos actos de celebración do Día Internacional da Muller, analiza, por unha banda, o ingreso, desenvolvemento dos estudos e egreso das estudantes de enxeñaría e, pola outra, a situación laboral das persoas egresadas, homes e mulleres, estudando tamén os datos dispoñibles doutras titulacións masculinizados, como o grao e mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade de Coruña e, a efectos comparativos, as titulacións de ciencias da saúde da Universidade de Vigo, ao ser estudos moi feminizados.

A enquisa enviada ás e aos egresados foi respostada por 509 persoas, un 33% mulleres e 67% homes. Entre o colectivo masculino que traballa na actualidade no eido dos seus estudos, unha elevada porcentaxe – 68%-  asegura non detectar ningún tipo de discriminación de xénero no ámbito laboral, mentres que só un 2% das mulleres enquisadas que están a traballar na actualidade, non recoñecen situacións de discriminación por xénero. “As mulleres detectan moita máis discriminación que os homes, o cal é un dato que é común a diferentes enquisas sobre igualdade: as mulleres adoitan detectar máis desigualdade de xénero e nun eido laboral masculinizado como as enxeñarías resulta claro que perciben dun xeito claro as diferentes discriminacións que resultan invisibles para os homes”, explican as e os autores do informe. O ninguneo profesional (54,1%), a existencia da fenda salarial (47,5%), as dificultades para promocionar (45,9%) e o acoso sexual por razón de xénero (14,8%) son segundo as profesionais da enxeñaría, actualmente en activo, os tipos de discriminación por razón de xénero detectados nos seus postos de traballo.

Da enquisa tamén se conclúe que son as mulleres as que nunha maior porcentaxe apuntan a necesidade de medidas de conciliación da vida familiar e laboral para acadar maiores cotas de igualdade. “No noso contexto, desde hai unha década estase a facer un especial énfase na denominada crise dos coidados como unha das crises que temos que enfrontar como sociedade”, sinalan as e os investigadores da UVigo.

Estancamento na matrícula e maiores taxas de rendemento e avaliación para as mulleres

O proxecto Rendemento académico e egreso das mulleres nos graos de enxeñaría da UVigo tamén analiza aspectos relativos ao ingreso, desenvolvemento dos estudos e egreso das mulleres nos títulos relacionados coa enxeñaría, dende as antigas titulacións LRU, ata a implantación dos actuais graos, destacando o  estancamento na proporción de mulleres matriculadas nestes estudos, que acada un valor medio do 22% para as titulacións adaptadas ao EES e do 25% nas LRU. O curso 2012-2013 foi no que a presenza feminina acadou a cifra máis elevada con 205 mulleres, fronte a 698 homes, e o 2017-2018 o que menos, con 135 mulleres e 597 homes. O estudo constata, non obstante, o carácter menos masculinizado dalgunhas titulacións como Enxeñaría Química, onde a presenza feminina supera o 50% e que contrasta con Enxeñaría Eléctrica onde non superan o 20%. 

“Neste ambiente masculinizado, as rapazas que cursan graos en enxeñarías amosan, non obstante, un rendemento académico máis satisfactorio que os homes en termos de número de créditos avaliados e superados, respecto dos matriculados”, sinalan as persoas autoras do estudo, así, as taxas de rendemento e avaliación das mulleres son sempre e en todos os casos máis elevadas que as dos homes e a taxa de éxito tamén é máis alta en catro dos nove cursos académicos analizados. Porén, non se atopan diferencias entre homes e mulleres respecto a outros índices académicos como taxa de graduación, nota media de egreso, taxa de abandono ou duración dos estudos.

As e os autores do proxecto sinalan que o feito no que cómpre focalizar a atención é a baixa presenza das rapazas neste tipo de estudos, fomentando dende idades temperás, mesmo en educación primaria, vocacións STEM. “Neste sentido valoramos como moi positivas iniciativas como Inspira STEM, impulsada desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo, que se focaliza na motivación de vocacións STEM e na loita fronte a estereotipos limitantes en niveis de educación primaria”, explican. Xunto a Teresa Rivas, investigadora principal, do Departamento de Recursos Naturais e Medio Ambiente, tamén participaron no estudo as e os docentes da UVigo Asunción Longo, Soledad Torres, Ángeles Saavedra, María Araújo, Santiago Pozo, Elena Alonso, Verónica Salgueiriño e Iria Vázquez e as investigadoras da UDC Ana Jesús López, Almudena Filgueira e Lucía Santiago.

Visiblizando o papel da muller na enxeñaría de minas e enerxía a través da fotografía

Fernando Diaz Riopa con Río Tinto Cu (I) gañou o primeiro premio do concurso de fotografía Muller.Rme 2020 da EE de Minas e Enerxía, que este mediodía deu a coñecer as imaxes gañadoras do certame que organiza o centro co gallo do Día Internacional da Muller e que ten o obxectivo de visibilizar a participación das mulleres en actividades relacionadas coa profesión de enxeñaría de minas e enerxia. Pola súa banda, Nuria Mouronte Baltar con Dividiendo el trabajo, multiplicando el resultado e María Lago Girón con Reflexión, gañaron o segundo e terceiro premio, respectivamente, do certame sobre o que a directora do centro, Elena Alonso, asegura que “na escola lle temos moito cariño e pouco a pouco se está a facer un oco e está a permear nun ámbito no que non contabamos: no sector empresarial e industrial”. 

Este ano presentáronse 27 fotografías ao concurso.